Carlos Mosquera é o director de atlanTTic. Foto: Duvi.
Carlos Mosquera é o director de atlanTTic. Foto: Duvi.

Vigo acollerá un laboratorio de tecnoloxías 5G

O centro atlanTTic coordinará un proxecto que se baseará na investigación e dará tamén soporte ao tecido produtivo do sector

A convocatoria de 2018 de axudas para infraestruturas científicas e tecnolóxicas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades supuxo para a Universidade de Vigo unha achega de 7 millóns de euros tanto para a creación como para a mellora de laboratorios. Entre as novas instalacións que se porán en marcha está un laboratorio de tecnoloxías 5G, unha aposta por impulsar a capacidade de I+D do centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic.

Como explica Carlos Mosquera, director de atlanTTic, “o equipamento solicitado neste proxecto servirá para dar forma ao laboratorio de comunicacións de quinta xeración (5G)”. Neste sentido, lembra que o persoal investigador do centro “vén traballando dende hai tempo nesta temática, con boa proxección nacional e internacional, o que se pon de manifesto en numerosas publicacións e colaboracións coa industria”. Esta nova instalación servirá para potenciar e reforzar a capacidade de traballo nas tecnoloxías amparadas baixo a etiqueta 5G e, como detalla Mosquera, “está concibido como un laboratorio de investigación, que ao mesmo tempo pode dar soporte as colaboracións co tecido produtivo, como poden ser operadores de telefonía móbil ou xestores de infraestruturas de telecomunicación”.

O orzamento total do laboratorio é de 843.852 euros, dos cales o 80% (557.918 euros) son financiados polo Ministerio cunha axuda da Convocatoria de adquisición de equipamento científico-técnico correspondente ao ano 2018 e negociase coa Xunta o 20% restante. Mosquera explica que o concurso está publicado e a próxima semana pechará ao prazo de recepción de ofertas, polo que “se todo vai ben, en outono debería estar todo recepcionado e en novembro ter os equipos xa operativos nas nosas instalacións”.

Un laboratorio para as áreas de radio e redes de datos

O laboratorio situarase nas instalacións de atlanTTic, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e os seus principais usuarios serán as e os investigadores deste centro, principalmente o persoal dos grupos que traballan nas áreas de Radio e Redes de datos. En relación ao equipamento, Carlos Mosquera detalla que o equipo máis caro será un analizador de espectros e sinal, “que debe operar polo menos ata 110 GHz, e servirá para caracterizar, medir e verificar o cumprimento dos parámetros das especificacións que regulan o funcionamento dos diferentes subsistemas de comunicacións”. O laboratorio contará tamén cun analizador vectorial para caracterizar a canle radio e diferentes dispositivos como as antenas, “que nas novas redes van ter unha preponderancia aínda maior que nas actuais”. Por outra banda, contarase con equipos que permiten recrear o funcionamento das estacións base e estudiar a xestión dos recursos de rede en contornas realistas e representativas dos escenarios 5G, como a teleoperación de drones ou a recolección de datos IoT (Internet of Things).

Un paso máis para afianzar a I+D

Os investigadores de atlanTTic viñan traballando nesta temática dende hai tempo, liderando e participando en proxectos nacionais e internacionais. Con este novo laboratorio reforzarase, remarca o director do centro, “a capacidade de traballo en virtualización de funcións de rede, coexistencia de servizos, programabilidade dos dispositivos de comunicacións e caracterización do medio en novas bandas de frecuencia”. Superaranse así as limitacións dos equipos actualmente dispoñibles para traballar con bandas de frecuencia elevadas, así como as dificultades para acceder desde o mundo académico a redes con características 5G. A colaboración coa contorna de innovación verase igualmente beneficiada, con colaboracións previas e en curso con empresas como Cellnex, Telefónica ou Vodafone. Ademais, refórzase con estas instalacións unha liña estratéxica para a Escola de Enxeñería de Telecomunicación, que o próximo ano académico estrea un novo Curso de Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.