Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

É moita o patrimonio botánico que agocha Galicia, tanto o formado por especies fermosas como aquel outro composto por plantas invasoras coas que é mellor non contar. Co propósito de recompilar as especies exóticas invasoras incipientes no territorio nace o Atlas de Flora Exótica Invasora de Galicia, coordinado por Saleta González Pimentel, membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). O proxecto foi presentado o pasado 29 de novembro no marco das VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, e prevese que vexa a luz a comezos de 2026.

Con carácter colaborativo, o futuro atlas pretende evitar que estas plantas aumenten a súa presenza en Galicia, impulsando a adopción de medidas contra elas. O primeiro intento de elaboralo foi en 2015, pero o enfoque era tan amplo que se decidiu deter o proceso. Ante a actual situación de expansión destas especies na comunidade, os máis de 26 autores e 40 colaboradores implicados consideraron que era o momento de retomar o proxecto cunha nova perspectiva. “Tiñamos que centrarnos nas especies menos representadas para previr a súa consolidación e frear a súa expansión“, explica Saleta González.

Publicidade

Diversas publicacións apuntan que en Galicia existen máis de 200 especies exóticas invasoras. Con todo, a investigadora da SGHN cuestiona esta cifra: “É unha clasificación un pouco lixeira, eu penso que hai moitas máis“. O atlas céntrase exclusivamente naquelas especies que están nunha fase incipiente no territorio, polo que o seu rexistro recolle arredor de 60 plantas.

A partir dos datos publicados, información procedente de ciencia cidadá e o traballo de campo, os equipo leva dende 2022 extraendo, revisando e organizando información para facer do atlas unha ferramenta realmente útil. No caso de Saleta González, a recollida de datos remóntase mesmo ao ano 2011.

Publicidade

Invasora vs. Exótica

Para comprender o eixo deste libro é fundamental partir dunha idea básica: unha especie exótica non é o mesmo ca unha especie invasora. A flora exótica está formada por plantas alleas á flora autóctona, procedentes doutros territorios, e que non chegan a Galicia de maneira natural: “Chega porque é trasladada polos humanos, voluntaria ou involutariamente, no 99% dos casos”.

Así, especies propias de África, América ou mesmo do Mediterráneo considéranse exóticas en Galicia. “Practicamente toda a xardinaría que hai en Galicia son especies exóticas”, engade a investigadora. A diferenza chega cando estas plantas logran establecerse no medio natural: primeiro poden naturalizarse e, nunha fase posterior, converterse en invasoras. Nese punto actúan como “axentes de cambio”, tal e como sinala González Pimentel, podendo provocar alteracións no ecosistema, na economía ou na saúde.

Pero, como o conseguen? A través de diversas estratexias de colonización. Algunhas empregan unha “guerra química” mediante substancias alelopáticas que inhiben a xerminación doutras especies; outras compiten polos recursos colonizando o chan ou impedindo que a luz do sol chegue á vexetación veciña. Incluso hai especies capaces de transmitir enfermidades que poden eliminar á flora competidora.

Que especies aparecerán nas páxinas?

A membro da Sociedade Galega de Historia Natural subliña que os datos recompilados non son absolutos, xa que algunhas especies levan máis tempo asentadas en Galicia. Entre as máis destacadas figura Ailanthus altissima, coñecida como ailanto ou árbore do ceo. A primeira referencia documentada desta especie en Galicia data de 1986 e, segundo as cuadrículas territoriais empregadas no atlas, está presente no 20% do territorio.

Tamén se recollen especies como a estrela de fogo (Crocosmia x crocosmiflora), unha planta de orixe sudafricana que se naturalizou e hoxe se considera invasora, cunha presenza no 35% das cuadrículas analizadas. Outro exemplo é a ludvixia de flor grande (Ludwigia grandiflora), unha especie acuática que xa mostra unha expansión notable nos ríos galegos.

  • Ailanthus altissima
  • Crocosmia x crocosmiflora
  • Ludwigia grandiflora

Con todo, hai unha planta que sobresae por riba das demais: “A peor que temos en Galicia é o eucalipto”, afirma Saleta González. Este será un dos focos principais do proxecto, pois o equipo pretende impedir que siga expandíndose e poida chegar a ser oficialmente catalogada como especie exótica invasora.

Un obxectivo: eliminar ás especies incipientes

Todo este proceso de elaboración responde a un propósito claro: “Eliminar todas as especies que están incipientes no territorio”, explica a coordinadora do Atlas de Flora Exótica Invasora. Segundo detalla, actuar agora supón un investimento con retorno rápido, xa que retirar estas plantas nunha fase temperá evita que no futuro sexa necesario destinar millóns de euros á súa xestión.

Os espazos protexidos constitúen un dos principais puntos de intervención, pois albergan unha elevada biodiversidade. Outro foco crítico son as vías de comunicación polas que circula o tráfico e que favorecen a dispersión destas especies: “Hai moitos puntos de acción: poden ir enganchadas nas rodas dos coches ou mesmo polo propio transporte de mercancías“, indica González Pimentel.

Para a investigadora, a clave está no cumprimento da normativa e no reforzo das restricións sobre o comercio de plantas. Neste ámbito entran en escena os supermercados e centros comerciais que venden flora. “Debería restrinxirse a entrada e venda de determinadas especies”, advirte a representante da SGHN.

Que pasará nos próximos dez anos?

“Vese unha tendencia moi negativa no aumento destas especies no noso territorio”, advirte Saleta González. Segundo a investigadora, esta previsión responde en gran medida ao incumprimento da lei existente e á falta de medidas lexislativas máis estritas.

Pequenos investimentos en prevención serían fundamentais para evitar os impactos asociados á flora exótica e invasora. A González Pimentel compara esta estratexia coa prevención en saúde: tal e como se aplican programas para reducir o risco de cancro ou obesidade e así evitar custos futuros moito maiores, tamén no ámbito ambiental actuar cedo evita intervencións complexas e extremadamente caras no futuro. “Coa flora exótica invasora ocorre exactamente o mesmo”, insiste.

Este é un problema que pode afectar directamente á sociedade. Por iso, Saleta González Pimentel alza a voz ante a ausencia de políticas preventivas efectivas. “O atlas é unha pequena contribución das persoas realmente preocupadas para evitar os posibles impactos negativos”, conclúe.


Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia