As claves de Cobenfy, o fármaco que emprega unha nova vía para tratar a esquizofrenia

Ao evitar o bloqueo da dopamina e centrarse noutro neurotransmisor, elimínanse os efectos secundarios das terapias máis clásicas

A medicación axuda a controlar os síntomas. A psicoterapia permítenos falarnos con menos dureza. A compañía de familiares e de amigos, enfrontar a soidade e o illamento. Aínda así, ás veces, o verdadeiro reto é enfrontar a ollada dos outros, iso que resulta alleo ao noso propio marxe de actuación. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a esquizofrenia afecta aproximadamente a 24 millóns de persoas no mundo, o cal quere dicir que un de cada 300 individuos conviven con este trastorno mental de gravidade. A enfermidade leva en moitas ocasións ao estigma e á discriminación da sociedade, que rexeita da súa participación na vida pública: de feito, os pacientes de esquizofrenia teñen unha probabilidade 3 veces maior de morrer dun xeito prematuro que a poboación xeral.

Ata o momento, a meirande parte dos tratamentos específicos para a enfermidade centrábanse no bloqueo dos efectos da dopamina no cerebro dos pacientes, o cal diminúe os síntomas. Porén, a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (coñecida como FDA) abre agora as portas a unha nova posibilidade para as persoas con esquizofrenia ao admitir o pasado xoves o uso oral dun novo fármaco: trátase de Cobenfy, e é o primeiro tratamento aprobado en 70 anos que emprega un mecanismo de acción distinto ao das terapias actuais.  Segundo Iria Veiga, médica psiquiatra no Hospital de Barbanza, o achado é relevante e podería axudar aos pacientes que non responden ben aos tratamentos actuais.

Publicidade

Porén, non deberíamos esquecer que a terapia farmacolóxica, aínda que importante, é tan só unha parte: “As persoas con esquizofrenia teñen outras problemáticas no seu día a día, como o acceso á vivenda e a socialización, aspectos que deberían ter a mesma relevancia e para os cales destínanse moitos menos recursos”.

As incógnitas da orixe

Non se coñece que causa exactamente a enfermidade, aínda que os investigadores falan dunha combinación de xenética, química cerebral e contorna. O que si está descrito é que arredor do 1% da poboación mundial padece esquizofrenia. Os síntomas, que adoitan presentarse por primeira vez ao final da adolescencia e o comezo da vida adulta, son variados: dende as alucinacións — maioritariamente voces— ata a distorsión da realidade, como a dificultade para controlar os pensamentos e unha desconfianza xeral de cara ao exterior. Os trastornos afectivos e a conduta inadecuada tamén son síntomas recorrentes da esquizofrenia.

Publicidade

Segundo a FDA, a enfermidade é unha das 15 principais causas de discapacidade no mundo, e case o 5% das persoas que a padecen deciden rematar a súa vida pola vía do suicidio. O estigma, unha suma das ideas negativas que poidan ter terceiras persoas, a sociedade en xeral ou o propio afectado arredor da esquizofrenia, é unha forma máis de violencia que contribúe a magnificar algúns dos síntomas, como a dificultade á hora de socializar e a desconfianza.

Dopamina e acetilcolina, dúas maneiras de abordar a esquizofrenia

Os antipsicóticos máis empregados para tratar a esquizofrenia funcionan grazas ao bloqueo dunhas proteínas presentes nas células do cerebro, os receptores de dopamina D2. A dopamina é unha substancia capaz de transmitir impulsos nerviosos. No noso cerebro, ten un papel clave no que respecta ás motivacións, o pracer e as recompensas e regula moitas das accións do noso comportamento: “Moitas veces referímonos á dopamina como a resposta do corpo ao pracer. Falamos do sexo, de comer… pero é moito máis que iso. Tamén regulan a motricidade do corpo”, explica Veiga.

Ao bloquear os receptores da dopamina, os fármacos reducen a hiperactividade desta substancia. A parte boa é obvia: diminúen os síntomas da esquizofrenia. Con todo, o bloqueo tamén presenta inconvenientes e efectos secundarios que limitan a calidade de vida dos pacientes que reciben este tratamento. Por iso, baixo o efecto dos fármacos moitos pacientes presentan apatía e unha ausencia de motivación, ademais de problemas de movemento: “A cuestión é que eliminamos os síntomas máis problemáticos, como as alucinacións, pero aumentamos outros, como o illamento”, explica a psiquiatra.

No caso de Cobenfy, a diana céntrase noutro neurotransmisor que tamén está implicado na esquizofrenia: o fármaco actúa directamente sobre os muscarínicos e, en concreto, limita a acción da acetilcolina sen bloquear a dopamina. Aínda que hai fármacos que tamén afectan a este neurotransmisor, ata o de agora ningún se centrara en exclusivo na acetilcolina. Isto evitaría os efectos secundarios dos fármacos que bloquean a dopamina.

Os estudos detrás de Cobenfy

Para avaliar a efectividade deste novo tratamento realizáronse dous estudos de cinco semanas de duración cun total de 252 participantes. Á quinta semana, os estudos demostraron que os participantes que recibiran Cobenfy experimentaran unha diminución significativa dos síntomas dende a primeira en comparación cun grupo placebo. Con todo, trátanse de períodos moi curtos de tempo, co cal non existen ata o momento datos sobre o efecto do tratamento ao longo prazo.

Ademais, das máis de 250 persoas que comezaron o estudo, tan só 29 completaron as cinco semanas do tratamento: en declaracións ao Science Media Centre de España, o psiquiatra e membro da Asociación Española de Neuropsiquiatría José García-Valdecasas apunta que isto podería deberse a “unha mala tolerancia ao fármaco“. Porén, a compañía que comercializa o fármaco, Bristol Myers Squibb, aínda non fixo referencia ao por que desta alta cifra de abandonos.

O novo fármaco da compañía Bristol Myers Squibb, Cobenfy, trata os síntomas máis problemáticos da esquizofrenia. Foto: Bristol Myers Squibb

Europa, unha lexislación máis estrita

Polo de agora, o fármaco aínda só está dispoñible para o consumo nos Estados Unidos, onde a regulación é moito máis laxa: “En Europa temos un sistema sanitario público, co cal para que un fármaco sexa aprobado non só basta con que sexa efectivo. Se xa hai outros tratamentos, ten que demostrar ter mellores resultados ou amosar menos efectos secundarios, entre outras cousas”, sinala Veiga.

García-Valdecasas tamén sinala a cuestión económica: “Haberá que ver que non sexa unha cousa desproporcionada — en canto ao prezo — , como ocorre con moitos fármacos de recente aparición, porque os cartos que dediquemos a este fármaco non o imos poder adicar a outras facetas do tratamento“.

Derrubar o medo

O avance no coñecemento científico e a aprobación de novas terapias e tratamentos sempre é unha boa noticia. Porén, as persoas que padecen enfermidades mentais graves viven nun mundo que pode resultar hostil dende unha perspectiva económica e social: “De nada serve que un paciente reciba un bo tratamento se non ten onde vivir”, reflexiona a psiquiatra. Fóra do foco, onde os recursos non chegan, atópanse as maiores urxencias.

Arredor da saúde mental establécese sempre unha nube xigante e difusa de ideas preconcibidas, como a violencia das persoas con esquizofrenia: “É todo o contrario. En todo caso, son estas persoas as vítimas recorrentes da violencia”. Unha violencia que provén tanto dos individuos como do sistema, que dificulta a integración dos pacientes de saúde mental que, antes que nada e por enriba de todo, son persoas. Persoas que cumpren un papel na sociedade, que poden achegar e achegan e que teñen o pleno dereito de vivirse nun mundo onde a súa condición non vaia sempre por diante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura e legado do Matemático Rodríguez

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos de distintas áreas do coñecemento

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco

‘Guerra’ biolóxica contra a velutina: pros e contras do emprego de parasitos

Un equipo da USC analiza os patóxenos da vespa asiática: “A pequena prevalencia do parasitismo podería ser clave na súa expansión”