A alga asiática que arrasa Cádiz chega as Cíes e expándese pola costa galega

Unha especie invasora detectada previamente en Cádiz consolida a presenza en augas do noroeste e preocupa polo seu impacto ecolóxico e económico

A alga asiática que asolou as costas de Cádiz no ano 2025 fora detectada en Galicia xa un ano antes. Coñecida cientificamente como Rugulopteryx okamurae, na provincia andaluza chegaron a recollerse 78 toneladas diarias durante o mes de xullo. Aínda que a súa presenza en Galicia non acada as dimensións observadas en Cádiz, a súa expansión respecto ao verán pasado é evidente: esta especie invasora xa está presente no Parque Nacional das Illas Atlánticas. “Detectamos indiviudos dispersos”, sinala Pilar Díaz Tapia, profesora titular do departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC) e unha das investigadores que participan no proxecto da Consellería do Mar para mapear a súa distribución.

As poboacións localizáronse concretamente nas Illas Cíes e, aínda que non forman unha cobertura continua sobre o substrato rochoso, xa están presentes neste espazo protexido. O equipo identificou a súa presenza en setembro de 2025, a última ocasión na que puideron realizar mostraxes e mergullos debido á sucesión de borrascas dos meses posteriores. Pequenas poboacións con individuos dispersos tamén foron detectadas na costa de Oleiros (A Coruña). Novas imaxes facilitadas polo cámara submarinista Manuel García Blanco e polo equipo de Buceo Islas Cíes documentan tamén a súa presenza tamén na Cala do Rei, en Cangas do Morrazo, e nos arredores da Illa de Toralla, en Vigo, aínda que estes non son os casos máis preocupantes.

As concentracións máis extensas seguen asentadas en Monteferro (Vigo), no Grove e na Coruña, especialmente na zona de San Amaro. “Aparecen ao longo de máis de cen metros de costa, entre 0 e 20 metros de profundidade, con poboacións moi densas“, advirte Pilar Díaz. Segundo explica, a situación agrávase durante a primavera e o verán, cando a Rugulopteryx okamurae experimenta un crecemento masivo, favorecido, sobre todo, pola súa elevada capacidade de reprodución.

Difícil detección

O principal obstáculo para controlar a expansión desta especie invasora reside no seu hábitat de crecemento: a Rugulopteryx okamurae desenvólvese no submareal, o que dificulta enormemente a súa detección. Isto implica que, se os expertos non realizan inmersións, a súa presenza pasa desapercibida. Só cando aparece en pozas do intermareal resulta visible. “Se se detecta nas pozas, ao mergullarse haberá moitas máis”, advirte Díaz Tapia. Con todo, vixiar toda a costa galega resulta moi complexo, e máis aínda realizar mergullos ao longo de todos os seus quilómetros.

A identificación tamén presenta dificultades, xa que esta alga é moi semellante a dictiota dicótoma (Dictyota dichotoma). Para diferencialas con precisión é necesario realizar un corte no talo e analizala ao microscopio. Ademais, o aumento da temperatura da auga nos últimos anos favorece á súa adaptación, ao proceder de rexións asiáticas máis cálidas.

'Rugulopteryx okamurae' captadas en Toralla e na praia do Bao en Vigo o 1 de marzo de 2026. Foto: Manuel García Blanco
‘Rugulopteryx okamurae’ captadas en Toralla e na praia do Bao en Vigo o 1 de marzo de 2026. Foto: Manuel García Blanco

Estratexias de invasión

A investigadora da USC explica que esta especie se fixa principalmente sobre substratos rochosos, onde inicia o seu proceso reprodutivo. Por unha banda, deixa fragmentos adheridos ás rochas; por outra, libera grandes cantidades de biomasa que permanecen en suspensión na auga, continúan realizando a fotosíntese e resultan facilmente dispersables. Grazas a este mecanismo, cada exemplar pode chegar a clonarse ata 600 veces. “Esta alga non flota, permanece no fondo, pero os temporais, as correntes e a actividade humana poden espallala cara a outras zonas”, sinala.

Outra das súas estratexias consiste en enredarse con outras algas, como as cistoseiras ou as gorgonias. “No sur de España e nas Azores fálase de desprazamento; máis que eliminar outras especies, medra sobre elas e non deixa que crezcan”, explica Pilar Díaz.

A importancia do ADN ambiental

O proxecto no que participa Pilar Díaz Tapia implica ás universidades de Santiago e A Coruña, e está financiado por REDEMAR, o programa da Consellería do Mar que conecta o sector pesqueiro coa comunidade científica. O seu labor céntrase no desenvolvemento de ferramentas baseadas en ADN ambiental para localizar a presenza da especie e cartografar a súa distribución. Debido á súa semellanza con outras algas, o equipo aposta por este método como unha vía máis precisa de identificación. A través da análise de mostras de auga ou sedimento, os investigadores poden detectar a presenza de Rugulopteryx okamurae sen necesidade de observación directa, o que facilitaría un seguimento máis eficaz da súa expansión.

Consecuencias económicas e ambientais

“Pensar en conter esta especie invasora é imposible”, advirte Pilar Díaz Tapia. Esta perspectiva coincide coa de Antonio Figueras, profesor de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, quen alerta das posibles consecuencias en Galicia tras o sucedido en Cádiz: “A pesca de polbo, choco e linguado caeu nun 30%”. Nun territorio como Galicia, cunha das maiores frotas de pesca de baixura de Europa, o impacto podería ser semellante. Un dos principais problemas está nos arrastres, xa que o peso da biomasa provoca a rotura das redes e dificulta a actividade pesqueira.

No plano ecolóxico, esta especie tamén compite con outras como o mexillón ou os ourizos. “Pode tapizar as rochas e afectar a especies como o ourizo, sobre todo aos exemplares máis novos”, explica Figueras, quen engade que o seu consumo reduce a capacidade reprodutiva destes organismos. Así mesmo, a súa expansión pode prexudicar a especies como a ameixa ou o berberecho, ao limitar a chegada de osíxeno ao medio cando tapiza os fondos rochosos. “O marisqueo xa está destrozado polas chuvias e as vagas de calor; a chegada desta especie é un risco máis”, advirte o investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

O turismo tampouco queda á marxe. “Esta alga desprende un cheiro bastante potente, e seguramente máis durante a súa descomposición”, indica. Noutros territorios como Cantabria rexistrouse un descenso de visitantes nas praias afectadas, mentres que en Portugal investiron centos de miles de euros en limpezas. A todo isto súmase a perda de biodiversidade: “Outras algas que eran autóctonas e tiñan relación con outras especies van ter que adaptarse ás novas condicións desta nova alga”, sinala Figueras.

Cales son os seguintes pasos?

“Ou se atopa un uso con incentivo para recollela ou hai que vivir con ela”, afirma Antonio Figueras. En Cádiz xa se están a explorar vías para aproveitar esta biomasa como fertilizante ou alimento para o gando, co obxectivo de evitar a súa acumulación. Para o investigador do IIM-CSIC, a mellor estratexia é a anticipación, mediante o mapeo da especie, para tratar de evitar en Galicia un escenario similar ao vivido en Andalucía.

Unha maneira de reducir a súa dispersión é controlar as actividades do mar, para non transportar de maneira accidental fragmentos de Rugulopteryx okamurae. Con todo, os expertos coinciden en que a dispersión é inevitable: “Vaise dispersar por medios naturais”, advirte Pilar Díaz Tapia. Así, o obxectivo é buscar unha forma de que perxudique o menos posibles ao ecosistema, tanto nos factores económicos como ambientais. “Está aquí para quedarse”, conclúe Figueras.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

O mosquito tigre regresa a Galicia: primeiro exemplar do ano detectado en Redondela

O aviso dun veciño rexistrado na aplicación Mosquito Alert permitiu confirmar a presenza desta especie invasora grazas á marca branca do tórax

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Galicia e Portugal alíanse para impulsar unha asistencia sanitaria centrada no paciente

O proxecto NEW HEALTH promove unha rede transfronteiriza que integra innovación tecnolóxica, investigación avanzada e datos para mellorar a calidade asistencial