Goretti foi a primeira borrasca de alto impacto do ano. Causou fortes refachos de de vento e unha situación complicada no mar entre o 8 e o 10 de xaneiro. O día 16, a AEMET nomeou outro sistema de baixas presións: Harry. Despois chegaron Ingrid, Joseph, Kristin e Leonardo. O 2026 xa leva seis borrascas de alto impacto que están a causar tempo inestable sen apenas tregua. De feito, debido ao patrón atmosférico imperante, Galicia xa é a rexión do planeta na que máis está chovendo. A situación non semella que vaia cambiar, polo menos a curto prazo. Segundo informan dende Meteogalicia, as probabilidades de chuvia continuarán moi elevadas ata, polo menos, o martes 10 de febreiro.
Os datos demostran que están a ser semanas con elevadas precipitacións. Segundo o último boletín da AEMET, no que se analizaba o período do 21 ao 27 de xaneiro, a estación con maior precipitación acumulada durante esa semana foi a de Vigo/Peinador, con 197 mm. Despois de Ceuta (184 mm), o resto de observatorios con maior cantidade rexistrada foron o de Pontevedra (177 mm), Santiago de Compostela/Labacolla (173 mm), Lugo/Rozas (113 mm) e, finalmente, Jaén (111 mm). O informe da AEMET salienta o 28 de xaneiro como un día especialmente chuvioso, cando se chegaron a rexistrar máis de 10 mm en Galicia.
A situación de cara aos vindeiros días será semellante. “Continuará a alta probabilidade de chuvia e os fortes ventos ata, polo menos, comezos da vindeira semana. As temperaturas ascenderán un pouco e teremos algún rexistro de neve. De todos modos, non estamos nunha situación anómala, senón propia do inverno“, sinalan fontes de Meteogalicia. Con todo, advirten que no mar está activada a alerta laranxa por ondas de ata sete metros ata, polo menos, o venres. Os avisos amarelos tamén están acendidos en boa parte de Galicia por precipitacións e fortes refachos de vento e acumulacións de neve por enriba dos 1.000 metros.
Por que non para de chover?
Encadear tantos días de chuvia, máis ou menos intensa, está a xerar a sensación dunha situación anómala, excepcional e nunca acontecida. Os rexistros negan esta impresión e o que está a suceder na atmosfera dá as claves para entender por que non para de chover. Segundo unha peza publicada no portal Meteored e baseada nun artigo de divulgación do Met Office, o servizo de meteoroloxía do Reino Unido, hai un concepto que axuda a comprender o tempo das últimas semanas: a corrente en chorro. É dicir, un fluxo ou corrente con aires moi intensos e concentrados que discorre entre uns 9 e 12 quilómetros de altura.
Este fenómeno condiciona a posición das borrascas e dos anticiclóns en latitudes medias e, polo tanto, inflúe no tempo que faga en superficie. Cando a corrente en chorro se despraza cara ao sur a través do Atlántico, adoitan canalizarse sistemas de baixas presións cara a península ibérica e, por tanto, aumenta a frecuencia e a intensidade das súas frontes asociadas. Neste último mes de xaneiro e neste comezo de febreiro, ademais, hai fortes correntes de aire frío en América do Norte que impulsan aínda máis a situación, e provocan que cheguen máis borrascas ao noroeste e oeste de Europa.
A maiores, dous potentes anticiclóns afastados da península propician a apertura dun corredor atlántico que favorece a chegada de borrascas. Por un lado hai un gran bloqueo de altas presións en Escandinavia e, por outro, o anticiclón das Azores está situado máis ao sur. Esta configuración, por tanto, impide que chegue o tempo seco e estable á península. En canto á previsión a curto prazo, non semella que haxa cambios na configuración actual da corrente en chorro e, polo tanto, manterase o tempo inestable. O prognóstico de cara a mediados da vindeira semana aínda é moi incerto.















Se decides só que ” …corrente en chorro. É dicir, un fluxo ou corrente con aires moi intensos e concentrados que discorre entre uns 9 e 12 quilómetros de altura” non se entende de todo ben, e dá a sensación de que a corrente en chorro tamén está situada enriba das nosas cabezas, isto é, unha especie de capa continua da atmosfera. E non é así, senón que cada corrente en chorrro (hai 2 en cada hemisferio) ocupan unha certa posión latitudinal que non é constante ao longo do ano, senón que vai variando por causas diversas.. Recomendo vídeo https://www.google.com/search?q=corrente+en+chorro&rlz=1C1FHFK_enES1148ES1148&oq=corrente+en+chorro&gs_lcrp=EgZjaHJvbWUyBggAEEUYOTIJCAEQABgNGIAEMgkIAhAAGA0YgAQyCAgDEAAYDRgeMggIBBAAGA0YHjIICAUQABgNGB4yCAgGEAAYDRgeMggIBxAAGA0YHjIICAgQABgNGB4yCAgJEAAYDRge0gEJOTQzMWowajE1qAILsAIB8QXXTt-LvaXWVA&sourceid=chrome&ie=UTF-8#fpstate=ive&sv=CAMSaxoyKhBlLUN5RWpCQl9YMS1UaEZNMg5DeUVqQkJfWDEtVGhGTToONjBfakpjNzh2RXg3Mk0gBCoxChtfTmFHSmFjR2NIdGZWN004UHc3VFkyQXNfNTISEGUtQ3lFakJCX1gxLVRoRk0YADABGAcg1Y-t_gcwAkoIEAIYAiACKAI&vld=cid:90032613,vid:_PTfAXHYSYg,st:0