Como sería a Galicia máis desexable? Como se xestionaría a súa enerxía, os seus hábitats, a súa comunidade e os seus recursos alimentarios? Estas son as preguntas que trata de responder o Laboratorio de Imaxinación Utópica do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través dunha maqueta virtual interactiva. O proxecto, baseado na ciencia cidadá e na historia aplicada, imaxina unha Galicia alternativa. A iniciativa desenvolveuse ao abeiro das axudas para a investigación posdoutoral Xan de Forcados.
As persoas que visiten o web poderán viaxar por unha paisaxe interactiva vertebrada a partir de catro eixos temáticos —comunidade, hábitat, enerxía e alimentación—, que mostran distintas posibilidades para unha Galicia desexable. O dereito a unha vivenda accesible deseñada sobre o equilibrio entre o colectivo e o individual, a existencia de distribuidoras locais de enerxía renovable, a aposta polos comedores comunitarios, a atención aos coidados ou o artellamento doutro modelo de transporte son algúns dos elementos presentes na maqueta.
A través desta representación virtual, o Laboratorio de Imaxinación Utópica pretende ofrecer unha ferramenta aberta ao conxunto da sociedade que facilite a discusión colectiva arredor do futuro do territorio, e que mesmo poida inspirar a organizacións e comunidades locais para a súa implementación.
Unha unión interdisciplinaria
Promovido por un equipo interdisciplinario integrado por persoal investigador USC e da Universidade de Vigo —Luis Toledo Machado (USC, coordinador), Almudena Fiunte Blanco (UVigo), David Fontán Bestilleiro (USC), Antonio Giráldez Blanco (USC) e Noortje Keurhorst (UVigo)— o laboratorio contou coa participación de preto de 20 representantes de distintas entidades con experiencia na xestión e na investigación arredor do territorio (comunidades de montes, comunidades enerxéticas, grupos de vivenda, asociacións locais…).
Este proceso de cocreación deu lugar a un obradoiro no cal, a partir da reflexión sobre a historia das utopías, puxéronse en común os desafíos e arelas do presente. Finalmente, a discusión colectiva derivou na realización da maqueta virtual, así como dun fanzine artístico accesible tamén na web. Ademais, a partir da análise do proceso e dos resultados, o equipo investigador está a preparar un documento resumo de políticas que poderá ser utilizado polas distintas administracións.













