O Informe Nacional de Afogamentos (INA), elaborado pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, indica que durante setembro faleceron sete persoas por afogamento non intencional en Galicia. É, así, a cuarta comunidade autónoma con máis mortes relativas a esta causa, só por detrás de Canarias, con 12 afogamentos; Cataluña, con nove; e Andalucía, con oito. No acumulado nacional, é o territorio andaluz o que se sitúa á cabeza da lista, con 69 falacementos por afogamento non intencional. Séguena Cataluña (64), Canarias (56) e Galicia, que suma un total de 53 afogamentos mortais nos nove meses que van de 2026.
A nivel nacional, a cifra recollida polo INA ascende a 54 persoas falecidas por afogamentos non intencionais nos espazos acuáticos españois durante setembro. Este número fai que o mes se convirta no setembro con maior número de mortes por esta causa dende que a serie analizada polo informe deu comezo no 2015.
Os datos do informe revelan, segundo apunta a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, que o fin da temporada estival non supón o final do risco nos espazos acuáticos. Por isto, a organización pon o foco na necesidade de prevención e de manter a precaución en corpos de auga.
O perfil das vítimas
O informe non achega datos sobre o perfil das vítimas por territorios, mais si fai unha radiografía dos patróns que se presentan a nivel nacional. Así, o INA recolle que en setembro de 2026 a idade foi un dos elementos máis significativos nos afogamentos de España: 38 das 54 persoas falecidas nese mes tiñan 45 anos ou máis, o que marca máis do 70% sobre o total das vítimas.
O INA indica que o grupo con maior incidencia de falecementos en España durante setembro foi o das persoas maiores de 75 anos, que reuniron 14 mortes. Ségueo a franxa das persoas de 45 a 54 anos, con 11 falecementos; a poboación de entre 65 e 74 anos, con oito vítimas mortais; o grupo de 35 a 44 anos, con sete; e o das persoas de 55 a 64 anos, con cinco mortes. No relativo ás persoas menores de idade, houbo tres falecementos en setembro, de xeito que a cifra acada as 37 mortes durante os nove primeiros meses do ano.
Tamén existe un claro patrón en canto ao sexo das persoas falecidas: das 54 vítimas que perderon a súa vida en España, 42 eran homes e 12, mulleres. Así, as mortes de varóns supoñen preto do 78% sobre o total de setembro, unha tendencia que coincide coa do acumulado anual, onde se produciron 341 falecementos de homes e 102 de mulleres.
O escenario dos falecementos
As comunidades autónomas que contan con praias recollen máis falecementos, pero no informe da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo non só se indican as mortes en areais. O INA sinala que a maior parte das mortes de setembro a nivel nacional foron en espazos acuáticos non precisados ou que non entran noutras categorías, con 21 defuncións. A cifra vai seguida dos 19 afogamentos que tiveron lugar nas praias españolas, seguida das nove en ríos e cinco en piscinas. Así e todo, dentro do conxunto do que vai no ano, as praias mantéñense como o principal escenario dos afogamentos: reúne un total de 187 vítimas mortais nos nove meses que van de 2026. Os ríos suman 80 e as piscinas, 62. As 114 mortes restantes corresponden a outros espazos acuáticos non precisados.
Podes consultar o Informe Nacional de Afogamentos nesta ligazón.














