Un proxecto galego mellora a detección da deterioración cognitiva mediante análise de sangue 

Unha investigación do IDIS estuda novos biomarcadores para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado

Unha investigación liderada por Roberto C. Agís Balboa, colíder do grupo de Investigación Translacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), busca avanzar cara a ferramentas que permitan detectar e seguir a deterioración cognitiva de forma máis sinxela, accesible e personalizada mediante unha análise de sangue. Como consecuencia, o proxecto Biomarcadores sanguíneos e sinalización IGF para a detección precoz e seguimento lonxitudinal da deterioración cognitiva e a demencia, enmarcado no proxecto de investigación COGNISANCE, foi seleccionado como finalista na categoría de Investigación sociosanitaria dos XI Premios da Fundación DomusVi. Agís Balboa asegura que este recoñecemento “supón un importante estímulo para todo o equipo e pon en valor a colaboración entre o IDIS e as residencias de DomusVi.

A investigación ten como principal obxectivo identificar biomarcadores presentes no sangue que permitan mellorar a detección precoz, a caracterización biolóxica e o seguimento da deterioración cognitiva e as demencias, incluída a enfermidade de Alzheimer. Para ido, o persoal investigador traballa con 156 participantes distribuídos en tres grupos: 53 persoas sen deterioración cognitiva, 47 con deterioración cognitiva leve e 56 con demencia. Todas foron avaliadas ao comezo do estudo e despois dun ano, o que permite investigar como evolucionan os biomarcadores sanguíneos e a súa relación cos cambios cognitivos.

Publicidade

Agora están nunha fase moi avanzada, pois completouse o recrutamento de participantes, a recollida de mostras biolóxicas e as avaliacións clínicas correspondentes aos dous momentos de seguimento. Conta coa participación de José María Prieto González, líder do grupo ITEN e xefe do Servizo de Neuroloxía do CHUS; os investigadores predoctorais María de los Ángeles Fernández Ceballos e Vicente Piorno Lagos; o investigador posdoutoral Carlos Fernández Pereira; e a técnica de laboratorio Lara Vidal Nogueira.

Moi avanzada e con resultados prometedores

Actualmente, completáronse as determinacións dos principais biomarcadores sanguíneos mediante a tecnoloxía ultrasensible SIMOA HD-X, obténdose resultados de grande interese científico que están a ser analizados e preparados para a súa publicación en revistas especializadas. Paralelamente, realizaron a secuenciación de microARN (miARN), pequenas moléculas que participan na regulación da expresión xénica e que poderían achegar información complementaria sobre os mecanismos implicados na deterioración cognitiva. Así, os investigadores traballan na análise bioinformática destes datos, cuxos resultados darán lugar a novas publicacións científicas. O estudo tamén avanzou na investigación do eixo IGF/IGFBP, relacionado con procesos de envellecemento cerebral e neurodexeneración, aínda que esta parte do proxecto continúa en desenvolvemento.

Publicidade

Unha alternativa menos invasiva

Un dos aspectos máis innovadores do proxecto é a combinación de diferentes aproximacións moleculares a partir dunha mostra de sangue. Mediante a tecnoloxía ultrasensible SIMOA (Single Molecule Array), dispoñible no IDIS, é posible detectar cantidades extremadamente pequenas de proteínas relacionadas co dano neuronal e os procesos neurodexenerativos, como Nfl, GFAP, beta-amiloide e tau fosforilada.

Tradicionalmente, a caracterización biolóxica de enfermidades como o alzhéimer requiriu probas especializadas, como a análise do líquido cefalorraquídeo obtido mediante punción lumbar ou determinadas técnicas de neuroimaxe. Os biomarcadores sanguíneos ofrecen unha alternativa menos invasiva, potencialmente máis accesible e sinxela de repetir ao longo do tempo, o que resulta especialmente relevante para persoas maiores e pacientes con deterioración cognitiva.

Ademais, combinan estes biomarcadores coa análise de miARN e a investigación do eixo IGF/IGFBP, buscando identificar perfís moleculares que permitan comprender mellor a evolución da enfermidade.

Cara a unha atención máis temperá e personalizada

Aínda que os resultados deben completar a súa análise e validación, os investigadores consideran que esta aproximación podería ter aplicacións clínicas a medio prazo. “Poder obter información sobre procesos neurodexenerativos cunha análise de sangue podería contribuír a identificar persoas con maior risco de deterioración cognitiva, orientar a realización de probas diagnósticas adicionais e facilitar o seguimento da evolución da enfermidade”, explica Roberto C. Agís.

Para os pacientes, dispor destas ferramentas podería significar menos procedementos invasivos, unha detección máis temperá e un seguimento clínico máis personalizado, facilitando a planificación dos coidados e as decisións asistenciais.  Desde o grupo sinalan que estas técnicas “non pretenden substituír a avaliación clínica e neuropsicolóxica, senón complementala con información biolóxica obxectiva que axude os profesionais sanitarios”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha terapia probada en Santiago frea ata nove meses a progresión do cancro colorrectal metastásico

O estudo liderado polo IDIS, galardoado nos Premios DISCOVERGI, consegue resultados de supervivencia moi favorables en un de cada cinco pacientes

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase