Galicia, na misión Artemis II da NASA: así traballa a UVigo no seguimento de Orion

Un grupo de atlanTTic analizará unha monitoraxe continua durante dez días para asegurar a correcta traxectoria da cápsula

A National Aeronautics and Space Administration, NASA, confirmaba o pasado martes de xeito oficial que o 1 de abril será a primeira data na que se intentará lanzar desde o Centro Espacial Kennedy de Florida Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972. “Podo confirmar que todo está en orde e non hai ningún impedimento para o lanzamento de Artemis, se as condicións meteorolóxicas o permiten”, afirmou a viceadministradora e responsable de exploración espacial da axencia espacial estadounidense, Lori Glanze. A misión contará coa participación do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial (ATRG) do centro atlanTTic da UVigo a través da cooperación establecida coa empresa tecnolóxica española Integrasys, seleccionada pola NASA para realizar tarefas de seguimento terrestre da cápsula Orion.

Durante a súa viaxe, emitirá sinais de radio en banda S que poden actuar como un faro ou latexo electrónico e “este sinal será captado polas antenas da Universidade de Vigo e Integrasys, que funcionan como os oídos da misión na Terra para escoitar ese pulso que provén do espazo profundo”, explica Fernando Aguado Agelet, catedrático da UVigo e director do grupo de investigación ATRG. 

Publicidade

O proxecto é o resultado dun encargo directo da NASA a Integrasys, xunto á Universidade de Sevilla. Integrasys foi a única firma española seleccionada para liderar a monitoraxe do sinal da nave nesta fase. “Fundada en 1990 e con sede en Las Rozas (Madrid), Integrasys consolidouse como un referente global en enxeñaría e fabricación de sistemas avanzados para a monitorización obtención de intelixencia e control do espectro espacial”, explican fontes da empresa, que conta con delegacións estratéxicas en Estados Unidos e Luxemburgo, entre outras.

Dez día traballando de xeito ininterrumpido

O sinal da cápsula Orion captada pola antenas da UVigo será analizada por operadores expertos da institución académica viguesa e da empresa Integrasys, utilizando o principio do efecto Doppler. “Do mesmo xeito que o son dunha sirena cambia de ton cando unha ambulancia se achega ou se afasta, a frecuencia do sinal da Orion varía segundo o seu movemento. Ao medir con extrema precisión estes cambios de ton no sinal de radio, os especialistas poderán determinar a posición exacta Manuel Diz Folgar, investigador do grupo ATRG. O equipo de operadores da UVigo traballará sen interrupción durante os dez días da misión para procesar os datos, un labor de seguimento técnico “vital para asegurar que a nave se mantén na ruta prevista pola NASA durante a súa viaxe de ida e volta”, explica o catedrático da UVigo.

Publicidade

A antena de bansa S que conforma a estación terrena coa que se fará o seguimento da misión. Foto: DUVI
A antena de bansa S que conforma a estación terrena coa que se fará o seguimento da misión. Foto: DUVI

Máximo nivel da enxeñaría aeroespacial internacional

Como paso previo á aterraxe de seres humanos na superficie lunar e ao tratarse dunha misión tripulada, a fiabilidade no seguimento terrestre da misión Artemis II é unha prioridade absoluta para a NASA á que Integrasys e as universidades de Vigo e Sevilla farán fronte “garantindo unha rede de soporte capaz de monitorear a nave na súa traxectoria de retorno libre arredor da Lúa”.

Para Fernando Aguado “participar nesta misión tripulada valida a excelencia técnica acadada en Galicia. A capacidade de interpretar o efecto Doppler en sinais de banda S para localizar unha nave a miles de quilómetros de distancia sitúa á universidade e á empresa Integrasys no nivel máis alto da enxeñaría aeroespacial internacional”. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto