A balsa de lodos vermellos de Alcoa encadea varios días de filtracións no sector norte do dique de cola, a só 75 metros das casas máis próximas da Aldea de Arriba, na parroquia de Morrás (Xove, Lugo), segundo denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A preocupación en torno á vertedura vén da toxicidade dos compostos que ocupan a planta de tratamento de residuos de San Cibrao. “Constitúe un risco inaceptable para a saúde dos veciños e a contorna“, declara a SGHN nun comunicado no que indica que xa presentou os feitos ante o Seprona, Augas de Galicia e o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en Lugo.
Non é a primeira vez que o depósito de Alúmina Española, filial de Alcoa, chega aos titulares polas dúbidas en torno á súa seguridade. En marzo deste ano, a balsa de lodos de San Cibrao —onde o complexo industrial de Alcoa recolle os refugallos da súa actividade de produción de aluminio— propuxo unha ampliación da súa capacidade que se completaría a final deste ano. O depósito pode albergar 42 hectómetros cúbicos, o que equivale a 16.800 piscinas olímpicas, e parte dunha altura de 100 metros. Na súa ampliación, Alcoa prevé chegar a 110, o que supón un aumento de cinco millóns de metros cúbicos destinados ao almacenamento de substancias tóxicas. Esta proposta levantou as reticencias das comunidades científicas e ambientais polas dúbidas en torno á seguridade do proxecto e os riscos asociados ao mesmo.
Nun episodio máis recente, a asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) denunciou que os días 29 y 30 de agosto o vento levantou refugallos da superficie do depósito que se estenderon sobre a contorna do lugar.
Que son os lodos vermellos?
Para comprender a preocupación existente en torno a esta situación, é preciso saber que son os lodos vermellos que se acumulan en Alcoa. Trátase de residuos perigosos, corrosivos ou irritantes que se xeran como subproduto da elaboración de alúmina a partir de bauxita —unha rocha que se constitúe como a principal fonte de aluminio do mundo—, a través dun estendido proceso coñecido como Bayer. Este procedemento industrial xera entre medio e dous quilos de lodos vermellos por cada quilo de alúmina producido. No caso da planta de Alcoa —a única do seu tipo en España— a xeración deste produto está no treito máis elevado do rango, chegando aos dous quilos de lodo por quilo de alúmina.
Non hai declaracións oficiais sobre a composición desta filtración, mais si se sabe que elementos adoita haber neste tipo de refugallos. Os lodos vermellos están principalmente compostos por óxido de ferro, que lles dá a súa característica cor, mais non é o único elemento que integra esta substancia tóxica. A doutora en Ciencias Biolóxicas da Universidade de Santiago (USC) María Fernández Sanjurjo compartiu neste xornal que presenta tamén metais como o cobre, o cromo e o níquel, en cantidades superiores aos límites regulamentarios galegos, así como certos elementos radioactivos: ”Presentan concentracións sobre 10,6 e 13 veces superiores aos valores medios mundiais; valores que superarían os límites permitidos para a saúde humana se atendemos a diferentes estudos realizados en centro Europa”.

A Sociedade Galega de Historia Natural indicou que estes refugallos poden aproveitarse noutras industrias, a pesar das complicacións que supón a súa composición tóxica, pois “segundo os datos do EIA [Estudo de Impacto Ambiental], os lodos vermellos de Alcoa conteñen en promedio un 34,9% de ferro, un 7,5% de aluminio e un 3,5% de titanio“. Así, os lodos vermellos terían utilidade na produción de materiais de construción, elementos de adsorción, cerámicas e catalizadores.
Por que é perigoso o depósito de Alcoa?
A Sociedade Galega de Historia Natural sinala que a localización do complexo, que atravesa perpendicularmente unha falla e se atopa moi próximo a outra, pode supoñer unha importante ameaza á estabilidade dos refugallos que almacena o depósito. “Aínda que o risco sísmico na zona é baixo, cómpre lembrar que actividades humanas como a construción de encoros poden provocar desprazamentos en fallas preexistentes“, declara a asociación nun comunicado.

A SGHN recolle que Plan de Emerxencia de Alcoa cualifica como ‘accidentes graves‘ (con danos importantes á esturtura e risco de perda de vidas humanas), unha serie de situacións entre as que se sitúa a rotura do dique de cola, a zona dende a que se observou a filtración de refugallos tóxicos. A rotura tería consecuencias importantes de producirse tanto na zona central do dique de cola (pois afectaría as poboacións da Aldea de Arriba, A Aldea de Abaixo, O Porriño e as naves do porto de Morás) como no seu extremo occidental (que afectaría o núcleo de Portocelo).
Cal é a causa da filtración?
No momento de redactar estes parágrafos, non hai pronunciacións oficiais sobre a causa da filtración. A asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) denuncia os feitos e reclama explicacións sobre a orixe das augas vermellas que ameazan os fogares. Estas son as imaxes que tomou a organización, na que se aprecia o vertido de refugallos tóxicos:

















