Ter can durante a adolescencia favorece a saúde mental e a empatía

Un equipo do Xapón relaciona o efecto emocional con cambios no microbioma, que inflúen no comportamento e nas interaccións sociais

Vivir cun can durante a adolescencia favorece a saúde emocional e a sociabilidade dos máis novos. Con todo, ata o de agora non estaba claro cal era mecanismo que explicaba como se producía esta mellora.

Un estudo, publicado na revista iScience, liderado por varias institucións científicas xaponesas, examinou o microbioma de adolescentes propietarios de cans. Desa forma, estudaron as asociacións coa saúde mental e o comportamento en 345 participantes na investigación.

Publicidade

Segundo explica a SINC Takefumi Kikusui, da Universidade de Azabu (Xapón), que lidera o estudo: “Iniciamos este experimento porque anteriormente publicaramos un artigo que describía maior benestar mental en adolescentes con can. Ao mesmo tempo, descubrimos que a microbiota pode modificar o comportamento social dos ratos, e tamén se observou que os donos de cans posúen unha microbiota diferente”.

“Dado que a microbiota intestinal inflúe no comportamento a través do eixo intestino-cerebro, levamos a cabo este experimento”, engade Kikusui.

Publicidade

Os seus resultados apuntan a que os mozos con can na casa mostran menos problemas nas puntuacións psicolóxicas ao comparalo cos que non o teñen. É dicir, ademais de ofrecer compañía e seguridade, os cans poden reducir a soidade, o estrés e a ansiedade, e fomentar a interacción social.

Unha etapa de cambios e desenvolvemento

A adolescencia é un período crítico no desenvolvemento emocional e social, con cambios cerebrais e hormonais que inflúen na toma de decisións, o control de impulsos e as relacións interpersoais. “Dado que o benestar mental diminúe durante a adolescencia, pareceunos importante investigar os efectos nese momento”, engade Kikusui.

O equipo analizou mostras de microbioma recollidas da boca. Tras secuenciar os microbios, os investigadores descubriron unha diversidade e riqueza de especies similares entre os dous grupos de adolescentes.

Con todo, a composición do microbioma mostraba diferenzas, o que suxería que ter un can alteraba a abundancia de bacterias bucais específicas. Expuxeron entón a hipótese de que algunhas desas bacterias poderían estar relacionadas coas diferenzas nas puntuacións psicolóxicas.

“Ter un can aos 13 anos asóciase con mellor saúde mental e maiores puntuacións condutuais. Os adolescentes con can mostraron menos problemas sociais que quen non tiñan un en casa”, apuntan no estudo.

Experimento en ratos

Para poñer a proba esta idea, os investigadores utilizaron ratos de laboratorio con microbiota de adolescentes que tiñan can, para ver se afectaba o seu comportamento social e de que maneira.

Os ratos co microbioma dos mozos con can pasaron máis tempo cheirando os seus compañeiros de gaiola. Os animais tamén mostraban un enfoque máis social cara a un compañeiro de gaiola atrapado, unha proba de comportamento que se utiliza habitualmente para avaliar o comportamento prosocial en ratos.

Os científicos probaron desta forma que ter un can ten un efecto positivo no benestar. “Con todo, considerámolo un factor entre moitos, e non o único”, subliña o científico.

Implicacións futuras

Os resultados suxiren que un can na familia pode alterar o microbioma de maneira que favoreza a saúde mental, a empatía e a conduta prosocial. Estes beneficios poderían ser o resultado de decenas de miles de anos de convivencia entre humanos e cans.

Respecto a se considerou comparar diferentes tipos de mascotas para ver se os efectos son específicos dos cans, apunta: “Iso quedará para un próximo estudo”.


Referencia: Dog ownership during adolescence alters the microbiota and improves mental health (Publicado en iScience)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

A biodiversidade do solo actúa como ‘escudo natural’ que protexe cultivos e humanos de patóxenos

Dous estudos do CSIC revelan que unha microbiota rica e diversa funciona como un sistema inmunitario que permite suprimir de forma natural certas bacterias