De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

“En 2023, e ante os mesmos síntomas dixestivos, a min diagnosticáronme ansiedade e ao meu mozo fixéronlle varias probas. Non o cuestionaron en ningún momento”. Este é o testemuño de Noemí —nome ficticio—, quen lembra a impotencia que sentiu hai dous anos, cando a súa sintomatoloxía foi relacionada directamente cun problema de saúde mental sen que lle realizasen ningunha proba médica para diagnosticala. O seu relato coincide cos resultados dunha revisión bibliográfica liderada pola profesora da Universidade da Coruña (UDC) Carmen Costa, e na que participan profesionais sanitarios dos hospitais públicos de Ferrol, A Coruña e Santiago. As conclusións do estudo demostran que os nesgos de xénero persisten nas consultas médicas, o que deriva nunha peor atención da saúde das mulleres.

O estudo analizou 50 artigos obtidos a través de bases de datos científicas e, tras a súa avaliación, envidenciouse que os síntomas das mulleres cuestiónanse máis, que existe unha maior tendencia ao sobrediagnóstico e á prescrición de psicofármacos, e que as súas narrativas se consideran máis difusas e emocionais. “As mulleres reciben máis diagnósticos de depresión e máis antidepresivos ante síntomas similares aos dos homes”, conclúe o artigo. A investigación tamén advirte que pode haber un maior infradiagnóstico en varóns pero, a eles, adoitan realizárselles máis probas complementarias para determinar o diagnóstico.

Publicidade

“Suxeitos emocionais”

“As mulleres estamos peor atendidas. Hai unha idea, por parte dos profesionais, de que os nosos discursos son máis vagos e que esaxeramos máis o noso malestar”, sentenza a psiquiatra do Hospital Clínico de Santiago Iria Veiga, participante do estudo liderado dende a UDC. “Hai un nesgo de xénero importante e crese menos o relato das mulleres”, sostén a experta, quen explica que están a traballar na segunda parte da investigación. A primeira, baseada na revisión bibliográfica, serve de trampolín para un novo estudo no que se analizará, dende a práctica clínica, se os nesgos de xénero detectados tamén operan nos tres hospitais galegos.

“Séguennos vendo como suxeitos emocionais”, incide Veiga. A experta lembra os diagnósticos de “histeria feminina” que, durante séculos, poñían a etiqueta dunha enfermidade que hoxe é considerada obsoleta e sen evidencia científica. Malia a súa superación, a persistencia de nesgos de xénero na práctica clínica actual “forma parte do mesmo construto”. Veiga compara a “histeria feminina” co que acontece hoxe en día co trastorno límite da personalidade: “Hai un sobreadiagnóstico nas mulleres”. “Etiquetamos ás que son disruptivas ou non se axustan aos roles de xénero, mentres que aos homes cos mesmos síntomas adoitamos atribuírlles un trastorno por consumo de substancias”, aclara a psiquiatra.

Publicidade

Falta de formación en xénero

O obxectivo desta primeira revisión bibliográfica e do segundo estudo que o equipo ten entre mans é realizar unha guía de boas prácticas que vaia dirixida a profesionais sanitarios. “A falta de formación en xénero é alarmante. Os cursos actuais son claramente insuficientes”, denuncia Veiga. A experta tamén pide un maior tempo de consulta por paciente, unha reclamación histórica que redundaría nun beneficio para homes e mulleres. Para elas sería unha medida aínda máis vantaxosa, tendo en conta os nesgos de xénero que aínda operan nas consultas médicas e que permitirían, aos profesionais sanitarios, realizar unha mellor abordaxe. “Hai que afondar e entender de onde xorde o malestar”, salienta Veiga.

A cobertura mediática

Amais da análise dende o punto de vista sanitario, o equipo liderado por Carmen Costa estudou a cobertura mediática da saúde feminina, centrándose especialmente en países anglosaxóns e prensa escrita. Entre os elementos máis salientables da súa revisión, está unha asociación entre enfermidade mental e violencia, criminalidade e drogas. Con todo, o equipo detectou certa mellora na cobertura mediática nas investigacións máis recentes, con máis noticias sobre saúde mental con enfoque positivo e cunha redución clara do estigma.

O que se manteñen son os estereotipos sobre a enfermidade mental, con homes máis violentos e perigosos fronte a mulleres débiles, tristes ou inestables. No estudo sinalan, tamén, a denominada “hipótese de cabaleirosidade”, pola que os medios de comunicación tratan as mulleres con máis compaixón por consideralas máis vulnerables que os homes. O obxectivo do grupo é crear unha guía de boas prácticas tamén para xornalistas.

A frustración relatada por Noemí evidénciase a través do estudo no que participa Veiga. Na investigación, os casos non teñen nomes nin apelidos, pero demostran que os nesgos de xénero persisten nas consultas médicas e nos medios de comunicación. Unha dos casos máis reveladores a este respecto é o infarto, que se manifesta con síntomas diferentes en homes e mulleres. Un estudo de 2024 feito por un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) aseguraba que este tipo de accidentes cardiovasculares tardaban 23 minutos máis en atenderse en mulleres que en homes, e tamén denunciaba a infrarrepresentación feminina nos ensaios clínicos. Os dous estudos están liderados dende Galicia e evidencian unha gran fenda en pleno século XXI, por moito que a histeria feminina xa se considere un diagnóstico decimonónico.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ser invisible

Un informe sobre nutrición e menopausa apóiase en estudos realizados en homes. Por Laura Filloy

Tres sinais para anticipar o risco de condutas suicidas no TOC: este é o achado dun estudo galego

Investigadoras do CiMUS, CiTIUS e Hospital de Bellvitge identifican factores clave que poderían mellorar a detección temperá en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo

Cando o ‘estándar’ exclúe á metade da poboación: “A muller consulta máis, pero faino máis tarde”

Unha investigadora do Hospital de Santiago explica como a infrarrepresentación feminina implica tratamentos erróneos ou diagnósticos nesgados que poñen en risco a súa saúde

Detectar esquizofrenia a través da fala: as claves dun estudo pioneiro en Galicia

A investigadora da UVigo María Vila Tarela analiza os trazos prosódicos e fonéticos de persoas coa enfermidade co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico no futuro