Unha moratoria con gretas? Así pode o eucalipto gañar terreo en Galicia

A normativa anunciada pola Xunta permitirá novas plantacións nos terreos de piñeiros afectados pola banda marrón de forma temporal

A ampliación da moratoria do eucalipto por parte da Xunta é un tema sensible na xestión agroforestal de Galicia. Esta nova normativa, que seguirá vixente ata 2030, busca reducir a masa forestal de eucalipto. Con todo, fíxoo con algúns cambios que flexibilizan a súa posible plantación. Por exemplo, nos terreos de piñeiros que estean afectados pola banda marrón e no caso de traslado de parcelas.

“A medida afonda nunha cuestión interesante: tomar medidas sobre moratorias sen ter absolutamente nin idea do que sucede en canto a área”, critica o enxeñeiro agroforestal e investigador do grupo Te-Bio da Universidade de Santiago (USC) Eduardo Corbelle. O experto destaca a falta de información sobre a situación do eucalipto en Galicia. O Plan Forestal aprobado en 2021 establecía como obxectivo a redución da súa superficie nun 5% para 2040. Isto supón ao redor de 20.000 hectáreas menos. Ese foi o motivo da aprobación da primeira moratoria.

Publicidade

Máis facilidade para novas plantacións

A ampliación da medida, moi demandada polos grupos ecoloxistas e diversos grupos sociais e políticos, , impedirá a plantación de eucalipto, polo xeral, en novas parcelas. Pero esta segunda moratoria ten, con todo, algunhas diferenzas con respecto á que se aplicaba ata o momento. Por exemplo, a Xunta si permitirá a plantación do eucalipto se é un cambio de parcela. É algo que xa se podía facer cando é dun mesmo propietario, pero que agora poderá facerse entre varios diferentes. Iso si, a superficie de eucalipto plantada na nova non poderá ser máis do 75% do que había na orixinal. O terreo inicial deberá, por outra banda, quedar ocupado con coníferas e frondosas.

A outra das medidas e unha das máis polémicas é a posibilidade de plantar eucalipto en plantacións de piñeiros cando estas estean afectadas pola banda marrón. Concretamente, permitirase a plantación de eucalipto nun 50% da superficie de piñeiro eliminada, mentres que o outro 50% deberá ser reforestado con coníferas ou frondosas. Despois da seguinte tala, xa non poderían ser reforestados de novo con eucaliptos.

Publicidade

A banda marrón

A banda marrón é unha enfermidade fúnxica que afecta principalmente a varios tipos de piñeiro, como o radiata, unha especie de grande importancia económica en Galicia. Está causada pola Lecanosticta acicola, e é unha patoloxía que debilita os piñeiros tras atacar as súas follas aciculares. Un dos principais síntomas é que se pode observar bandas marróns nas follas, rodeadas por un halo amarelado. Reducen a súa capacidade de facer a fotosíntese e polo cal, acaban cun crecemento reducido e, en casos graves, a morte.

“O ataque deste tipo de fungos é evidente nas masas dos piñeiros da provincia de Lugo, xa que esta é a provincia que posúe unha maioría de masas de piñeiro insigne en Galicia”, conclúe unha disposición do Diario Oficial de Galicia que outorgaba axudas forestais en 2022. A situación xera preocupación entre os propietarios forestais, que están afectados polo avance.

Pouca concreción

A idea é ter unha alternativa económica cunha plantación, o eucalipto, que non se ve afectado pola banda marrón. Con todo, só poderá facerse cando a afección sexa grave. Un dos problemas, segundo apunta Corbelle, é que non se sabe cantas hectáreas estarían afectadas pola moratoria. En total son unhas 30.000 as afectadas pola banda marrón, segundo a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, pero non todas teñen mesma gravidade e aquelas que estean nunha zona de Rede Natura non poderían incluírse. “Estamos lanzando medidas ao baleiro, sen avaliación previa”, afirma o enxeñeiro.

Galicia, 2023. Foto: Consellería de Medio Rural.
Primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia, 2023. Foto: Consellería de Medio Rural.

A moratoria actual xa parece que pode ter de por si algunhas debilidades e, como mínimo, non está a ter un efecto intenso. En 2022, o Inventario Forestal Continuo de Galicia cifrou en 409.026 as hectáreas de eucalipto. Ao cabo do ano, o número aumentou ata 422.000. Segundo Faro de Vigo, a última revisión de superficie, que non se fixo pública, ascende a 430.000 hectáreas. É dicir, que a moratoria non estaría a ser suficiente para poder paralizar o aumento da extensión do eucalipto. “O primeiro que temos que ter é unha avaliación da primeira moratoria”, destaca.

Unha cuestión sensible

Tras os incendios deste verán, a moratoria do eucalipto volveuse, segundo Corbelle, unha cuestión máis sensible. “Os técnicos non temos argumentos para dicir que o eucalipto sexa máis problemático porque o que importa nestes casos é a cantidade de biomasa e a súa continuidade espacial”, destaca. Iso si, a heteroxeneidade si é importante, segundo a investigación realizada polo Grupo de Ecoloxía da Paisaxe da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) liderada por Adrián Regos.

“A expansión deste tipo de cultivos é algo que ten un século de antigüidade, cando a política forestal queda orientada para a industria”, afirma Corbelle. As decisións forestais actuais, segundo considera, seguen a reforzar esta posición só que “con pequenas correccións”. De momento, a idea de reducir a masa de eucaliptos para 2040 non se está a ver reflectido nas consecuencias. E, de plantarse nas zonas afectadas, podería haber un aumento temporal desta árbore tan polémica. Os anos dirán se se contén a súa expansión ou se continúa o seu avance sen freos.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ríos desbordados, inundacións e colapsos: estas son as consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior