O tema máis recorrente en Galicia nas últimas semanas é o tempo. En xaneiro apenas se rexistraron horas de sol, os solos xa están ao límite da súa capacidade e os avisos por chuvia sucédense uns tras outros, sobre todo na fachada atlántica. O prognóstico non despexa a incógnita e continúa a debuxar un escenario de ceos nubrados, abundantes precipitacións e forte temporal marítimo, cando menos, ata a próxima semana. A tregua parece que chegará o sábado, pero terá unha breve duración: o domingo volverán as chuvias que, previsiblemente, regarán os días máis importantes do Entroido.
Non obstante, os diferentes servizos de meteoroloxía conveñen en que Galicia non está a vivir un episodio anómalo nin excepcional. De feito, en xaneiro de 2025 choveu máis que no mesmo período de 2026. A diferenza é que o fixo de forma máis concentrada e non ao longo de tantos días. O último mes tampouco bateu ningunha marca absoluta, pese á abundante chuvia. Por iso recorremos á hemeroteca para rescatar seis eventos de precipitacións extremas en Galicia. Pero máis alá do reconto histórico convén lembrar a advertencia da comunidade científica: estes fenómenos están a ser cada vez máis frecuentes e intensos a causa do cambio climático.
Os asolagamentos de 1571
O 18 de febreiro de 1571 foi domingo. Así o constata unha crónica recollida noTombo E da Catedral de Santiago. “Os ríos medraron máis ca nunca, os vellos non se lembraban de algo semellante”, indica o texto, analizado na última publicación de Galicia Histórica, a revista do Arquivo-Biblioteca da sé compostelá. Segundo o documento, chovera durante 15 días seguidos e acumulárase moita neve, polo que o desxeo provocou fortes asolagamentos. A causa deles destruíronse pontes e “caeu” o mosteiro de San Xoán da Cova, no actual concello pontevedrés de Vedra. De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) inclúe esta data dentro das efemérides climatolóxicas máis salientables da historia de Galicia.
A publicación axuda a poñer en contexto un evento tan extremo como o de febreiro de 1571. Ao parecer, a década anterior estivera marcada por condicións meteorolóxicas e epidemiolóxicas moi adversas. Varios gromos de peste minguaran considerablemente a poboación e o estudo fai fincapé no dese mesmo ano, que causou unha gran cantidade de mortes na Coruña, en Pontevedra e en Betanzos.
Un mes de chuvia ininterrompida en 1935
Na recta final de 1935, aínda durante a II República, bateuse un récord absoluto na Coruña: choveu durante 31 días seguidos. Así o testemuñan os datos históricos da AEMET, que sinalan decembro de 1935 como o mes máis chuvioso da serie histórica para o observatorio situado na Coruña cidade. Malia que se rexistraron precipitación todos os días daquel decembro, non foi o mes no que máis cantidade de chuvia se recolleu dende que hai rexistros. Tamén nun decembro, esta vez de 1978, recolléronse 399,9 l/m2 na mesma estación.
Decembro de 1978
Varios observatorios da AEMET en Galicia sinalan decembro de 1978 como o mes máis chuvioso do rexistro histórico. Acontece coa estación da Coruña-Aeroporto, onde se recolleron 410,2 l/m2 ao longo dos 31 días, que supoñen un récord para o observatorio. Sucede tamén co da Coruña cidade, con 399,9 l/m2; co de Ourense, con 406 l/m2; e co de Vigo, con 925,6 l/m2. Ademais, o 7 de decembro de 1978 foi o día que máis choveu na cidade olívica de todo o rexistro histórico, cando se recolleron 175 l/m2 en tan só unha xornada.
Unha crónica publicada o 12 de outubro no xornal El País dá conta do temporal vivido en toda Galicia naqueles días e, especialmente, en Vigo. O diario cifra en 1.000 millóns de pesetas a factura dos danos ocasionados pola borrasca. Relátase o desaloxo da fábrica de Citroën a causa do desbordamento do río Lagares, innumerables cortes de comunicacións por estrada e varios derrubamentos de vivendas en Vigo, Santiago e Monforte. “Concretamente na ría e na cidade de Vigo hai moitos anos que non se lembran de temporais semellantes. Os vellos falan de que hai 40 anos que non se sufrían galernas como a do domingo”, recolle a crónica.
4 de outubro de 1984
Un dos eventos climatolóxicos máis extremos e presentes na memoria colectiva do pobo galego foi Hortensia. Foi clasificado como furacán de categoría 1 durante o seu paso polas Bermudas. Case dúas semanas despois chegou a Galicia convertido en ciclón. O meteorólogo José Miguel Viñas explica nunha peza publicada en Meteored o proceso que viviu Hortensia dende o seu nomeamento como furacán ata a súa chegada a territorio galego: “Converteuse en tormenta tropical e esta foise degradando, atopándose no seu camiño cun intenso chorro polar e cunha baixa extratropical, producíndose unha cicloxénese explosiva que deu como resultado o ciclón ex-Hortensia”.
Os estragos causados polo temporal foron considerables. Faleceron seis persoas, unha delas en Galicia. Moitas colleitas quedaron arrasadas, voaron tellados de colexios e vivendas, moitos barcos quedaron destruídos… O tendido eléctrico galego quedou seriamente danado, polo que se produciron moitos cortes de luz. Evacuáronse colexios e suspendéronse as clases. Foi tal e psicose colectiva que incluso houbo poboacións, como a de Zamáns en Vigo, que pediron ser desaloxadas. Na cidade olívica rexistráronse ata 80 l/m2 o 3 de outubro, o día anterior ao principal embate de Hortensia.
En canto ao vento, rexistrouse un refacho de 158 km/h en Ferrol. Un cuarto de século despois bateuse un novo récord e rexistrouse unha axada aínda máis forte: 198 km/h en Estaca de Bares a causa da cicloxénese explosiva Klaus. Porén, Hortensia foi a primeira gran crise meteorolóxica que mobilizou as autoridades de todo o Estado.
Marzo de 2001
Outro mes especialmente chuvioso, tal e como recollen os rexistros da AEMET, foi marzo de 2001. Na estación da Coruña-Aeroporto houbo 29 días de precipitacións; e nas de Vigo e Pontevedra, 30. Ademais, na Boa Vila foi o mes no que máis choveu de toda a serie histórica: 596,3 l/m2. Non obstante, os comezos de 2001 e a recta final do 2000, tal e como se pode consultar na hemeroteca, foron un período especialmente chuvioso. Outra crónica publicada en El País en xaneiro de 2001 describe un “diluvio en Vigo” que obrigou o desaloxo de varios pacientes da UCI do Hospital Meixoeiro. Tamén relata desprendementos de terra e numerosas incidencias nas vías do tren.
A borrasca Elsa
A finais de 2019, xusto antes de que o mundo declarase a pandemia por SARS-CoV-2, unha profunda borrasca denominada Elsa polo instituto de meteoroloxía portugués provocou un forte temporal na península. Os días máis complicados foron entre o mércores 18 e o venres 20, malia que o tempo inestable durou toda a semana. En Galicia decretouse a alerta laranxa no interior de Pontevedra polos abundantes acumulados de precipitación. Elsa causou grandes danos materiais, como o corte de estradas e rías férreas, así como a interrupción do subministro eléctrico en amplas zonas de Galicia.
Naquel altura tamén se encadearon varias borrascas —a anterior fora Daniel e a seguinte Fabien—. De feito, rexistráronse seis falecementos, un deles en Santiago de Compostela.














Vaia páxina, non puiden ler nada pola publicidade invasiva. Deberían revisar o funcinamento das súas páxinas.