O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O proxecto Sensoxenoma chega xa ao seu quinto aniversario. Esta iniciativa dos grupos GenPoB e GenVip da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) reuniu en todo este tempo máis de 5.000 participantes, más de 1.500 doantes e recolleu máis de 20.000 mostras biolóxicas para constatar que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas. “Unha experiencia tan cotiá como escoitar música pode deixar unha pegada molecular medible tan só transcorridos 25 minutos desde o comezo do estímulo”, explica o profesor da USC Antonio Salas en referencia á exposición musical en persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Ademais, noutro estudo, a análise do proteoma das bágoas identificou 14 proteínas con cambios reproducibles tras a estimulación musical. 

O 25 de setembro, o concerto Sensoxenoma26 converte de novo o Auditorio de Galicia nun enorme laboratorio cidadán. Como en anos anteriores, recolleranse mostras de sangue, saliva e bágoas. Arredor de 200 persoas do público participarán como doantes grazas á colaboración con doce asociacións de pacientes e coas persoas voluntarias que se inscriban a través da web do proxecto. Así o explicaron este xoves 10 os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón na rolda de prensa de presentación de resultados do proxecto. A investigación conta coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago e o Auditorio de Galicia.

Publicidade

Territorio científico inexplorado

Hai cinco anos, unha pregunta tan sinxela como difícil de responder abriu un territorio científico practicamente inexplorado: que sucede no noso organismo cando escoitamos música? Hoxe Sensoxenoma empeza a respondela con datos medibles en xenes, proteínas e outros niveis da nosa bioloxía. O proxecto naceu en setembro de 2022 para estudar de forma sistemática a resposta biolóxica humana ante os estímulos musicais. Para abordar un campo no que practicamente todo estaba por facer, o equipo tivo que desenvolver novos conceptos, metodoloxías e aproximacións experimentais. “Cando comezamos Sensoxenoma, partimos practicamente de cero. Foi un salto ao baleiro. Non había un marco establecido para estudar de xeito sistemático como un estímulo musical podía modificar a nosa resposta biolóxica. Tivemos que crear incluso o concepto de sensoxenoma e desenvolver métodos para formular e responder preguntas que antes nin sequera estaban expostas”, explica Antonio Salas, investigador principal do proxecto.

Co paso dos anos, aquela aposta converteuse nunha plataforma interdisciplinaria que estuda a resposta á música en distintos niveis biolóxicos: expresión xénica, proteómica, microbiota e outros sinais fisiolóxicos. A estas liñas súmanse proxectos de xenómica evolutiva orientados a comprender as raíces ancestrais da capacidade humana para procesar estímulos musicais. “Xa non só nos preguntamos se a música produce unha resposta biolóxica, senón que mecanismos están implicados, canto dura esa resposta, como varía entre persoas e se podemos utilizala para comprender mellor os procesos relacionados coa saúde”, sinala Federico Martinón. “Unha das grandes fortalezas de Sensoxenoma foi crecer desde unha pregunta científica inicial ata converterse nun proxecto multidisciplinar, aberto á sociedade e capaz de xerar novas preguntas”, engade a colaboradora Laura Navarro.

Publicidade

Novas evidencias en autismo

O quinto aniversario chega acompañado de novos resultados que permiten pasar a unha pregunta moito máis precisa: que cambios moleculares poden detectarse despois de escoitala. As investigacións máis recentes abarcan desde a evidencia clínica dispoñible sobre intervencións musicais no TEA ata a identificación de cambios reproducibles na expresión de xenes de células da mucosa oral.

En conxunto, os estudos analizados suxiren efectos favorables das intervencións musicais en diferentes dominios, entre eles a interacción social, determinados compoñentes da comunicación verbal, o comportamento e a calidade de vida. Os autores sinalan o potencial da música como intervención non invasiva e atractiva, pero subliñan tamén a heteroxeneidade da evidencia e a necesidade de estandarizar mellor as intervencións e as medidas utilizadas para avaliar os seus efectos.

Outro estudo dá un paso máis e analiza directamente a resposta molecular á música en persoas con TEA. Mediante un sinxelo frotis bucal e un panel dirixido de expresión xénica, o equipo identificou 33 xenes candidatos nunha cohorte inicial. Vinte reproduciron o seu sinal nunha cohorte independente e 13 mantiveron significación estatística. Entre os procesos implicados aparecen a inmunidade innata e as vías inflamatorias. Ademais, o estudo identifica unha firma molecular de dous xenes capaces de diferenciar as mostras obtidas antes e despois da exposición musical en persoas con TEA. A resposta pode detectarse xa tras 25 minutos de exposición, cun patrón intermedio entre a situación basal e a observada ao finalizar a estimulación.

Que pode achegar a investigación experimental

Outra liña do proxecto revisa sistematicamente a evidencia sobre os efectos da exposición musical en modelos murinos. O seu obxectivo non é extrapolar directamente os resultados animais ás persoas, senón analizar de forma crítica que se observou e que mecanismos merecen ser investigados. A revisión examinou 276 publicacións e seleccionou 65 estudos realizados entre 2000 e 2025. En conxunto, describen asociacións entre a exposición musical e variables relacionadas con aprendizaxe, ansiedade, sociabilidade, neuroplasticidade, conectividade sináptica e determinados parámetros fisiolóxicos. Para Sensoxenoma, este traballo permite situar a investigación en humanos nun contexto amplo de investigación biolóxica experimental, identificar mecanismos plausibles e delimitar novas hipóteses. Trátase, por tanto, dun mapa crítico da evidencia dispoñible e non dunha extrapolación directa de resultados animais a humanos.

As bágoas revelan outra dimensión da resposta molecular á música

Outro dos resultados salientables procede do estudo do proteoma das bágoas. Mediante espectrometría de masas, o equipo analizou miles de proteínas en mostras recollidas antes e despois dun estímulo musical estandarizado, incorporando cohortes independentes de participantes expostos a música e grupos de control non expostos. A análise identificou 14 proteínas con cambios reproducibles tras a estimulación musical que permaneceron significativos despois de corrixir por comparacións múltiples. As proteínas e redes identificadas converxen en procesos relacionados coa defensa do organismo e a inmunidade innata, a inflamación, e sinalización extracelular.

A clave do achado é a súa reproducibilidade. A firma molecular non só diferenciou as mostras tomadas antes e despois da estimulación musical: o efecto apareceu de forma concordante en dúas cohortes de doantes correspondentes a dous anos diferentes e non se observou o mesmo patrón nos dous grupos de control sen exposición musical. “A reproducibilidade é un dos grandes retos da investigación biomédica. Atopar unha resposta molecular concordante en cohortes independentes, recollidas en anos diferentes, e que ademais non aparece nos controis, indícanos que non estamos ante unha observación illada, senón ante un sinal biolóxico que merece ser estudada en profundidade”, destaca Salas. O traballo mostra ademais o potencial das bágoas como fonte minimamente invasiva para investigar a bioloxía asociada a experiencias sonoras e emocionais, e abre unha nova vía experimental dentro de Sensoxenoma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura