Imaxina poder recoñecer a meteoroloxía dun día concreto de hai oitenta anos: coñecer as borrascas, as precipitacións e os ventos con detalle. Por exemplo, identificar a magnitude de Hortensia a través de imaxes, clasificada no seu paso polas Bermudas; ou observar rexistros históricos dos ventos en Galicia, con máximas que acadaron ata os 229 quilómetros por hora (km/h). Hoxe en día, é posible levar a cabo un estudo rigoroso dos fenómenos meteorolóxicos do pasado grazas á tecnoloxía actual. Dende Copernicus, o programa da Unión Europea, lanzaron a ferramenta Weather Replay.
Esta aplicación permite seleccionar calquera data dende 1940 para visualizar unha animación das 48 horas do fenómeno. Ademais, o máis destacable é que ofrece a posibilidade de engadir diferentes variables en forma de capas sobre o mapa —como a temperatura, os refachos de vento, a presión atmosférica ou a precipitación acumulada—, entre outras.
Deste xeito, pódese realizar unha auténtica radiografía dos principais temporais que afectaron a Galicia nas últimas oito décadas, recollidos nas efemérides da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).
Récord absoluto de vento
Na noite do 23 ao 24 de xaneiro de 2009, Galicia viviu un dos temporais de vento máis intensos das últimas décadas. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), foi considerada unha das máis severas que afectaron o norte da Península. Durante este episodio rexistrouse un refacho máximo de 229 quilómetros por hora en Estaca de Bares (A Coruña), o valor máis alto medido na Península Ibérica e o segundo en toda España. O impacto foi especialmente notable na costa norte e no noroeste da comunidade.
A ferramenta Weather Replay de Copernicus permite contrastar e visualizar estes datos: arredor das 00:00 horas do día 24, os refachos de vento acadaban xa os 160 km/h en Bares (Mañón), coincidindo co paso da fronte máis activa do temporal. Ademais do vento, as precipitacións tiveron tamén un papel destacado. As chuvias foron persistentes ao longo de toda a xornada, con rexistros que acadaban os catro milímetros acumulados ás 16:00 horas do día 23.
Un temporal mortal
Na recta final de 1995, o 30 de decembro, un forte temporal de vento e chuvia deixou un balance tráxico de 12 persoas falecidas entre Andalucía e Galicia. A maioría das vítimas producíronse polo derrubamento de vivendas e o desprendemento de muros. O fenómeno avanzou dende Portugal cara a Galicia, afectando con especial intensidade ás Rías Baixas, onde se rexistraron as condicións máis adversas.
O vento, caracterizado por refachos turbulentos, acadou velocidades de ata 55 quilómetros por hora. Pola súa banda, as precipitacións mantivéronse de maneira constante entre as 12:00 e as 21:00 horas, con rexistros arredor dos 2 milímetros por hora. Aínda que a cifra poida parecer baixa, a persistencia desta chuvia acabou provocando inundacións en distintas zonas.

Ondas devastadoras
Dous temporais separados por sete anos deixaron en Galicia episodios marcados pola violencia do mar e o impacto das ondas extremas. O primeiro produciuse o 9 de novembro de 2010, cando un forte temporal deixou dúas vítimas mortais. A costa de Lugo e A Coruña foi a máis castigada, con refachos de vento que acadaron os 144 km/h e ondas medias de ata 10 metros de altura. A zona lucense sufriu especialmente, con puntos como Foz entre os máis afectados. A borrasca explosiva trouxo consigo ventos moi intensos e un acusado descenso das temperaturas. O vento do noroeste favoreceu que as ondas impactasen con gran forza sobre o litoral.
Sete anos despois, o 3 de febreiro de 2017, a cicloxénese volveu golpear Galicia con rexistros igualmente espectaculares no mar. As ondas superaron os nove metros en boa parte da costa, chegando ata os 11 metros en Cabo Vilán, na Costa da Morte. O vento tamén deixou cifras moi elevadas, con refachos de ata 189 km/h en Fisterra. Aínda que o temporal afectou a toda a comunidade, as precipitacións máis intensas concentráronse en Ourense. A chuvia produciuse en bloques, con intensidades de entre catro e cinco milímetros por hora durante varias horas consecutivas, o que contribuíu a agravar a situación.
Catro días de chuvia, neve e vento
- Entre o 11 e o 15 de febreiro de 2016, Galicia quedou baixo a influencia dunha sucesión de temporais que combinaron chuvia, neve e vento, ademais dun estado do mar moi adverso, segundo recolle a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Este episodio deixou dúas efemérides destacadas o día 12: en Pontevedra recolléronse 69,4 litros por metro cadrado (l/m²), mentres que en Vigo-Peinador se acadaron os 151,9 l/m², cifras que evidencian o forte impacto nas Rías Baixas.
Nesa mesma xornada, en Vigo rexistráronse precipitacións constantes, con acumulacións de ata 6 milímetros nunha hora. Os refachos de vento tamén foron salientables, chegando aos 57 km/h. Porén, un dos aspectos máis chamativos foron as temperaturas: arredor de 14°C, valores elevados para un mes de febreiro, o que apunta á entrada de aire procedente de latitudes máis baixas.

Chuvias torrenciais
Os días 15 e 16 de setembro de 2015, unha profunda depresión atravesou Galicia deixando rexistros históricos de precipitación en tan só 24 horas. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o concello de Rois acadou os 138,6 l/m², seguido da Lama, con 134,4 l/m², e A Cañiza, con 127,2 l/m². En numerosos puntos da comunidade superouse o limiar dos 100 litros nun só día.
Ás 12:00 horas, a intensidade da precipitación chegaba aos 11 milímetros por hora. Pola súa banda, o vento rexistraba refachos de ata 81 km/h, mentres que a temperatura se situaba arredor dos 18,1°C, valores que indican a presenza dunha masa de aire cálida e moi húmida, de carácter case tropical.

En comparación co episodio prolongado de 2016, este temporal destacou pola súa maior intensidade, especialmente pola violencia das chuvias torrenciais.
Podes consultar a ferrmenta Weather Replay na seguinte ligazón.
















