O proxecto Sensoxenoma arrancou en 2022 como investigación única e pioneira para estudar os cambios que a música produce na resposta dos nosos xenes en diferentes tipos de mostras e tecidos, a través da análise de distintos biomarcadores moleculares. A recollida de mostras faise en concertos experimentais realizados en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e o Auditorio de Galicia aos que ata hoxe asistiron máis de 3.000 persoas, o que significa a recollida doutras tantas mostras biolóxicas de sangue e saliva.
Logo do seu inicio, Sensoxenoma continúa avanzando con resultados “moi prometedores”, tal e como avanzaron este xoves en rolda de prensa os seus responsables, o catedrático da USC Antonio Salas Ellacuriaga e o profesor e xefe de servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón Torres, ambos responsables dos Grupos de Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB) e de Investigación en Xenética, Vacinas e enfermidades Infecciosas (GenViP), e a musicóloga Laura Navarro Ramón, coordinadora do proxecto. A sensoxenómica, como disciplina que estuda o impacto da música na expresión xénica, foi precisamente creada como concepto e desenvolvida polos grupos de investigación citados do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e da USC.
Das mostras de saliva recollidas no primeiro ano a persoas enfermas de alzhéimer resultaron, segundo explicou Salas, “resultados sorprendentes e esperanzadores que apuntan a que a música, unha vez procesada de maneira holística polas principais áreas anatómicas do encéfalo, é un estímulo activador de elementos importantes da resposta inmune, cuxo eco resoa na cavidade bucal (saliva) dos doantes”. “Satisfainos pensar que estes estudos poderían guiar a busca de rutas e dianas terapéuticas na enfermidade”, apuntou.
O rol da música na saúde do cerebro
“Tras a publicación dos últimos resultados podemos afirmar que a música está relacionada coa ‘saúde’ do cerebro e con mecanismos reguladores da resposta inmune”, comentou Martinón. Por primeira vez na historia púidose demostrar que na saliva se pode capturar o cambio que a música produce na bioloxía das persoas. “Un achado importante do noso estudo foi atopar que na saliva se expresa tamén molecularmente a actividade complexa neurolóxica que a música estimula no noso cerebro, facendo dela unha fonte valiosa para a diagnose e monitorización da saúde do sistema nervioso central”, engadiu. “Investigamos como a estimulación musical afecta a forma na que se expresan os xenes na saliva, mostrando que a música pode inducir cambios significativos na expresión xénica, mesmo máis rechamantes que en mostras de sangue capilar”, explicou.
Os últimos achados corroboran a tese dos resultados presentados o ano pasado: a música parece compensar a expresión de xenes e vías que están disfuncionais nos pacientes con deterioración cognitiva, suxerindo un efecto beneficioso na saúde cerebral. Os investigadores observaron un maior número de xenes diferencialmente expresados na saliva de pacientes con deterioración cognitiva en comparación con doantes sans. “Entre os xenes e procesos modificados pola música, destacan aqueles comunmente alterados en pacientes con deterioración cognitiva, como a autofaxia, así como tamén unha importante resposta inmunolóxica”, advertiron.
Sensoxenoma 2024
O vindeiro 27 de setembro celebrarase a terceira edición de Sensoxenoma, un evento cultural e científico xa consolidado en Santiago de Compostela no que a Real Filharmonía de Galicia e o seu director Baldur Bronnimann interpretarán un repertorio secreto. Este ano ademais, e por primeira vez, contará coa intervención e colaboración da Banda de Música de Santiago de Compostela. O concerto terá dúas partes musicais de 30 minutos e recolleranse mostras de doantes voluntarios antes, despois e no descanso do recital para poder comparar os resultados de dous impulsos musicais contrastantes.
Laura Navarro indicou que “o repertorio do recital está dedicado á música de cine e asociado a dúas emocións diferentes para poder estudar o efecto da música na nosa bioloxía humana, desde a expresión dos nosos xenes ata a psicofisioloxía”. Para iso, ademais da toma de mostra de sangue (punción capilar nun dedo) e de saliva (frotis bucal), esta vez tomaranse mostras lacrimais e usaranse 200 sensores sen fíos grazas a unha colaboración académica coa Facultade de Psicoloxía da Universidade do Minho. “A través dos sensores que levarán os doantes nas dúas mans durante o concerto, poderemos monitorizar a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a tensión arterial, un novo evento musical experimental xamais realizado”, explicou.
Como realizar as inscricións
As inscricións poden realizarse directamente a través do web oficial do proxecto. Tamén haberá 800 entradas a disposición do público xeral á venda a un prezo de 5 euros nas billeteiras do Auditorio, a Zona C e na web de Compostela Cultura. “Con esta loxística tan impresionante queremos ampliar os horizontes do proxecto, que por primeira vez nos permitirá relacionar datos fisiolóxicos, de proteínas, moléculas de RNA e outras biomoléculas, co estímulo musical en dous bloques de emocións diferenciados e en tres tecidos biolóxicos diferentes, cada un de máis importancia desde o punto de vista da investigación biomédica”, avanzou Salas.
Nesta edición, igual que nas anteriores, recolleranse mostras de persoas con enfermidades neurodexenerativas e con dano cerebral grazas á colaboración con AGADEA, SARELA e o Servizo de Neuroloxía do CHUS.
Ademais dos responsables do proxecto, na rolda de prensa no IDIS participaron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa; a xerente do Consorcio de Santiago de Compostela, Belén Hernández, e o subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Juan Manuel Gonzalez Lorenzo.