Unha imaxe vale máis que mil palabras. Este é un dito que reflicte á perfección o que lle acontece ao ollo humano ao ver a riqueza dos fondos mariños de Galicia tal e como os amosan os documentais. É o exemplo da curtametraxes Baixo as augas da Mariña-Ortegal, cinta que recibe un prestixioso galardón no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián na categoría “Cantábrico”. Trátase do festival de cine submarino máis antigo do mundo, organizado por Subacuáticas Real Sociedad dende 1975. No documental, o biólogo mariño orixinario de Foz Carlos Gil amosa a fermosa biodiversidade que agocha o mar da Mariña-Ortegal, gravado dentro do proxecto DIVULMAR do GALP Mariña Ortegal. Nos próximos meses, os autores comezarán unha xira para a súa proxección en máis de 30 localidades.
O focense sinala que recibir este premio foi unha sorpresa. “Presenteime ao certame sen ningunha expectativa, apoiado pola miña muller Ana”, conta cun sorriso. Así, sen querer, foi como logrou poñer a costa galega e os seus fondos no mapa internacional. Carlos Gil ten un centro de mergullo en Lugo dende onde descobre puntos interesantes da costa da provincia para a súa futura da conservación. A viaxe realizada polo documental comeza en Ribadeo e continúa ata Valdoviño, recompilando gravacións ao longo dun ano en forma de imaxes subacuáticas, terrestres e aéreas.
A Mariña-Ortegal é, segundo explica o biólogo, un “punto de transición” entre as augas tipicamente cantábricas —con correntes mariñas cálidas— e as máis bravas do océano Atlántico. “Na nosa zona atopamos os dous ecosistemas“, aclara o galardoado en Donosti.
Os corais negros, un segredo agochado en Lugo
Na curtametraxe amósase unha biodiversidade mariña que, en moitas ocasións, pasa desapercibida. Carlos Gil e o seu grupo teñen preto da praia das Catedrais un punto de mergullo habitual cunha ampla variedade de especies catalogadas como vulnerables. Un dos exemplos que se poden atopar nestas augas son os corais negros (Antipathes) e o falso coral negro, especies difíciles de atopar. “Podería tratarse do único punto do norte peninsular no que se encontran a estas profundidades de buceo recreativo“, explica, a pesar de que as persoas que poden acceder a eles deben ter unha experiencia avanzada. Normalmente estes corais viven entre os 30 e 80 metros de profundidade, distancias máis fondas cas de Galicia: “Atopalos aquí é unha sorte e merece atención especial no eido da conservación”, subliña.
Cambios nos ecosistemas e valorización
Cando se lle pregunta a Carlos Gil polo estado actual dos ecosistemas submarinos da Mariña-Ortegal, a súa resposta é clara: “Os fondos están a cambiar”. Galicia, coas súas augas frías e ricas en nutrientes, está chea de bosques de grandes algas laminarias estacionais. “O que estamos vendo nas zonas de transición é que non medran tanto ou son menos abundantes“, explica, transformándose nun ecosistema máis típico do Cantábrico. Nos últimos 12 anos, os que levan mergullando neste enclave costeiro, notifican bioindicadores de cambio e a aparición de especies novas e estranxeiras, como a alga asiática Rugulopteryx okamurae, que xa afecta a Galicia. Ademais, estas transformacións dos bosques de algas tamén poden ter un efecto a nivel socioeconómico polo impacto nas especies de interese comercial. Con todo, desenvolver os quebracabezas deste problema son froito da investigación.
Baixo as augas da Mariña-Ortegal representa dunha forma fermosa, a través da imaxe, o patrimonio mariño de Galicia. “En Donosti haberá moitos traballos internacionais, e espero que esta curta permita que os asistentes se sintan identificados co norte“, conclúe Carlos Gil, sempre coa mensaxe implícita da responsabilidade individual de coñecer e conservar o fondo mariño.














