A misión Artemis II superou os límites do ser humano: os astronautas Reid Wiseman, Victor Glover, Christina Koch e Jeremy Hansen, a bordo da nave espacial Orion, estableceron o récord histórico de distancia coa Terra, cun afastamento de 406.733 quilómetros. Agora, seis meses despois de volver á Terra, a NASA publica unha enorme colección de datos da misión, considerados o pimeiro conxunto de datos planetarios recompilado principalmente por seres humanos en máis de medio século: 814 gigabytes de observacións, 996 imaxes novas e 521 minutos de audio da tripulación nunca antes publicados.
Fotografías, observacións transmitidas verbalmente, debuxos e anotacións son a materia prima recadada polo equipo de Artemis II que creou o que a axencia espacial estadounidense define como “un rexistro científico único” a disposición da comunidade científica e o público para o seu estudo posterior.
Dende a NASA decidiron destacar cinco conxuntos de datos acumulados polos astronautas de Artemis II nunha guía sobre o informe preliminar de ciencia luar da misión: os escintileos de luz, as cores da Lúa, o límite entre o día e a noite, a eclipse solar total dende o espazo, unha radiografía das estrelas e a vista de volta á Terra.
Os escintileos de luz
Dentro do plan científico da misión espacial, os científicos pediron á tripulación que estivera atenta aos pequenos escintileos provocados polo impacto de fragmentos rochosos contra a Lúa. Informaron sobre cinco escintileos de luz extremadamente tenues dende unha distancia duns 74.000 quilómetros, e confirmaron os avistamentos. A partir do brillo dos impactos, estimouse que as rochas non superaban as 2 pulgadas de diámetro, pero viaxaban a miles de quilómetros por hora.
Os avistamentos producíronse durante a interrupción planificada das comunicacións mentres a nave Orion pasaba pola cara oculta da Lúa. Así, a eclipse total de Sol que experimentaron durante case unha hora creou as condicións ideais de escuridade para detectar eses escintileos tan sutís. As observacións dos astronautas permitirán entender con que frecuencia ocorren os impactos.

Ademais, deixan audios como este, onde o astronauta da Axencia Espacial Canadiense (CSA) Jeremy Hansen, e o astronauta da NASA, Reid Wiseman, describen ter visto un escintileo de impacto ao mesmo tempo:
As cores da Lúa
Durante a misión, a tripulación contemplou tonos sutís de gris, negro, marrón, beige, branco, verde e mesmo azul na superficie da Lúa. Este arco da vella ofrece pistas sobre as rochas e minerais que compoñen as diferentes rexións lunares e, para os futuros exploradores humanos, as diferenzas cromáticas poderían revelar recursos potenciais. Os marróns reflicten distintos niveis de ferro, os verdes indican a presenza de vidro e, os azuis, indican rochas volcánicas ricas en titanio.

Nun audio publicado pola NASA, a astronauta da NASA Christina Koch describe como pode ver zonas de cor na Lúa: “Quero falar sobre a zona de cor. Nunca vira a cor antes de que falasen deles, pero agora véxoo completamente. É como unha montaña cuberta de neve amarela onde a neve é o Aristarchus, supoño, cráteres que están no leste, ou no seu lado este, cun albedo moi alto, e logo unha zona máis texturizada que é simplemente algo redondeada e rugosa, que é claramente amarela. Como dixen antes, é como unha fazula amarelada da Lúa”.
O límite entre o día e a noite
O “terminador” é o termo que indica a liña divisoria entre o día e a noite en calquera superficie planetaria. Este fenómeno ofreceu á tripulación algunhas das vistas máis reveladoras da Lúa. Desta forma puideron apreciar con gran nitidez os tamaños, formas e texturas dos accidentes xeográficos da superficie luar. “O terminador é o máis impresionante que vin ata agora”, informou o piloto de Artemis II, Victor Glover, durante o sobrevoo.

Que ocorreu na cara oculta da Lúa?
A tripulación de Artemis II viu como o Sol se ocultaba detrás da Lúa e permanecían alí durante 54 minutos. Nese momento, a tripulación puido investigar características que normalmente quedan sumerxidas pola luz: escintileos de impactos, planetas como Marte e Saturno, galaxias, estrelas, e un suave “resplandor” arredor da Lúa coñecido como “luz zodiacal”, creada polo reflectido da luz solar no po interplanetario. Esta situación permitiu realizar unha nova vista das estrelas: o astronauta da CSA Jeremy Hansen describe a perspectiva dende o espazo nun audio publicado en aberto pola NASA.
Unha vista na volta á Terra
Para os científicos, a imaxe tomada pola tripulación de Artemis II baixo o título “Ola, mundo” é especialmente relevante: captou capas de sistemas naturais que interactúan entre si e co espazo que rodea a Terra. Aínda que na fotografía semelle iluminada polo Sol, a Terra está bañada pola luz da Lúa. Isto permitiu obter unha vista sen precedentes do disco completo da Terra durante a noite. Tras un exame minucioso por parte dos científicos da NASA, estes observaron sistemas meteorolóxicos activos, auroras en ambos os polos, capas atmosféricas ben definidas, unha enorme columna de po sahariano desprazándose cara ao oeste e mesmo un cono resplandecente de “luz zodiacal”, ademais de luces urbanas no norte de África e a península ibérica.
Estes son os primeiros resultados de Artemis II, unha misión que senta as bases para os vindeiros proxectos da NASA e permite continuar aprendendo sobre o sistema solar, e a exploración do espazo fondo.
















