O buque oceanográfico Odón de Buen partiu de Vigo o 31 de outubro, recalou en Cádiz e agora navega rumbo á Antártida. A comezos de decembro participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas Juan Carlos I e Gabriel de Castilla para iniciar unha nova campaña de investigacións que se estenderá ata abril. O barco, construído en Vigo e pertencente ao Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), abriu as súas portas nunha visita guiada que permitiu percorrer preto de 1.000 metros cadrados dedicados a laboratorios e espazos científicos especializados. As súas entrañas amosan un buque moderno, acolledor para a tripulación e cun claro obxectivo: explorar os misterios dos polos.
“É o primeiro barco híbrido da frota española porque funciona con diésel e gas licuado. Búscase reducir moito as emisións de CO2 para operar, sobre todo, en zonas polares, que están moi limpas”, explica o persoal da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC, encargado de realizar a visita guiada, que comezou dende a súa cuberta exterior e continuou no primeiro laboratorio, aínda impoluto. A súa condición de barco híbrido ―con 84,3 metros de eslora e 17,8 metros de manga― obrigou a crear un deseño máis ancho e longo para que couberan os depósitos de gas licuado. Dende a UTM salientan unha morfoloxía perfecta para estudar os polos, malia que pode operar en calquera dos outros oceános do planeta.
Un vehículo punteiro
O Odón de Buen é todo un labirinto de corredores estreitos, múltiples laboratorios e espazos que permiten facer a vida máis confortable para a tripulación. É un barco de tamaño impoñente no que caben 12 contedores só na cuberta: “Ten moita capacidade para traballar en zonas polares, sobre todo na Antártida, para o aprovisionamento das bases”. Mais tamén ten un fin estritamente científico, e está equipado con tecnoloxía punteira para investigar dende a biodiversidade mariña, pasando pola morfoloxía do fondo do mar, ata para monitoriza o cambio climático. O seu equipamento está preparado para desplegarse a profundidades que poden superar os 6.000 metros.
A xoia da coroa é un estreito e longo dispositivo cifrado en cinco millóns de euros. “É un vehículo submariño non tripulado. Sácase á cuberta principal, é completamente autónomo, somérxese e navega ata os 6.000 metros”, explica o persoal da UTM. O aparello permite estar a 30 metros de distancia do fondo e ofrece unha oportunidade única para explorar a morfoloxía do fondo mariño, entre outros fins científicos. Segundo indican dende o CSIC, é o primeiro destas características que hai en España e ten unha autonomía que pode durar ata 24 horas. A súa velocidade vai dende os dous ata os catros nudos, cos que pode chegar ás profundidades oceánicas para desvelar o invisible para o ollo humano.
Do parque de pesca ao control de mando
A seguinte parada da visita é o laboratorio termorregulado, que permite traballar a unha temperatura ambiente de entre 8 e 16 graos. Este espazo permite realizar incubacións controladas que precisen duns valores térmicos controlables, así como levar a cabo experimentos de control e certificación de salinidade. Está comunicado co laboratorio de análise. Despois, a visita continuou polo parque de pesca científica. “Hai unha comporta que o conecta coa cuberta. A captura cae na tolva, vai rodando e extraéndose a pesca. Quítanselle as vísceras e o demais emprégase para as análises de mostras biolóxicas“, apuntan.
Outro dos aspectos máis interesantes, despois dos espazos nos que se levan a cabo os traballos puramente científicos, son os camarotes nos que se aloxa a vintena de membros da tripulación e a trintena de persoal investigador que realiza os proxectos. Mais unha das salas máis abraiantes é o control de mando do Odón de Buen, cunha visibilidade 360 e con cartas que xa son electrónicas. Hai tres postos dotados de infinidade de ordenadores e dispositivos. Ese é o cerebro mesmo que ordena os movementos e os xiros do buque.
A seguinte parada, nunha das cubertas, permite observar os equipos para explorar o mar. “Despréganse con cables coaxiais, de aceiro por fóra e por dentro permiten as comunicacións. Isto fai que, cando o aparello está somerxido e rexistrando datos, se poidan ver en tempo real nas consolas de a bordo”, explican. A visita remata nun amplo comedor con salas de reunións e balcóns para observar o mar. “Está deseñado dende o principio pensando na confortabilidade do persoal a bordo”, insisten dende a UTM.
Investigacións na Antártida
O Odón de Buen, cun orzamento de 85 millóns de euros, chegará á Antártida para axudar nas tarefas de apertura das bases, e despois albergará dous proxectos científicos. Entre eles, un galego encabezado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), que ten sede en Vigo. Liderado por Fiz Fernández e José A. Padín, repetirá as investigacións realizadas hai 20 anos na contorna do paso de Drake e do estreito de Bransfield. O obxectivo é obter novos datos que permitan estudar a evolución das condicións oceanográficas da rexión.
A bordo do buque tamén se desenvolverá un proxecto coordinado pola Universidade das Palmas de Gran Canaria e o IEO-CSIC para estudar a produción e variabilidade do plancton na zona norte do mar de Weddel. Isto suporá un fito para a ciencia nacional, dado que será a primeira vez que un buque español se adentre nesta zona para realizar un proxecto científico. Como é unha rexión caracterizada polo xeo mariño, supón todo un reto científico e operativo. “As capacidades polares do Odón de Buen serán fundamentais para levar a cabo os traballos de investigación previstos”, sinalan dende o CSIC.
O Odón de Buen é un dos seis barcos que compoñen a frota oceanográfica do IEO-CSIC xunto ao Sarmiento de Gamboa, Ramón Margalef, Ángeles Alvariño, Francisco de Paula Navarro e Mytilus. A esta longa lista de grandes oceanógrafos súmase o de Odón de Buen, quen fundou o IEO-CSIC e está considerado o impulsor da oceanografía en España e un dos pioneiros desta ciencia en Europa. É un nome ambicioso, cunha longa historia, que mira ao futuro dos polos para explorar os seus misterios e talvez desentrañar as súas incógnitas.




















