O eucalipto aumentou un 48% nas Fragas do Eume despois de ser declaradas parque natural

Un estudo do CSIC demostra que dende 1997 a 2022 diminuíu en máis do 17% a extensión de bosque autóctono caducifolio

Cando se fala das Fragas do Eume sempre se fai referencia a un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa. É unha xoia natural no corazón de Galicia que foi declarada parque natural en 1997. O obxectivo do nomeamento foi, precisamente, garantir a protección e conservación deste espazo singular. Porén, un novo estudo da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) constata a perda de bosque autóctono (17,6%) e sinala o aumento das plantacións de eucalipto nun período de 25 anos. Concretamente, a súa presenza incrementouse un 48,2% dende 1997 ata 2022.

O estudo, asinado polos investigadores Paula Díaz-García e Adrián Regos, analizou mediante imaxes por satélite e técnicas de aprendizaxe automática os cambios na cobertura do solo nas Fragas do Eume dende que o bosque foi declarado parque natural. “O declive do bosque atlántico débese principalmente á expansión das plantacións de eucalipto”, sinalan no artigo, publicado na revista Land da editorial MDPI. De feito, ata que as fragas non obtiveron a distinción, o crecemento de Eucalyptus globulus parecía imparable. Un estudo de 2008 referenciado na investigación da MBG-CSIC cuantificara un aumento do 197% de eucalipto entre 1957 e 2003 no espazo natural.

Publicidade

Por que desaparece o bosque autóctono?

Segundo explican os autores, nese mesmo período perdeuse un 20% do bosque autóctono, afectado polas crecentes plantacións de eucalipto e pola construción dun encoro. Detrás desta diminución do nativo fronte ao alóctono pode haber dous grandes factores: “A maior rendibilidade económica das plantacións de especies de crecemento rápido, favorecida pola ausencia dun plan de xestión no parque durante 25 anos”. De feito, tanto Díaz-García como Regos inciden no seu estudo que, segundo parece, “non houbo accións políticas ou legais con respecto ás plantacións de Eucalyptus globulus” entre 1997 e 2022.

O estudo continúa sinalando que esta especie “ten unha biodiversidade menor” que os bosques nativos, malia que Galicia está a experimentar un aumento do monocultipo de eucalipto nas últimas décadas. “Prosperan debido ao seu rápido crecemento, pero esgotan os nutrientes do solo e a diversidade bacteriana, o que dificulta a recuperación e o cultivo futuro nas áreas afectadas”, subliña a investigación da MBG-CSIC. E malia que o maior crecemento de Eucalytus globulus se rexistrou antes da súa declaración como parque natural, dende o 1997 o escenario non experimentou grandes cambios. É máis, a cobertura do bosque nativo é cada vez menor.

Publicidade

Unha política real de conservación

Especies autóctonas como o carballo (Quercus robur) e outras árbores caducifolias que conforman o bosque atlántico teñen moitas outras ameazas amais do mononocultivo de eucalipto. Entre elas a deforestación, a intensificación agrícola e os incendios. De feito, un lume de 2012 afectou a 750 hectáreas de eucaliptos e a 350 de carballo. Porén, sinalan os autores, o Eucalyptus globulus é unha especie que “está ben adaptada” ao lume; un fenómeno que tamén impulsa a posible aparición doutras especies invasoras como as acacias.

“Estes resultados confirman a perda de hábitat observada previamente na zona”, conclúen os autores. E sinalan a falta de políticas de conservación efectivas, así como a “presión económica” por especies de crecemento rápido como algúns dos factores que están a prexudicar o bosque atlántico tal e como se coñece. De feito, tanto Díaz-García como Regos urxen nas conclusións do estudo a “implementar medidas de conservación activas e sostibles” que permitan protexer realmente o parque natural. Piden unha “resposta inmediata” para evitar a transformación irreversible dunha icona e dun legado: as Fragas do Eume.


Referencia: Assessing Land-Cover Changes in the Natural Park ‘Fragas do Eume’ over the Last 25 Years: Insights from Remote Sensing and Machine Learning (Publicado en Land)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Boas:
    Cada dia pior. É um parque natural de mentira. Nom hai vontade politica nem ambiental de retirar o eucalipto nem de preservar e restaurar o bosque primitivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri