O historiador italiano que chega a Galicia para afondar na relación da Igrexa co medio ambiente

Marco Armiero intégrase no CISPAC a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia tras recibir unha Advanced Grant polo seu proxecto

Estados Unidos, Suecia, Italia. Estes son algúns dos contextos universitarios nos que traballou Marco Armiero, o historiador ambiental que se integrou este ano no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago (USC), que chega a Galicia a través do programa Oportunius, unha iniciativa da Xunta de Galicia para atraer e reter talento científico e innovador á comunidade. O investigador de orixe italiana procede da Universidade Autónoma de Barcelona e lidera un proxeco sobre a relación entre Igrexa católica e medio ambiente, co que conseguiu unha Advanced Grant de 2,5 millóns de euros.

“Na miña vida académica mesturáronse sempre as motivacións persoais, os afectos, os estímulos intelectuais e as oportunidades como medrar”. Así comeza a narración sobre a súa traxectoria investigadora, ao longo da que se foi atopando con referentes do seu eido de coñecemento como o profesor Donald Worster, con quen tivo a oportunidade de estudar en Kansas en 1999. Neste contexto de crecemento persoal, o CISPAC resúltalle ao historiador “extremadamente atractivo”, sobre todo pola súa interdisciplinaridade e ambición.

Publicidade

Con todo, na chegada de Marco Armiero a Galicia agóchase tamén unha fermosa vontade persoal: está casado coa profesora Stefania Barca, docente na USC e investigadora asociada ao CISPAC, da que, durante décadas, tivo que vivir afastado entre traballos en diferentes países. “Tivemos a oportunidade de reencontrarnos aquí”, comparte. Ademais, engade unha cuestión que está á orde do día no contexto da investigación: “Pregúntome se non habería que reflexionar sobre un modelo de vida académica que parece non ter en conta os afectos e os coidados”. Así, o historiador ambiental é gratamente recibido en Galicia e, máis concretamente, no CISPAC.

O enfoque ecoloxista da Igrexa católica

O Oportunius informa de que o pontificado do Papa Bergoglio marcou un xiro ecoloxista crucial para a Igrexa católica e a encíclica Laudato Si, escrita polo Papa Francisco, considérase un texto fundamental neste contexto. Pero, o equipo pregúntase: Cales foron os momentos decisivos? Que resistencias houbo? “Queremos estudar a historia do interesa da Igrexa polas cuestións ecolóxicas dende os anos setenta ata o pontificado de Francisco”, sinala o novo integrante do CISPAC. Con todo, explicita que non se trata dun proxecto celebrativo nin confesional: non interesa demostrar que a Igrexa fose ecoloxista ou antiecoloxista, senón dende unha perspectiva concreta. Así, o proxecto, recoñecido cunha Advanced Grant, estrutúrase arredor de cinco estudos de caso en Filipinas, Brasil, Estados Unidos, Sudáfrica e Italia, ademais duoha investigación paralela sobre o papel da Santa Sé nas Nacións Unidas en relación coas cuestións ecolóxicas. “Será unha excelente oportunidade para traer a Santiago de Compostela investigadores novos de todo o mundo”, informa Marco Armiero.

Publicidade

Armiero comeza por explicar que os historiadores da Idade Media explicaron ata que punto a Igrexa católica, a través dos seus mosteiros, contribuíu a configurar a paisaxe europea. “Canto máis nos achegamos á época contemporánea, menos poderosa parece esta influencia“, sinala. Con todo, sinala o papel indudable da Igrexa en conflitos ecolóxicos como, por exemplo, as loitas contra o extractivimos en América Latina ou en Filipinas; nas loitas contra a enerxía nuclear nos Estados Unidos; as loitas pola terra en Brasil, ou as loitas contra a contaminación en Italia.

“A Igrexa tamén proporcionou ferramentas interpretativas para abordar e comprender as crises ecolóxicas”, subliña, xa que, por exemplo, nos desastres tratan de despolitizar os acontecementos, chorando polas vítimas sen nomear os responsables. Con todo, o proxecto liderado por Marco Armiero abordará a cuestión dende a teoloxía da liberación, que, pola contra, propón unha lectura política do pecado en termos de opresión social e defende a necesidade de liberarse do mal a través da emancipación social.

Novas iniciativas no CISPAC

“O programa Oportunius é extremadamente xeneroso, quizais único no seu xénero”, comenta Marco Armiero, a quen esta iniciativa permitiu crear o Radical Environmental Humanities Hub (REH₂), un novo laboratorio internacional e interdisciplinar do CISPAC comprometido coa coprodución de coñecemento para “unha transformación socialmente xusta” e “poñer as humanidades ao servizo dos grandes desafíos da crise ecolóxica contemporánea” —cambio climático, migracións, guerras, pandemias, contaminación—. “Este centro da USC ten unha actitude xenerosa e aberta, algo que non sempre é habitual no mundo académico”, subliña.

A internacionalización da investigación feita en Galicia

A incorporación de Marco Armiero ao programa Oportunius eleva a 28 o número de investigadores contratados pola Xunta: “Ofrece un contrato permanente e proporciona apoio para crear un grupo de investigación dende cero“. Así, coa súa chegada a Galicia, unha das cousas que lle gustaría aportar ao italiano no sistema investigador de Galicia é a internacionalización: por unha banda, reforzando o Radical Environmental Humanities Hub e, por outra, tendo a vontade de crear un máster que sitúa ao CISPAC no mapa a través dunha innovadora proposta docente.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Galicia exhibe a súa biotecnoloxía en BioSpain coa participación de máis dunha decena de organizacións

O ecosistema galego reúne en Bilbao empresas, universidades e centros de investigación, e pon o foco no crecemento dun sector que xa suma 162 compañías activas

Unha reconstrución dixital amosa a representación da ‘Odisea’ nunha columna da catedral de Santiago

Un profesor da USC relaciona as viaxes de Ulises coas que leva a cabo un peregrino seguindo a fe do cristianismo a través da iconografía da construción

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados