Iníciase a historia dunha épica viaxe polo espazo, unha aventura que será, con toda probabilidade, un dos fitos máis relevantes deste 2026, e non só dende o punto de vista científico. O lanzamento de Artemis II volta a fixar a ollada do ser humano na Lúa. A nova misión da NASA despegou esta madrugada dende o Complexo de Lanzamento 39B no Centro Espacial Kennedy, en Florida. A súa posta a punto non só remarca unha importancia tecnolóxica, que implica a visita á cara oculta do noso satélite e a posta a proba dos seus sistemas para futuros aluaxes, senón tamén emocional: por primeira vez en máis de 50 anos veremos unha nave tripulada viaxar á Lúa. A humanidade fixa a vista na nave Orión, cuxa tecnoloxía será a que se empregue no futuro, se a misión ten éxito, para realizar viaxes a Marte.
Neste gran paso tecnolóxico hai unha pegada con marca galega: o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, centro que pertence á UVigo, xunto coa empresa Integrassys, será a responsable de levar a cabo o seguimento terrestre da Orion no seu camiño á Lúa. Durante os 10 días que durará a viaxe, o equipo galego axudará a validar a traxectoria da nave que levará os astronautas Reid Wiseman, Victor Glover, Christina Koch e Jeremy Hansen. Todo, grazas ao efecto Doppler e ao incansable traballo de persoas como Manuel Diz Folgar e Pablo Fernández Fernández. Falamos dos retos tecnolóxicos e da importancia desta Misión co catedrático Fernando Antonio Aguado, responsable do grupo da UVigo e membro da Academia Internacional de Astronáutica.
—Que se sente ao saber que parte da seguridade dunha nave tripulada da NASA depende desa análise de datos que se vai a realizar dende Galicia?
—Para nós é un soño. Dende 1972 non viamos unha misión tripulada á Lúa. Sinxelamente achegar o noso gran, poder axudar a facer o seguimento, é unha contribución moi ilusionante. Aínda que realmente o que é a parte fundamental, obviamente, é todo o que desenvolveu a NASA, tamén con participación da industria europea e coa industria española.
—E como foi o proceso para chegar a formar parte deste equipo?
—A NASA realizou un encargo á empresa Integrasys, con quen nós temos unha relación excelente. Ademais, a localización de Galicia e da nosa estación, que é a que máis ao oeste se atopa de toda Europa, fai da nosa base un enclave moi interesante, e que é un pouco diferente con respecto aos outros.
—Porque, en que vai a consistir o traballo da UVigo nesta Misión Artemis II?
—A nave Orion vai ter dúas órbitas diferentes; primeiro, unha ao redor da Terra, e despois unha órbita de transferencia lunar. Na súa viaxe vai chegar a un punto no cal precisaremos dun conxunto de estacións que reciban o seu sinal, xa que non teremos GPS (a nave quedará fóra do alcance dos satélites de navegación). Estas estacións axudarán a colocar a nave, e nós faremos parte deste traballo.
“A localización de Galicia e da nosa estación (…) fai da nosa base un enclave moi interesante”
—E como o van facer?
—A nave transmite un sinal e, en función de se se está achegando ou afastando, dito sinal variará con respecto a Vigo e transmitirá unha frecuencia similar á das ambulancias, que cando van cara a nós teñen un sinal máis agudo, e cando se afastan, máis grave.
—O efecto Doppler…
—Exacto! Como no espazo non hai son, o que se transmiten neste caso son ondas electromagnéticas, que é o que nós recolleremos na nosa estación e analizamos os datos. Grazas a que coñecemos a rotación da Terra, a posición de Vigo e a da Lúa podemos estimar a traxectoria da nave e suplir, dalgún xeito, o traballo que farían os sistemas de navegación e posicionamento, que só teñen cobertura por debaixo dos 20.000 quilómetros.
—De que xeito se prepara un para participar nunha misión así?
—No noso caso, agora mesmo estamos medindo sondas que hai ao redor da Lúa e que funcionan en frecuencias similares, como é o caso da sonda de recoñecemento luar LRO. Tódolos días recibimos o seu sinal e somos capaces de identificalo e discriminalo, é dicir, diferenciala doutras sondas que se atopan na mesma rexión. Son sinais moi tenues, xa que a Lúa se atopa a 400.000 quilómetros de distancia. Porén, esta práctica permítenos comprobar que a recepción da nosa base funciona perfectamente.

—O grupo tamén traballa noutros proxectos vencellados á Lúa, como é o caso de RoboCrane no pasado, centrado no estudo de covas e tubos de lava no noso satélite.
—Nestes intres o grupo atópase en cinco proxectos diferentes de exploración lunar, neste caso, para a Axencia Espacial Europea. Adoitamos colaborar coa Universidade de Oviedo e a empresa EOSOL, e traballamos en distintos aspectos fundamentais: dunha banda, centrámonos no deseño dunha grúa para incorporar nun rover lunar e, deste xeito, poder baixar pequenos robots a explorar as covas que hai na Lúa.
—Cal é o interese destes lugares?
—O máis sinxelo é que os primeiros asentamentos na Lúa se proxecten dentro destas covas, xa que son cavidades moi grandes, feitas de lava como produto da actividade volcánica da Lúa no pasado, cando se separou da Terra. A súa morfoloxía é moi similar á que podemos atopar nas covas de Lanzarote, coa diferencia de que adoitan ser moito máis grandes: poden chegar a ter 100 metros de altura, unha anchura de 200 metros e unha lonxitude de entre 500 metros e un quilómetro.
Este conxunto de datos é algo que se teoriza grazas á información recollida polos rovers que foron á Lúa ou polas naves que orbitan o satélite, pero agora a Axencia Espacial Europea e o resto de axencias espaciais queren facer misións robóticas para explorar o interior destas covas. Aquí o noso papel tamén consiste en estudar que tipo de comunicacións teriamos que incorporar nestas covas para poder manter un contacto dende a Terra. Tamén traballamos na procura de sistemas de potencia mediante reactores termonucleares que permitan a estes robots sobrevivir ás noites lunares, que son moi longas, duns 14 días, e moi frías.
“Xa non fai falla explicar que Galicia é un hub aeroespacial de importancia: agora coñécennos na Axencia Espacial Europea”
—E por que son os lugares máis idóneos para establecer asentamentos?
—Como dicía, a noite lunar dura 14 días, e o día tamén. Por tanto, hai unhas variacións de temperatura moi grandes, xa que pasamos de estar a uns 160 graos a estar a -160 cando é noite. Porén, as covas da Lúa, de tipo basáltico, teñen unha temperatura moi constante e que non varía, o cal as converte nun espazo ideal. Ademais, como a Lúa non ten atmosfera tampouco temos protección fronte á radiación, e isto provocaría nun ser humano que estivera na superficie lunar unha dose de radiación que podería ser causante de multitude de enfermidades, como o cancro. Finalmente tamén é interesante explorar a opción das covas para evitar o impacto de pequenos meteoritos, xa que a atmosfera ademais de protexernos fronte a radiación frea o impacto das partículas de po que viaxan polo espazo dun xeito moi acelerado.
—O seu equipo partici pou no lanzamento doprimeiro satélite galego, o Xatcobeo, no 2012. Dende aquel fito ata o Artemis II hoxe, cal foi o impacto real deste ‘hub’ aeroespacial na economía e o talento mozo de Vigo?
—A verdade é que, con perspectiva… temos xa 200 enxeñeiros en misións tan importantes como a que se lanzou hai tres días; que foi un satélite de Galileo. Temos creación de novas empresas e temos unha gran cantidade de traballo de alta cualificación no sector da aeronáutica. Isto demostra que o investimento en ciencia e en tecnoloxía pode ser rendible, xa que permite non só reter o talento, senón tamén atraelo: agora mesmo vén xente de fóra para traballar na industria galega en proxectos que son líderes e referentes a nivel mundial. Agora xa non fai falla explicar que Galicia é un hub aeroespacial de importancia: agora coñécennos na Axencia Espacial Europea. En realidade isto é o que importa, xa que é o que nos vai permitir que os nosos enxeñeiros poidan quedar aquí e xerar riqueza.














