Un equipo da UVigo desenvolve un sistema que predí a calidade do aire interior en tempo real

A solución combina dispositivos autónomos de baixo custo cun modelo avanzado de intelixencia artificial

A calidade do aire do interior dunha edificación é esencial para o confort, a eficiencia enerxética e a saúde das persoas, pero isto non sempre é doado de conseguir de forma axeitada. Ante este escenario, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) acaba de desenvolver un sistema que predí a calidade do aire interior en tempo real. O obxectivo do proxecto é buscar solucións ás importantes limitacións que presentan os sistemas actuais, que non permiten unha representación tridimensional e preditiva dos parámetros de calidade ambiental e que teñen un algo custo e complexidade de instalación.

A iniciativa está liderada dende o Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo. O proxecto está liderado polo catedrático Enrique Granada Álvarez, e xunto a el completan o equipo de traballo o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, cofundador de diferentes proxectos tecnolóxicos. Amais, esta iniciativa conta cun financiamento de 390.000 euros do programa Ignicia da Xunta.

Publicidade

“IAQIA3 responde aos retos que formulan os sistemas actuais cunha tecnoloxía innovadora baseada en intelixencia artificial que permite o modelado dinámico, en 3D e no tempo, da calidade do aire interior e a súa integración con sistemas de xestión de edificios (BMS)”, explica o responsable do proxecto, quen tamén fai fincapé en que isto permite detectar ineficiencias nos sistemas de ventilación ou adaptarse en tempo real ás cambiantes circunstancias derivadas do uso que as persoas usuarias fan dese edificio.

Despregadura rápida e sen infraestruturas complexas

A solución combina dispositivos autónomos de baixo custo para medir parámetros como dióxido de carbono, temperatura e humidade relativa, con opción de incorporar outros sensores, xunto cun modelo avanzado de IA capaz de xerar modelos espaciais e temporais a partir de medicións puntuais. Emprega, ademais, comunicacións eficientes e un deseño de baixo consumo que facilita unha despregadura rápida e sen infraestruturas complexas.

Publicidade

“A diferencia dos sistemas convencionais, IAQIA3 non só mide, senón que modela e predí a evolución da calidade do aire en cada punto do espazo, reducindo o número de sensores necesarios, permitindo accións correctivas en tempo real e asegurando a compatibilidade con protocolos industriais como BACnet, Modbus ou Zigbee”, engade Granada.

Ideal para hospitais, centros comerciais, ximnasios…

O mercado obxectivo inclúe hospitais, centros comerciais, edificios de oficinas, terminais de transporte ou ximnasios, e a proposta conta co apoio de numerosos axentes do sector. O proxecto culminará coa creación dunha spin-off especializada en solucións de calidade do aire de interior, cun modelo de negocio baseado na comercialización de algoritmos de IA para visualización 4D.

“O financiamento Ignicia permitiranos validar e escalar o noso dispositivo de monitorización en interiores en contornas reais, acelerando o seu paso de TRL 7 a TRL 9”, subliña Granada, quen tamén fai fincapé en que, ao tempo, lles facilita a posta en marcha da spin-off, industrializar o dispositivo e consolidar a estratexia comercial. “Ademais, actúa como catalizador para atraer investimento privado e alianzas clave”, recalca Granada. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva

A UVigo únese a un proxecto europeo para mellorar o diagnóstico das infeccións crónicas de feridas

A iniciativa desenvolverá modelos bioenxeñados de pel e tecnoloxías baseadas en nanomateriais para avanzar cara a un tratamento personalizado

De Vigo a Xapón para estudar novas estratexias naturais contra as mareas vermellas

A investigadora Rocío Blanca Sújar explora o potencial das macroalgas no control tóxico das proliferacións de algas nocivas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas