Un oso pardo cantábrico rasca o seu lombo contra o tronco dunha árbore. É unha danza hipnótica. Non o fai só para aliviar proídos ou molestias, senón para comunicarse con outros exemplares: a través do olor e das hormonas que quedan impregnadas na cortiza, transmiten información social. Durante o rascado, algúns pelos tamén quedan prendidos na árbore e poden achegar datos xenéticos de incalculable valor. Este é un dos puntos de partida da tese de Esther Valderrábano Cano. Xunto ao seu equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do CSIC recolleu 21.000 pelos de oso pardo cantábrico (Ursus arctos pyrenaicus) ao longo dun ano co obxectivo de descifrar, a través do ADN de restos capilares, os comportamentos sociais da especie.
“Moitas condutas xa están descritas bibliograficamente a través da observación. A novidade do noso estudo é facelo con técnicas xenéticas”, indica a investigadora. As cifras dan conta da dimensión da análise: recolleron 21.000 pelos en 18 árbores de rascado e identificaron 179 individuos únicos —dunha poboación de arredor de 400 exemplares—. “Purificamos técnicas xenéticas xa descritas e extraemos o ADN da forma máis pura posible. É un estudo complexo. Resulta moi difícil analizar material xenético a través dun só pelo”, describe Valderrábano. Malia o desafío, lograron resultados e demostraron que non é preciso capturar animais para obter información xenética precisa.
As femias, preto das nais
O primeiro comportamento que lograron confirmar foi a “filopatría feminina”. É dicir, as osas permanecen próximas ás nais ao longo de toda a súa vida, a unha distancia máxima de 10 quilómetros. Pola contra, os machos desprázanse a uns 30 quilómetros de distancia cando teñen ano e medio e chega o momento de separarse. Este comportamento, que xa se rexistrara mediante observación, é un “mecanismo contra a consanguinidade”: os machos afástanse das femias coas que están emparentadas e, así, tamén se reducen as taxas de infanticidio. Como indica Valderrábano, é unha estratexia biolóxica para garantir a conservación da especie.
Patróns de desprazamento
O outro trazo social que lograron confirmar a través da xenética foron os patróns de desprazamento durante a época de celo. “Desprázanse a zonas afastadas, pero en setembro volven á súa contorna orixinal de hibernación”, explica a investigadora. Cumpren, por tanto, cunha serie de patróns circulares que os levan a moverse durante o celo e que os atrae de novo ao seu lugar de hibernación cando remata este período. Esta información é clave para avaliar o impacto ecolóxico das zonas nas que viven para que, cando se realicen actividades nesas contornas, se teñan en conta os ciclos de actividade dos osos. “Necesitamos máis investigación para coñecer as súas pautas de mobilidade”, sinala.

Valderrábano lembra que a poboación de oso pardo cantábrico estivo nunha situación moi crítica nos anos oitenta, cando só quedaba medio cento de exemplares. Dende o punto de vista cuantitativo hai motivos para o optimismo, xa que agora se calcula que hai uns 400 individuos. Non obstante, nunha poboación tan reducida hai elevados niveis de consanguinidade que poden comprometer a continuidade da especie. A tese de Valderrábano ofrece un dato positivo: “Están diminuíndo grazas a estes mecanismos sociais que teñen”.
Evitar o infanticidio
Son especialmente rechamantes as estratexias que poñen en marcha as femias para evitar o infanticidio e a consanguinidade. O equipo da USC e do CSIC tamén corroborou que as osas buscan o maior número de encontros posible durante a época de celo. “Fanlles crer que eles poden ser os futuros pais. Ao ano seguinte, cando o macho atopa a femia coas súas crías, non as vai matar porque pensa que son del”, detalla Valderrábano. De igual modo está o mecanismo da pausa embrionaria, polo que o blastocito non se adhire á parede uterina ata decembro, cando entra a hibernar, a pesar de que a monta se produciu en primavera. “A osa detén a xestación porque é unha forma de seleccionar a paternidade”, incide.
Motivos de esperanza
A tese de Valderrábano, que recibiu a cualificación cum laude, non só se centra na aplicación de técnicas xenéticas para descifrar comportamentos sociais. Outra das perspectivas máis salientables do seu traballo foi a medición do estado parasitario da especie: “Temos unha poboación de osos moi saudable”, apunta. “O oso cantábrico está sendo capaz de recuperarse, de adaptarse ben á contorna, ten uns ciclos naturais completos, os parasitos mostran un estado sanitario correcto e a poboación non perdeu a capacidade de conduta natural”, matiza a investigadora. Pese ás boas noticias que se desprenden do seu estudo, pide non baixar a garda e alerta de que o número de mortes por accidente está aumentando.
Outro aspecto clave da investigación é a relación do oso pardo cantábrico coa gandería extensiva, unha actividade económica imprescindible para o rural e para o monte. Segundo Valderrábano, a relación entre ambos é necesaria: non se contaxian parasitos e beneficíanse mutuamente da conservación das súas actividades. Tanto a vaca como o oso son grandes diseminadores de sementes, e son fundamentais para garantir un elevado grao de biodiversidade vexetal no monte. “O oso pode camiñar ata 30 quilómetros ao día. Mentres o fai, defeca, e vai sementando toda clase de especies herbáceas e vexetais que son vitais para a vaca”, sinala a autora da tese.

“A poboación de oso cantábrico estase recuperando ben, pero aínda podemos aspirar a máis”, insiste Valderrábano. A investigadora pide non baixar a garda e lembra como a especie pendeu dun fío nos oitenta e agora se vai recuperando progresivamente dende os noventa. A súa principal aspiración é que se continúen a publicar estudos que confirmen a tendencia positiva que recolle na súa tese. Ata o momento, as noticias son esperanzadoras e todo apunta a que a poboación de oso cantábrico está nun bo momento. As políticas de conservación foron clave para a progresiva recuperación da especie, a pesar de que os humanos —sobre todo pola caza indiscriminada— levaron a poboación ao límite.
“Hai rexistros de osos no século XVII en Toledo”, di Valderrábano. Con este dato, ilustra a extensa distribución xeográfica da especie hai 400 anos e como unha gran diversidade de factores, sobre todo humanos, reduciu considerablemente o seu número e as dimensións do seu hábitat. “Non chegamos a ese punto de forma drástica. Fixémolo pouco a pouco”, apunta a investigadora en relación ao medio cento de exemplares que só se contabilizaban nos oitenta. Agora, con 400 e unha tendencia positiva, talvez sexa hora de resarcir a historia.













