Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

O traballo das mulleres foi esencial para o sostemento das comunidades rurais, tanto nas tarefas produtivas como no ámbito doméstico, nos coidados e na organización da vida cotiá. Este é un dos principais resultados da investigación desenvolvida na parroquia de San Vicente de Trigás (Mondoñedo) arredor do papel histórico das mulleres no rural. O estudo, no que participan investigadoras das tres universidades galegas, parte dos resultados das escavacións arqueolóxicas realizadas no xacemento do Combarro, que documentaron unha ocupación rural altomedieval coa que aproximarse ás formas de vida, organización dos espazos, actividades cotiás e transformacións da comunidade ao longo do tempo. As conclusións do estudo preséntanse o sábado 10 de outubro no Pazo de San Tomé (Cuartel Vello) de Mondoñedo.

O xacemento permite coñecer como se construíu historicamente o rural e como se articularon as actividades produtivas, domésticas e de mantemento; estes datos dialogan coa etnografía e memoria oral das mulleres da parroquia, permitindo establecer unha lectura transhistórica das prácticas de coidado, traballo cotián e transmisión de coñecementos. Esta realidade “converteu as mulleres en axentes fundamentais da vida rural”, destaca Celtia Rodríguez González, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). O estudo procura recuperar e visibilizar experiencias que quedaron fóra dos relatos tradicionais, situando os coidados e as actividades de mantemento como elementos centrais para comprender historicamente a organización das sociedades rurais.

Publicidade

Transmisión de coñecementos e saberes

Tal e como destaca Celtia Rodríguez, “a investigación mostra unha clara dobre carga de traballo feminino, xa que as mulleres participaban activamente nos labores agrícolas, gandeiros e noutras actividades económicas, ao tempo que asumían de maneira maioritaria os coidados, a crianza, a alimentación, a xestión doméstica e outras tarefas indispensables para a reprodución da vida”. Desempeñaron tamén, continúa a investigadora, “un papel central na transmisión de coñecementos e saberes entre xeracións, vinculados ao traballo, ao territorio, aos recursos, á alimentación, aos coidados e ás prácticas comunitarias”.

A combinación entre escavación arqueolóxica, etnografía e memoria oral permite reconstruír unha historia do rural que vai máis alá dos grandes acontecementos. Así, o xacemento do Combarro evidencia a existencia dunha comunidade rural cunha longa traxectoria histórica. “O estudo pon de manifesto que moitas das actividades que sostiveron o rural quedaron infrarrepresentadas nos relatos históricos tradicionais, especialmente aquelas relacionadas cos coidados, o mantemento e o traballo doméstico, malia seren fundamentais para a supervivencia das comunidades, e evidencia que as mulleres foron protagonistas activas na organización da comunidade, na xestión dos recursos, na conservación da memoria e na configuración das paisaxes que chegaron ata a actualidade”, conclúe a investigadora.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica