En 1959, despois de anos de existencia sobre o papel baixo diferentes nomes e propósitos, abren as portas do Hospital Psiquiátrico de Toén, na provincia de Ourense. Eran tempos de cambios no sector da psiquiatría: os tratamentos con psicofármacos aínda necesitarían uns anos para xeneralizarse, a opinión pública sobre a saúde mental aínda se estaba definindo e o electrochoque sen anestesia nin consentimento estaba entre o abano de opcións terapéuticas destas institucións. En Galicia existiron tres hospitais psiquiátricos coetáneos: o de Toén, o de Conxo e o de San Rafael. Deles, o centro ourensán, que só admitía a entrada dun máximo de 150 pacientes, foi o máis innovador en canto aos tratamentos utilizados.
O psiquiátrico de Toén estivo aberto dende 1959 ata 2012. Agora, apenas unha década despois do seu peche definitivo, a imaxe que deixa é moi diferente da que se puido observar no seu momento de maior esplendor. O paso dos anos, a exposición ás inclemencias climáticas e a falta de protección polos organismos administrativos deixaron o antigo hospital nun estado de decadencia e ruína. Así e todo, a pegada que deixou na contorna non se esquece, e a súa traxectoria clínica aínda se lembra como parte da historia da psiquiatría galega. Entre os exemplos da memoria a esta institución e as súas prácticas está a charla A experiencia da psiquiatría de sector no Sanatorio Psiquiátrico de Toén (1972-1977), impartida polos psiquiatras Alexandre García Caballero e David Simón Lorda.
Simón Lorda é investigador e psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Conta que Toén era, dos tres psiquiátricos que coincidiron no tempo, aquel no que máis primaban as iniciativas novedosas, especialmente polo seu réxime de apertura e a introdución da laborterapia.
Orixinalmente o psiquiátrico ía ser unha leprosería
“O Hospital Psiquiátrico de Toén funcionou dende o verán de 1959 ata inicios de 2012, e foi un proxecto que evolucionou ao longo dos anos”, indica David Simón Lorda. O investigador sinala que a institución xa tiña tres décadas de existencia sobre o papel antes da súa apertura oficial. “En torno a 1929 dá comezo un proxecto que ía abrir a ‘Leprosería Xeral do Noroeste de España‘, para dar servizo aos leprosos de Galicia, Asturias e León”, apunta o psiquiatra. Naquel momento, bosquéxanse os primeiros planos da leprosería e encárgaselle a súa construción a un grupo de arquitectos ourensáns que viaxan ata Alicante para estudar algúns referentes arquitectónicos. “Tamén houbo algún plano nos anos 40 no que valoraron a posibilidade de abrilo como sanatorio para a tuberculose“, engade Simón Lorda. Finalmente, despois de que os proxectos previos se perderan entre a tinta dos bosquexos, o que chegou á pedra foi a idea de erixir un hospital psiquiátrico.
Funcionou durante 53 anos. O investigador conta que nos anos previos ao seu peche houbera falas para mellorar ou reformar as instalacións do psiquiátrico de Toén. “Tamén se estudou construír novos pavillóns no Hospital de Piñor, pero no 2012 a consellería de sanidade do momento decidiu pechar Toén e remodelar Piñor, que naquel momento estaba destinado a camas de pacientes de media estancia”, explica Simón Lorda.
Toén, Conxo e San Rafael
No momento de apertura do psiquiátrico de Toén, xa estaba en funcionamento o Hospital de Conxo, en Santiago de Compostela, que, como apunta o investigador, pertencía á igrexa compostelá: “Concertaba camas coas catro deputacións de Galicia. Tamén no 57, dous anos antes que o de Toén, abre en Lugo o Hospital Psiquiátrico de San Rafael“.

As tres institucións diferían na cantidade de pacientes que podían aloxar. Se no caso do sanatorio de Toén a capacidade era de 150 persoas, no de Conxo superaba as 800. “O perfil dos pacientes, a cantidade de persoal e o número de facultativos en relación ao número de ingresados era diferente en cada hosptial. A proporción era moito mellor en Toén, en comparación con Conxo e San Rafael”, explica David Simón.
No relativo aos tratamentos, o psiquiatra conta que a apertura de Toén coincide co momento no que se introduce no arsenal terapéutico o uso dos psicofármacos: “Ata os 60 non os había. Cando abre Toén, xa se usan a Clorpromazina, que é o primeiro antipsicótico, e os seus derivados dende o principio”.
Outros tratamentos que se practicaban nos psiquiátricos daquel momento eran as curas insulínicas —unha práctica que xa non está vixente pola que se inducía un coma hipoglucémico mediante a administración de grandes doses de insulina— e o electrochoque. “Esta práctica tivo usos non correctos, pero usouse en todos os centros públicos e privados de Galicia dende que se lanzou o tratamento e se estendeu por España nos anos posteriores á Guerra Civil”, afirma David Simón. O investigador conta que se tratou dunha novidade terapéutica moi importante, pero que a súa técnica e aplicación foron evolucionando ao longo dos anos. “En Galicia queda en desuso ata principios dos anos 90, coincidindo coa mellora dos aparellos. Cambia a forma de aplicación da corrente: dende entón, sempre se fai en quirófano coa presenza dun anestesista e o consentimento do paciente“, explica Simón Lorda, e engade: “Hoxe en día todos os hospitais do Sergas de Galicia administran electrochoque”.
A innovación de Toén
“Toén tiña un réxime máis aberto. É un hospital que nunca tivo muros“, afirma o investigador. Neste punto está un dos principais factores para considerala como unha institución innovadora. Era habitual que os pacientes saíran dos límites do sanatorio e se relacionaran coas persoas que vivían nas aldeas próximas. Conta David Simón no seu blog Diario de un médico de guardia que este hospital “foi sempre coñecido e nomeado polos veciños do Concello de Toén como ‘El Sanatorio‘”.
Así e todo, o psiquiatra recorda que había pacientes que, como aínda acontece na actualidade, non podían abandonar o recinto da institución e debían permanecer en celas. E mesmo entre quen si saía había algunhas persoas que non vestían roupa de rúa, senón pixamas, “porque se saían era moito máis fácil identificalos sen que marcharan da zona. Tomar esta medida dependía da situación clínica e psicopatolóxica”, explica Simón Lorda.
O investigador apunta que outro dos grandes aspectos positivos de Toén era que se integraban habitualmente programas da laborterapia, como tarefas agrícolas, de xardinería, ou debuxo.
O perfil dos pacientes que chegaban a Toén
“O sanatorio psiquiátrico de Toén foi un hospital para enfermos rehabilitables, non crónicos”, indica David Simón. O investigador conta que os pacientes adoitaban presentar “trastornos mentais severos ou graves. Sobre todo eran cadros do tipo da psicose: esquizofrenia, delirantes, bipolares severos… En menor medida tamén houbo persoas con cadros depresivos graves e alcoholismo”. O psiquiatra explica que, naquel momento, tamén se ingresaban pacientes con discapacidades intelectuais, o que adoitaba agravar outros tipos de trastornos. “Cos anos isto foi cambiando e os pacientes con discapacidades intelectuais comezaron a ingresar noutras institucións específicas ás súas necesidades, sobre todo a partir dos anos 80 e 90”, confirma Simón Lorda.
En Toén houbo unha misteriosa discrepancia entre o perfil dos pacientes nos seus planos e a realidade. “Era un hospital cuxa idea era que fora mixto. Pero dende o 59 ao 82 só ingresaron homes. Nunca soubemos por que o fixeron así, cando sempre se deseñou para homes e mulleres”, recoñece o investigador. O primeiro psiquiatra que dirixiu esta institución, Manuel Cabaleiro Goás, quen faleceu de xeito prematuro en 1977, abogaba por incluír unha sala de hospitalización de mulleres. “Ata o 82, se unha muller precisaba ingreso psiquiátrico na provincia de Ourense, dentro dun sanatorio público, tiña que ir a Conxo ou saír da comunidade“, indica Simón Lorda.
Hoxe, coas ruínas de Toén como recordatorio material da súa pegada de Ourense, a psiquiatría pode afirmar que os pasos que deu foron cara a un mellor tratamento e consideración das persoas que fan uso das súas institucións sanatorias.














