Preto do 40% da poboación mundial estivo exposta a niveis extremadamente elevados de ozono troposférico durante 2026. Esa é unha das principais conclusións da análise Atmosphere Watch, un informe elaborado polo Servizo de Vixilancia Atmosférica de Copernicus (CAMS, polas súas siglas en inglés Copernicus Atmosphere Monitoring Service). O documento estuda a contaminación global a través de elementos como o propio ozono, o po e o fume derivado dos incendios. Entre os gráficos que achega está un mapa no que se sitúa unha realidade moi clara: o sur de Europa acada niveis perigosos deste gas. En concreto, no interior de Galicia a súa concentración é moderada (entre 80 e 90 microgramos por metro cúbico), mentres que a costa se sitúa nos valores de entre 90 e 100 microgramos por metro cúbico, no límite marcado pola Organización Mundial da Saúde.
O investigador da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) e experto no cambio climático Dominic Royé recalca que o mapa emprega un modelo de resolución grosa, non fina: “É o promedio de toda a tempada. Nun día dunha onda de calor concreto, o interior pode superar a costa. En días de moita calor, os vales como o de Ourense poden rexistrar episodios máis altos que o litoral”. Deste xeito, resulta importante ter presente que o informe presenta unha análise baseada no promedio dos primeiros oito meses do 2026. Ademais, Royé indica que a vida media do ozono preto do solo é moi curta —de entre unhas horas a unhas semanas, segundo a Coalición Clima e Aire Limpo (CCAC, polas súas siglas en inglés)—, e por isto sinala que “o que hai nun lugar é a mestura das emisións locais con transportes de longa distancia“.
O informe de Copernicus pon o foco no impacto dos grandes lumes forestais que morderon Europa no último ano. En concreto, destaca os grandes incendios que viviron Francia, Bélxica e España durante o verán, admais das ondas de calor que se sucederon nos meses estivais. Así e todo, hai outros factores que deben terse en conta ao valorar as posibles causas da distribución da concentración de ozono presente no mapa.
Que é o ozono troposférico e cando é perigoso?
A CCAC define o ozono troposférico (ou de superficie) como un: “potente gas de efecto invernadoiro e contaminante do aire que é prexudicial para a saúde humana, os cultivos agrícolas e os ecosistemas”. Trátase dun contaminante secundario que xorde das reaccións químicas provocadas pola luz solar e as altas temperaturas que interactúan cos óxidos e nitróxenos resultantes da queima de combustibles fósiles e compostos orgánicos volátiles. O informe relaciona o aumento das concentracións de ozono troposférico cos meses de verán, “cando as condicións meteorolóxicas estables e unha radiación solar máis intensa desencadean as reaccións fotoquímicas que crean o ozono, permitindo que este se acumule”, indica o documento.
Os efectos do ozono sobre a saúde están estreitamente ligados coa concentración do gas. O Sergas indica que en niveis moderados teñen un impacto suave, aínda que se deba vixiar as reaccións que poida causar en persoas con asma ou outras enfermidades respiratorias. En niveis maiores, en cambio, pode facerse notar debido a que provoca ou agrava enfermidades respiratorias e pode reducir a función pulmonar e orixinar afeccións pulmonais. Os síntomas máis frecuentes de que hai un exceso de ozono no corpo humano son, segundo o Servizo Galego de Saúde, a dificultade para respirar, opresión no peito, tos e sibilancias. Tamén pode producir irritación ocular e da gorxa. Son especialmente susceptibles meniños, persoas maiores e poboación con dificultades respiratorias. Por este motivo, é preciso coñecer os niveis nos que a saúde comeza a estar en risco na presenza de ozono.
Os informes anuais de avaliación da calidade do aire do CAMS recollen que os niveis rexistrados en Europa melloraron significativamente en todos os contaminantes regulados pola Directiva Europea de Calidade do Aire (UE/2024/2881), agás no ozono. Deste xeito, mentres que houbo unha redución da cantidade de partículas en suspensión antropóxenas —isto é, que resultan da actividade humana—, como o dióxido de nitróxeno e o dióxido de xofre, o ozono aínda persiste en concentracións elevadas na atmosfera. A lexislación marca que a concentración media diaria máxima de oito horas non debe superar os 120 microgramos por metro cúbico durante máis de 18 días ao ano, cun obxectivo a longo prazo de levar esa cifra a 100, o que si cumpriría coas directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS).
A maior concentración media de Galicia estivo na costa
O mapa do Atmosphere Watch amosa que, en promedio, durante os oito meses que se analizan no informe a costa galega estivo máis exposta a niveis elevados de ozono que o interior. Este gas fórmase no aire cando entran en contacto a radiación solar con diferentes contaminantes. Cando hai máis calor (como aconteceu no sur de Europa e, especialmente, se viu amplificado polo lume e as ondas de calor), a concentración de ozono é máis elevada.
“Os gases do tráfico consúmeno, as plantas e o solo absórbeno. É un pouco paradóxico: onde hai máis contaminación local, a veces hai menos ozono medio”, explica Dominic Royé. O investigador da MBG-CSIC engade: “O aire chega do océano, limpo e sen gases que consuman o ozono. Ademais, o mar absorbe moi pouco, a diferenza dos bosques e o campo do interior. O resultado disto é que o ozono que xa vén de fondo mantense alto, de día e de noite. No interior hai máis vexetación e podería haber máis fontes locais que o van gastando e, por iso, as cifras medias saen algo máis baixas”. Así e todo, Royé incide en que cómpre lembrar que se tratan de datos promedios, e que pode haber días nos que o interior supere os valores das costas.
A concentración de ozono en Galicia
A concentración de ozono en Galicia pode seguirse a diario a través do portal de MeteoGalicia, onde se indican os datos en tempo real de múltiples contaminantes presentes na atmosfera. É unha ferramenta que permite coñecer a evolución de, entre outros, o ozono, pois terá concentracións diferentes durante o día en cada estación. De forma xeral, os rexistros máis altos produciranse nas horas de máis calor (isto é, entre o mediodía e a tarde), debido a que a radiación solar terá máis incidencia.
No momento de redactar estes parágrafos, nunha mañá nubosa de outubro, as estacións con niveis máis elevados de ozono rexistrados por MeteoGalicia son: Lalín, con 78 microgramos por metro cúbico; Laza, con 71; Xinzo de Limia, con 63; e Buscás, con 54.
Podes ler o informe completo nesta ligazón.














