A profesora axudante doutora da Universidade de Santiago (USC) Carme López Fernández, da Área de Didáctica da Expresión Musical da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, elaborou o material O Camiño de cantigas: música tradicional para instrumentación escolar. Trátase dun recurso didáctico que reúne información sobre o repertorio tradicional galego, o seu contexto territorial e cultural, e diferentes actividades didácticas para traballar os seus contidos arredor de dez arranxos musicais. A selección musical percorre distintas localidades do Camiño Francés, desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela, establecendo unha relación entre as pezas, os lugares de recollida e o patrimonio xacobeo.
Este recurso didáctico é o resultado do proxecto de investigación ‘Música tradicional ao longo do Camiño de Santiago: arranxos para instrumentación escolar’, financiado na IX Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións promovida pola Cátedra Institucional da USC co mesmo nome, froito da colaboración entre USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Un papel clave no Camiño
Tal e como explica a investigadora, a música desempeñou un papel significativo no Camiño de Santiago, “aínda que a súa presenza nos estudos académicos sobre o fenómeno xacobeo apenas se vinculou coa música tradicional galega, cuxa conservación, difusión e transmisión ás novas xeracións requiren o desenvolvemento de propostas educativas que favorezan o seu coñecemento e práctica”.
Así, dada a carencia de materiais didácticos especificamente deseñados para traballar este repertorio nas aulas, especialmente mediante instrumentos e recursos habitualmente dispoñibles nos centros educativos, o proxecto de investigación tivo como obxectivo principal elaborar un material didáctico que permita establecer unha conexión entre a música tradicional galega e o Camiño de Santiago a través de arranxos musicais adaptados á instrumentación escolar. Entre os seus obxectivos específicos encontrábanse identificar e analizar o repertorio tradicional vinculado ás rutas xacobeas, realizar arranxos musicais adecuados ás diferentes etapas educativas, fomentar o coñecemento e a difusión do patrimonio musical galego e favorecer a comprensión das relacións entre música, territorio e Camiño de Santiago.
Métodos educativos e artísticos
A investigación presenta un enfoque fundamentalmente cualitativo, combinando métodos propios da investigación educativa e artística. O proceso desenvolveuse en diferentes fases que incluíron unha investigación bibliográfica e fonográfica para localizar e seleccionar repertorio tradicional procedente de localidades polas que transcorre o Camiño Francés; a análise musical e a elaboración de arranxos para instrumentación escolar; a contextualización xeográfica, histórica e cultural das pezas seleccionadas; e o deseño de propostas didácticas para facilitar a súa aplicación na aula. Os arranxos realizáronse tomando como referencia principalmente a instrumentación Orff, con liñas de dificultade progresiva que permiten adaptar as obras a diferentes idades, niveis e contextos educativos.
O material —concibido principalmente para Educación Primaria e Secundaria, aínda que presenta posibilidades de adaptación a outros niveis— foi sometido a dúas experiencias de implementación para avaliar a súa funcionalidade e adecuación didáctica, empregando grupos de discusión e diarios de aula como instrumentos de recollida de información. Os resultados mostran unha valoración positiva da proposta, destacando especialmente a motivación xerada pola práctica vocal e instrumental. As experiencias permitiron comprobar a viabilidade dos arranxos, o seu carácter progresivo e a súa capacidade de adaptación a diferentes niveis e contextos educativos. Tamén puxeron de manifesto a escasa presenza da música tradicional nas experiencias escolares do alumnado e as posibilidades aínda pouco exploradas de utilizar o Camiño de Santiago como elemento vertebrador de aprendizaxes musicais e interdisciplinares.
A súa difusión a través dunha plataforma web, xornadas, seminarios e actividades académicas permite ampliar o seu alcance e facilitar a súa utilización por parte do profesorado. A investigación pon de manifesto o potencial educativo de conectar música tradicional e territorio, ofrecendo novas oportunidades para traballar o patrimonio cultural inmaterial desde a experiencia musical directa e favorecendo o desenvolvemento de propostas educativas innovadoras e interdisciplinares.













