Imaxes de varias persoas bañándose ou posando nas balsas de Monte Neme. Fonte: Instagram.
Imaxes de varias persoas bañándose ou posando nas balsas de Monte Neme. Fonte: Instagram.

Un ‘like’ pode acabar en urxencias: por que non deberías bañarte en Monte Neme

Os metais pesados presentes nas balsas da antiga explotación mineira poden producir erupcións na pel e mucosas e mesmo náuseas

“Anda que nin avisan, nin un cartel nin nada. Dúas semanas cunha reacción alérxica”. Era o comentario acompañado dunha fotografía na rede social Instagram que, hai unhas semanas, percorreu as redes despois dun chío con milleiros de réplicas. A imaxe amosaba unha moza bañándose en Monte Neme, un enclave entre os concellos coruñeses de Carballo e Malpica onde houbo unha explotación de volframio e unha canteira de áridos durante décadas. Agora só quedan, ademais de perigosos noiros, unhas balsas que, debido á riqueza en sílice dos minerais do monte, danlle unha atractiva cor turquesa. A citada moza dicía ter sufridos problemas de saúde debido ao contacto coa auga. E non parece o único caso de persoas que, despois de ir na busca dun ‘like’ para o Instagram, acabaron en urxencias despois de mergullarse nestas balsas.

Cunha rápida busca xeolocalizada a través de Instagram, as fotografías tomadas arredor destas balsas cóntanse por centos. Aínda que a moza que sufriu a reacción alérxica afirma que non hai ningún cartel advertindo do risco, o certo é que nas inmediacións existen indicacións e barreiras que expoñen o perigo da zona. E non só pola auga: algúns dos noiros, de máis de 10 metros de altura, están pouco consolidados, co conseguinte risco de caída.

Son menos as persoas, por fortuna, que cometen a temeridade de mergullarse na auga. Pero hainas. Desde o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o médico Manuel Ferreiro ten constancia de polo menos dúas atencións en puntos de atención continua (PAC) da zona debido a reaccións derivadas de bañarse en Monte Neme. “Hai que ter en conta que son residuos dunha explotación mineira e unha canteira na que se traballou con metais pesados e na que se puideron formar compostos cun pH bastante ácido, e o contacto con eles pode crear irritacións na pel e nas mucosas”, expón Ferreiro.

Se alguén decide prolongar varios minutos o baño, a situación pode complicarse. Nalgúns casos, sobre todo en persoas que polo seu organismo sexan susceptibles a este tipo de reaccións, é posible que aparezan náuseas e mesmo vómitos“. Con todo, non adoita haber problemas de saúde máis graves, pero a conclusión parece clara: é mellor non bañarse en Monte Neme para evitar unha visita a urxencias.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Diego Moroño Cores 🌍 (@diegomorono) el

Ferreiro advirte ademais doutro risco derivado de introducirse nestas augas: “O solo destas balsas ten lodos, onde se concentran os metais pesados, pero ademais pode haber pozos que, nalgún caso, poderían poñer nun serio apuro a quen se meta na auga”.

A peregrinación Instagram a Monte Neme

Ninguén sabe moi ben como comezou a teima en ir sacar fotos de todos os tipos a este monte, de algo máis de 380 metros de altitude que mira cara ao Atlántico. O certo é que en 2014, despois de numerosas advertencias de autoridades locaisa rotura dunha destas balsas (que daquela xa tiñan o seu característico cor turquesa) fixo caer monte abaixo miles de litros da auga acumulada, mesturada con metais pesados, e sedimentos que se concentraban alí. Os danos materiais foron importantes, pero por fortuna non houbo feridos.

Pouco a pouco, comezou a afluencia de persoas ao lugar para inmortalizarse cunha fotografía nas redes. O asunto acadou tal magnitude que en 2017 a Xunta, dentro dunha campaña de promoción turística, utilizou unha imaxe de Monte Neme nun anuncio. Xerouse unha importante polémica debido a que a propia Xunta, a través da Dirección Xeneral de Enerxía e Minas, ten aínda pendente un plan de restauración na zona que se anunciou en 2014 a raíz da rotura da balsa. A imaxe foi retirada ao pouco tempo.

Ante esta situación, xurdiron organizacións como a Plataforma pola Defensa de Monte Neme, que reúne a asociacións veciñais e ecoloxistas da zona, e que avogan por difundir o patrimonio natural e histórico do monte e avogar por unha recuperación integral da paisaxe que, hoxe en día, aínda non ten data. Do mesmo xeito, desde esta Plataforma insisten no risco non só de bañarse, senón do feito de visitar a zona, debido a falta de medidas de seguridade e o consecuente risco de accidentes.

Por que a cor turquesa das augas?

A repercusión acadada nas últimas semanas deu lugar a titulares como “O Chernóbil galego“, en parte polo atractivo que xera a cor turquesa das augas. Non en tanto, esta cor non garda relación coa toxicidade dos metais pesados da auga de Monte Neme. Débese, segundo teñen explicado xeólogos coñecedores da zona, á presenza de sílice que xera esta peculiar cor na auga. Foi unha situación que, segundo lembra moita xente na Coruña, tamén se deu nalgunha ocasión nas praias do Orzán e Riazor durante o recheo dos areais con áridos ricos en silicatos, como o caolín, que deron durante o tempo unha cor turquesa ás augas da baía coruñesa. O mesmo acontece noutras antigas explotacións en Galicia, como a de Cartelle, en Ourense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.