O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica.
40 anos de colaboración
A mediados dos anos 1980, Enrique Zas Arregui, hoxe catedrático de Física Teórica da USC e membro do IGFAE, era investigador posdoutoral con Halzen na Universidade de Wisconsin. Nas conversas co investigador galego foi, segundo narrou o agora Nobel de Física en diversas entrevistas, onde xurdiu a idea de construír un observatorio para detectar neutrinos no xeo, grazas á resolución dun problema que o investigador galego resolveu “de forma brillante”, di Halzen. Aquel foi o xerme de IceCube, o proxecto situado no xeo da Antártida que lle acaba de valer o Nobel a Halzen. A contribución de Enrique Zas aparece tamén mencionada no propio documento científico que acompaña o fallo do Nobel.
Outro dos colaboradores do físico belga no IGFAE foi Ricardo Vázquez López, a quen dirixiou as súas dúas teses de doutoramento, unha delas co-supervisada xunto a Enrique Zas. As contribucións de Vázquez foron relevantes para o desenvolvemento de IceCube. Co gallo da visita a Santiago para a defensa da tese de Ricardo Vázquez, Halzen presentou na Facultade de Física da USC as bases da proposta para a construción do observatorio antártico.
Do mesmo xeito, algúns dos artigos máis citados de Halzen sobre a detección de neutrinos e raios cósmicos están asinados, xunto a Zas e Vázquez, co físico do IGFAE Jaime Álvarez-Muñiz, que tamén foi investigador posdoutoral co Nobel de Física. Recentemente, Álvarez-Muñiz obtivo unha ERC Synergy Grant para o proxecto HERON, baseado na detección de neutrinos de moi alta enerxía, o tema no que traballara con Halzen.
IceCube: un observatorio no xeo da Antártica para detectar neutrinos
O obxectivo principal de IceCube é a detección de neutrinos, partículas subatómicas cunha masa moi pequena, que apenas interaccionan co resto da materia e poden atravesar toda a Terra sen seren detectadas. Neste contexto, o xeo do Polo Sur, onde se sitúa o observatorio, está libre de interferencias e movementos sísmicos que poden complicar a detección dos neutrinos, facéndoo un emprazamento ideal para este tipo de experimentos. Logo de dúas décadas de deseño e construción, IceCube entrou en funcionamento no ano 2011. Pronto comezaron as deteccións dos primeiros neutrinos de alta enerxía procedentes de fóra do sistema solar. Estas fontes están chamadas a revelar información moi valiosa sobre os fenómenos máis violentos do universo.
A vinculación do líder do experimento IceCube con Galicia esténdese ao Comité Científico Asesor do IGFAE que preside na actualidade. Halzen visitou Santiago de Compostela en varias ocasións. A última delas, en 2024, na última reunión deste comité, celebrada xa nas novas instalacións do instituto.















