Pint of Science: “É fantástico pasar do contexto pechado da investigación á contorna afable dos bares”

O investigador de atlanTTic Diego Cajaraville dará o 19 de maio ás 19:30 horas unha charla no bar De Catro a Catro de Vigo

A divulgación é unha das actividades vitais do mundo investigador, e mellor cando se fai en contornas distendidas. A raíz desta idea nacen iniciativas como Pint of Science, o maior evento de divulgación científica gratuíto do mundo, con Vigo entre unha das 29 localizacións que presenta o festival. Así, os bares El Castro e o café De Catro a Catro serán os responsables de resgardar o coñecemento científico durante o martes 19 de maio e o mércores 20. Así, no bar da rúa Xerona número 15, o día 19 de maio ás 19:30 horas, terá lugar a charla de Diego Cajaraville Aboy, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), baixo o título IA distribuida: evolución y nuevas tendencias. Nela, falará sobre como a intelixencia artificial (IA) está a avanzar cara a modelos máis seguros e colaborativos.

O martes 19 de maio, ás 19:30 horas, en El Castro participarán os investigadores Javier Pérez Guerra, Laura Abalo Dieste e Yolanda Fernández Pena con Falamos mal? Isto vai de fragmentos na fala e ¿Estás enfadada? Mujeres, hombres y malentendidos, con Alicia Sentí Janssen e Virginia Acuña Ferreira. No local De Catro a Catro, ademais da intervención de Cajaraville, interverá Patricia González Cabaleiro con Edificios bajo la luz de la ciencia.

Publicidade

O mércores 20 ás 19:30 horas será o último día do evento. El Castro acollerá dúas charlas Del cosmos al organismo humano: huellas isotópicas, coa investigadora Marta Costas Rodríguez, e Péptidos marinos, poder de lo invisible, con Carla Cameselle Llanos. Mentres, en De Catro a Catro, ¿Cuándo vamos a curar el cáncer? de María Mayán Santos; e Si galopa no tiene por qué ser un caballo, de Saida Ortolano.

Divulgar nos bares

Pint of Science busca establecer o diálogo directo entre os investigadores e investigadoras e a sociedade. “É fantástico pasar do contexto pechado da investigación á contorna afable dos bares”, explica Diego Cajaraville. Deste xeito, engade que “se amosa o bo coñecemento dos investigadores sobre temas que os usuarios non teñen que coñecer”. Así, Pint of Science convérteése no primeiro evento divulgativo do investigador de atlanTTic.

Publicidade

Intelixencia artificial cada vez menos invasiva

A intelixencia artificial distribuída —ou aprendizaxe federada— é o eixo no que se centra a charla de Cajaraville. O obxectivo desta tecnoloxía é balancear dous aspectos: “Respectar a privacidade dos usuarios e datos aproveitando a utilidade”. Así, estes modelos de IA son útiles para empresas ou entidades sanitarias. O obxectivo dos próximos anos é crear sistemas máis dinámicos e a colaboración entre dispositivos.

Nun mundo cada vez máis dixitalizado, todos os datos acaban nun sistema de nube, converténdose nunha diana á que atacar. “É unha vía pola que se poden conseguir moitos cartos”, apunta. A diferenza principal é que, na IA distribuída, os datos nunca chegan a saír dos dispositivos, senón que se soben a unha nube privada sen perder a utilidade da intelixencia artificial: “Cada dispositivo aprende por si mesmo os modelos de IA”.

Na actualidade, os datos biométricos, como o recoñecemento facial para desbloquear teléfonos móbiles ou servizos bancarios, nunca se comparten coa nube ou coa empresa. “Procúrase unha mellora da tecnoloxía a fin de mellorar modelos sen comprometer a privacidade”, conclúe Diego Cajaraville.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Fernando Aguado: “A variación do sinal con respecto a Vigo axudará a situar Orion na Artemis II”

O catedrático da Universidade de Vigo cualifica de “soño” a participación do seu equipo no percorrido cara á Lúa na nova misión da NASA

Galicia, na misión Artemis II da NASA: así traballa a UVigo no seguimento de Orion

Un grupo de atlanTTic analizará unha monitoraxe continua durante dez días para asegurar a correcta traxectoria da cápsula

atlanTTic impulsa unha rede experimental única de referencia internacional en 5G e 6G

O centro da UVigo desprega no campus de Lagoas-Marcosende unha infraestrutura avanzada para validar comunicacións móbiles de nova xeración en contornas reais