Un equipo de investigación de atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, participou no desenvolvemento de VisIA-Q, un conxunto de datos que reúne información demográfica e psicométrica de máis de 200 adolescentes de entre 12 e 17 anos. O traballo conta tamén coa participación dos servizos de Psiquiatría dos hospitais de Ourense e Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e proporciona un recurso de investigación para estudar a saúde mental na adolescencia e avanzar no desenvolvemento de ferramentas de detección temperá.
Os datos inclúen información de tres grupos de adolescentes: mozos e mozas que atravesaron unha crise suicida recente, pacientes atendidos en servizos de Psiquiatría por outros motivos e adolescentes sen antecedentes coñecidos. Empregáronse sete instrumentos psicométricos validados, que permiten dispoñer tanto das respostas individuais aos distintos ítems como das puntuacións globais das probas. A avaliación abarca ideas suicidas, problemas xerais de saúde mental, síntomas depresivos, acoso escolar, ciberacoso e o uso problemático de Internet. Este conxunto de datos constitúe un recurso valioso para investigadores en psiquiatría, psicoloxía, estatística e aprendizaxe automática estuden os factores psicolóxicos asociados á tendencia suicida nos adolescentes e desenvolvan modelos predictivos para a avaliación do riesco.
O centro da UVigo colaborou na conceptualización e no deseño metodolóxico, no desenvolvemento do software de captura e seguridade e no procesamento e anonimización da información. O equipo está integrado por José Manuel Ramírez Sánchez, investigador principal do estudo; Carmen García Mateo e Laura Docío Fernández, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM); e Manuel José Fernández Iglesias e Mario Manso Vázquez, do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (GIST).
O papel de atlanTTic
Unha das principais contribucións de atlanTTic foi o deseño dunha infraestrutura tecnolóxica para garantir a seguridade da información durante todo o proceso de recollida e tratamento. Para iso, desenvolveron un software específico e adaptaron os dispositivos de captura, cámaras e ordenadores portátiles, de maneira que os datos non puidesen extraerse dos equipos. Os soportes de almacenamento incorporan un sistema de dobre cifrado, mediante contrasinal e chave física. O acceso ao conxunto de datos tamén está restrinxido: as solicitudes deben proceder de grupos de investigación, que teñen que xustificar a finalidade do uso e asinar un acordo de utilización dos datos que impide a súa redistribución ou a tentativa de reidentificar as persoas participantes.
“O noso traballo centrouse en dúas frontes. Primeiro, deseñamos a infraestrutura que permitiu recoller os datos con plenas garantías de seguridade, conforme ao RGPD e aos requisitos do Comité de Ética da Investigación de Galicia. Despois, procesamos, depuramos e extraemos información dos datos compilados polos profesionais do IIS Galicia Sur, do Hospital de Ourense e do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”, explican desde o equipo investigador de atlanTTic. Tamén definiron o procedemento de anonimización dos 207 participantes, mediante identificadores específicos que impiden vincular directamente os datos coas persoas ás que pertencen. Pola súa banda, a recollida da información clínica e o recrutamento dos participantes corresponderon ao persoal sanitario, coordinados polo psiquiatra Alejandro García Caballero.
“VisIA-Q tende unha ponte entre a intelixencia artificial e a práctica clínica real. É un recurso rigoroso, anonimizado e validado por profesionais da psiquiatría que pode contribuír a impulsar novas ferramentas de investigación e de detección temperá de posibles situacións de risco na adolescencia”, explica José Manuel Ramírez Sánchez.
Avanzar na investigación
VisIA-Q permite analizar conxuntamente a posible relación entre diferentes factores psicolóxicos e comparar os resultados de adolescentes con perfís clínicos distintos. Ademais, a dispoñibilidade das respostas individuais aos sete instrumentos estandarizados ofrece unha base de referencia para estudar os factores asociados ao risco e desenvolver modelos de aprendizaxe automática orientados ao cribado psicométrico do risco.
O traballo cobre unha carencia dos recursos dispoñibles ata o momento, xa que boa parte dos conxuntos de datos empregados proceden de persoas adultas ou de información extraída de redes sociais, sen avaliación clínica formal. A ferramenta da UVigo incorpora, pola contra, avaliacións validadas realizadas nun contexto sanitario e supervisadas por profesionais, así como tres grupos de comparación diferenciados. “Un dos valores deste traballo é que se centra nunha poboación especialmente vulnerable e pouco representada, os adolescentes”, sinala o equipo.
Non obstante, os autores apuntan a limitacións. Entre elas figuran o tamaño da mostra, a composición dos grupos e o carácter transversal do estudo, que ofrece información dun momento concreto e non permite analizar a evolución dos participantes ao longo do tempo. Ademais, o grupo de alto risco presenta un predominio de participantes mulleres (88,37 %), polo que será necesario prestar especial atención á validación dos futuros modelos para evitar posibles nesgos. VisIA-Q constitúe, polo tanto, un recurso para a investigación e non unha ferramenta de diagnóstico nin de predición clínica.
Colaboración entre tecnoloxía e ámbito sanitario
O traballo é froito da colaboración entre investigadores de atlanTTic e profesionais dos servizos de Psiquiatría dos hospitais de Ourense e Vigo e do IIS Galicia Sur. Esta cooperación permitiu combinar a experiencia clínica coa capacidade tecnolóxica e investigadora do ámbito das telecomunicacións e o tratamento da información. A participación dos profesionais sanitarios foi fundamental para o recrutamento dos adolescentes, a recollida da información clínica e a aplicación dos protocolos de avaliación.
“O traballo conxunto foi a clave do éxito da publicación e permitiu que varios profesionais se axuden a abordar un problema de gran complexidade. Por un lado, sen a guía do clínico persoal nin o abordaxe das persoas que participaron no estudo nin na correcta identificación de que material e como debe facerse (en que momento da crise, con que tipo de interacción e baixo que criterios deter o protocolo) podería facerse. Foi moi interesante a colaboración porque permitiu dotar aos profesionais clínicos de ferramentas tecnolóxicas sofisticadas para realizar un traballo interesante e vital”, destacan os investigadores.
Referencia: A cross-sectional psychometric and demographic dataset of adolescents at high-risk for suicide (Publicado en Scientific Data)














