Dúas roturas de balsas cun alto compoñente en metais pesados en case 12 anos. Esta é a historia que se repite no Monte Neme, antiga mina de volframio e canteira de cuarzo abandonada situada entre os concellos de Carballo e Malpica, caracterizada polas súas augas de cor turquesa. Na pasada noite do 1 de febreiro, a apertura nunha galería rebentou por completo a balsa de menor tamaño das dúas que aínda se mantiñan, arrastrando miles de toneladas de auga, lodo, terra e pedras ladeira abaixo, ademais dun elevado contido en acidez e aluminio. Este fluxo impactou contra a estrada Malpica-Aviño e chegou ás praias de Razo (Carballo) e Riás (Malpica). A Xunta de Galicia descarta a existencia de contaminación e o risco cero, pois as analíticas in situ levadas a cabo por Augas de Galicia nos concellos revelaron valores normais de Ph, osíxeno e condutividade nas augas.
En 2014 xa ocorrera un fito semellante, cando colapsou outra balsa e liberou 24.000 metros cúbicos de auga e lodos tóxicos que arrasaron a contorna de Aviño, a pesar de que os veciños e autoridades locais alertaran reiteradamente da rotura. A vertedura chegou ao mar e illou núcleos de poboación durante horas. A causa destes desbordamentos, o Monte Neme convértese nun dos puntos negros do medio ambiente de Galicia. Naquel entón foi considerado un accidente, pero agora Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, subliña unha mala praxe: en vez de retirar e sanear a auga, cubriron a balsa maior con terra e, coas chuvias, o contido desprazouse cara á máis pequena, coa mala sorte de que unha das galerías estaba en mal estado. “A culpa é da empresa por intentar aforrar custes, aínda que, por omisión ou por acción, a Xunta tamén foi cómplice”, engade.
Agora, tras unha reunión entre a Consellería de Economía e Industria, o Concello de Malpica de Bergantiños e a UTE responsable da restauración, solicítanse dous informes: un sobre a empresa e outro sobre a dirección da obra. Ademais, a Xunta tamén pediu á restauradora propostas de actuación e posibles causas que provocaron o accidente. Tras a falta de prevención por parte da administración galega, Ecoloxistas en Acción decidiu presentar unha denuncia contra o Goberno galego por delitos contra o medio ambiente.
As orixes do Monte Neme: do misticismo á loita mundial
A diferenza doutras zonas do occidente galego, no Monte Neme enclave predominan os gneis sobre o granito, rochas formadas a partir do metamorfismo. Este proceso deu lugar á aparición de minerais pouco comúns como a casiterita, a volframita ou a scheelita, dos que se extraen materiais como o estaño e o volframio. Aquí está a orixe do seu futuro mineiro, cun probable inicio na época grega, romana ou fenicia, aínda que a historia do monte comeza miles de anos antes.
Xa no Paleolítico existía na súa ladeira sueste a Eira das Meigas, un crómlech —círculo de pedras—, un dos poucos exemplos deste tipo de estruturas en Galicia. A actividade mineira de 1960 provocou a súa práctica desaparición, pero a tradición popular identifícao como lugar de aquelarres. Do mito, o Monte Neme pasou á historia recente marcado pola minería.
A primeira concesión da mina dataría de 1923, aínda que a explotación puido comezar antes da Primeira Guerra Mundial e con relevancia durante a Guerra Civil. O volframio converteuse entón nun recurso estratéxico polo seu alto punto de fusión, fundamental para reforzar o aceiro dos tanques e fabricar munición para perforar estas blindaxes. O seu momento de maior demanda chegou na Segunda Guerra Mundial, cando este mineral resultaba clave para a industria bélica da Alemaña nazi.
España, con explotacións en Galicia, Castela e León e Extremadura, converteuse nun dos escenarios desta loita diplomática, como recolle o xornalista Rober Amado na revista Condé Nast Traveler. A comarca de Carballo chegou a atraer espías, mentres presos republicanos eran empregados como man de obra nas minas. Algúns traballadores enganaban aos compradores alemáns mesturando o mineral con pedras pintadas ou chumbo para aumentar o peso. En 1944, os Aliados puxeron fin a esta situación cando Estados Unidos cortou a subministración de petróleo a España para forzar a Franco a deixar de vender volframio a Hitler. Tras a guerra, a demanda reduciuse, aínda que a explotación do Neme continuou ata 1980, cando cesou definitivamente.
Preitos pola responsabilidade
Tras as informacións que declaraban a necesidade de asistencia médica a persoas por bañarse nas balsas de residuos do Monte Neme en 2019, comezou a loita para determinar a responsabilidade destes feitos. O tema principal era a falta dun plan de rexeneración, que aínda se está a comezar a executar sete anos despois. Neste momento hai dous actores principais: a Xunta de Galicia e Leitosa SAU, a última concesionaria desta explotación mineira. A través da Dirección Xeneral de Enerxía e Minas da Consellería de Industria, pedíase responsabilidade á empresa pola situación perigosa do Neme.
Leitosa explotou a mina, pero quebrou en 2012 polo seu vínculo co Caso Gürtel e, por tanto, por aquel entón xa non existía e non tiña a capacidade para acometer os traballos pendentes. No ano 2016, Industria levou a cabo “medidas de seguridade con carácter subsidiario” para reparar, en parte, a situación na antiga explotación, aínda naquel momento insuficiente a causa de moitos anos de abandono.

Un paraíso instagrameable, pero tóxico
A día de hoxe, Instagram recolle máis de 5.000 publicacións co Monte Neme como localización. Posando nas rochas que rodean as balsas ou mesmo dándose un baño dentro desta charca tóxica. Así, a cor turquesa das súas augas converteuse nun reclamo turístico digno de influencers. Tanto foi así que en outubro de 2017, Turismo da Xunta decidiu ilustrar a súa campaña “Dáme Galicia” cunha imaxe dunha muller posando nunha das balsas de residuos da antiga canteira para promocionar a chegada de visitantes a Galicia. Un día despois, debido ás críticas que achegaron asociacións ecoloxistas como Adega e colectivos como a Plataforma pola Defensa de Monte Neme, rectificaba culpando á axencia de publicidade encargada de seleccionar as imaxes e vídeos.
Pero estas balsas non teñen unha cor perfecta por causas naturais, senón polos materiais tóxicos disoltos nelas. “Moitos dos metais están catalogados como substancias químicas perigosas pola Organización Mundial da Saúde“, sinala Cristóbal López. Así, nas augas do Monte Neme aparece o arsénico, o mercurio ou o chumbo, moi perigosos para a saúde.
O doutor xeólogo da Universidade de West Virginia Hobart M. King fala nun dos seus artigos sobre o perigo das minas e canteiras abandonadas, tendo en conta que cobran varias vidas ao ano. A raíz deste traballo, a Plataforma Monte Neme decidiu facerse eco deste estudo a través do seu perfil de X. Os afogamentos son a principal causa de morte nestes espazos, aínda que tamén se suman os perigos das caídas escarpadas, rochas afiadas, augas profundas, maquinaria somerxida e residuos industriais. “Non é raro ver xente camiñando polos taludes do Neme. Tamén se ven carriños de bebés con frecuencia”, sinalan neste fío. Explican que, aínda que non existen sinais que citen textualmente a palabra “Perigo”, como acontecía no pasado, si que se poden ver advertencias como prohibido o paso de peóns e tirar lixo ou pedras, ou perigo de caída por desnivel e por desprendementos.
Unha historia que se repite
A mala praxe levada a cabo sobre as canteiras do Monte Neme volve saír á luz anos despois con motivo deste novo desprazamento. As advertencias cidadás levaron á Xunta a anunciar en maio de 2025 o inicio das obras de restauración, con 1,6 millóns de euros destinados, aínda que as máquinas apenas puideron traballar en decembro a causa das borrascas. O obxectivo era evitar que unha das dúas balsas rebentara, como ocorreu hai uns días. A rotura afectou á balsa menor, pero agora estase alerta por un posible efecto dominó sobre a balsa máis grande, cun maior volume de augas contaminadas.
Respecto ás declaracións da Xunta de Galicia declarando “risco cero” nas zonas afectadas, o membro de Ecoloxistas en Acción Cristóbal López define como “irresponsable” esta palabra. “Está máis que acreditado pola propia administración que estas balsas conteñen residuos tóxicos”, engade. Como consecuencia do que pode provocar na saúde humana están os ingresos de bañistas por reaccións alérxicas ao contacto con metais pesados. Aínda que é posible que os niveis de metais tóxicos estean máis diluídos polas chuvias, tamén xeran escorrentías máis fortes. Así, a única pregunta que se fan é: “Agora, que pasa? Desapareceu a toxicidade?”, conclúe.














Os PPodridOX decláranse en creba e todos pagamos as súas desfeitas. Chove sobre contaminado, cRueda de Vil!