Imaxe aérea en Monte Neme da balsa que rebentou en febreiro de 2014. Fonte: Plataforma pola Defensa do Monte Neme.
Imaxe aérea en Monte Neme da balsa que rebentou en febreiro de 2014. Fonte: Plataforma pola Defensa do Monte Neme.

Abandono en Monte Neme: preitos entre a Xunta e unha empresa liquidada

A Consellería de Industria responsabiliza a Leitosa, que foi a última en explotar a canteira de que non se execute o plan de rexeneración pendente

Cinco anos e medio despois de que a rotura dunha balsa en Monte Neme (da que alertaran repetidamente veciños e autoridades locais de Carballo e Malpica), o foco alumea máis ca nunca nesta antiga mina de volframio e canteira de cuarzo (verdadeiro motivo, este último, da existencia das balsas de cor turquesa que tanto atraen nas redes sociais). As informacións de que algunha persoa requiriu asistencia médica por bañarse nas balsas de residuos provocaron unha especie de efecto chamada cara ao lugar. Unha zona na que están pendentes aínda traballos de rexeneración, toda vez que a última concesionaria da explotación, Leitosa SAU, está liquidada e, por tanto, sen capacidade para acometer os traballos pendentes.

Porén, é a Leitosa a quen a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeneral de Enerxía e Minas da Consellería de Industria, lle pide responsabilidades da perigosa situación en Monte Neme. Desde Industria explican que “a Xunta ten aprobado un plan de peche da antiga explotación mineira de Monte Neme, requirindo nos últimos anos a execución do mesmo á empresa que explotou o espazo, para que asuma as súas responsabilidades legais”.

Un ‘like’ pode acabar en urxencias: por que non deberías bañarte en Monte Neme

Restauración pendente en Monte Neme

Este plan, valorado en 793.247,90 euros e aprobado só 11 días despois da riada que arrasou os montes de Aviño e Razo da Costa en febreiro de 2014, segue sen executar “ante a falta de actuación da compañía”, segundo explica a Xunta. Así, desde Industria acometéronse en 2016 “medidas de seguridade con carácter subsidiario” para intentar reparar en parte a situación na antiga explotación, pero que seguen sendo insuficientes á vista da situación actual en Monte Neme.

Ante isto, a actuación da Xunta foi bastante cuestionada por colectivos como a Plataforma pola Defensa de Monte Neme, que agrupa a entidades de diversos eidos de Carballo e Malpica, sobre todo despois de que en 2017 se usara unha imaxe das balsas e os noiros da canteira como reclamo nunha campaña de Turismo de Galicia, pagada con fondos públicos. Unha imaxe que a Xunta retirou, e pola que pediu desculpas, ante a polémica xerada, argumentando que “fallaron os filtros”.

Estas mesmas entidades tamén son moi críticas coas campañas de publicidade institucional patrocinadas pola Xunta para a Cámara Oficial Mineira, como o portal Minería Sostible, no que se expoñen restauracións “exemplares” de explotacións mineiras en Galicia. Entre elas, como é de esperar, non aparece Monte Neme.

Mentres, as actuacións definitivas seguen sen chegar, á espera dunha maraña xudicial que segue sen resolverse. Desde Industria sosteñen que “tal e como marca a lexislación, ten que ser a antiga compañía explotadora a que se encargue de recuperar o espazo, selar as balsas e rehabilitar os terreos afectados de acordo coa comunidade de montes titular dos terreos”. Porén, Leitosa, administrada entre 2006 e 2012 (cando entrou en concurso de acredores) por un implicado na trama Gürtel, abandonou Monte Neme en 2012 despois de extraer cuarzo e áridos, e hoxe xa non existe. Por tanto, a posibilidade de que se faga cargo do custo dos case 800.000 euros da rexeneración é bastante remota. Cómpre subliñar, tal e como informou no seu momento El País, que Leitosa obtivo 600.000 euros de axudas públicas entre 2003 e 2010. E segundo o mesmo diario, non se lle esixiu ningún aval para garantizar a restauración cando terminaran os traballos na zona.

Esta falta de actuacións provoca, precisamente, que persistan os altos noiros pouco consolidados polos que transitan centos de persoas todos os meses, co conseguinte risco de accidentes, e as balsas de cor turquesa debido á sílice das rochas da zona. Ante a situación dos últimos días, desde a Xunta “pídese prudencia, respectando a sinalización de prevención existente”. Porén, estes sinais, aínda que persisten nalgúns casos, adoitan ser destrozados cada pouco tempo, segundo denuncia a Plataforma Monte Neme.

Ademais, a afluencia de persoas ao lugar non se cingue só a visitantes que se limitan a sacar fotos e rubir polos noiros. Noutros casos, o impacto é maior, como o que se pode ver nas redes, con vídeos de vehículos todoterreo en 2014 dentro dunha das balsas que semanas despois rebentaría:

Este colectivo insiste precisamente en que o simple feito de visitar o lugar expón ás persoas a unha situación de risco, xa que o abandono da explotación convértea nun lugar perigoso no que ademais, en caso de accidente, é posible que a responsabilidade recaia sobre os posibles afectados:

Desde o Concello de Carballo, un dos municipios nos que se sitúa o enclave, expoñen que as actuacións son competencia da Xunta, aínda que amosan a disposición a colaborar na medida do posible para establecer as condicións de seguridade precisas. Unhas medidas que tamén se comprometeu a tomar o Concello de Malpica, o outro municipio no que se enmarca a explotación. E ante a situación dos últimos días, desde a Xunta “pídese prudencia, respectando a sinalización de prevención existente”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.