“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973

Jacinta tiña 19 anos cando casou con Severino. Foi internada no psiquiátrico de Conxo en 1937 tras un agravamento dos seus problemas de saúde mental. A súa historia clínica, analizada 90 anos despois, revela unha situación de extrema vulnerabilidade: “O marido dálle moi mala vida”. Os arquivos do psiquiátrico recollen incluso as duras agresións físicas das que foi vítima: “Propinoulle tal malleira que perdeu a vista do ollo dereito”. Mais a historia de Jacinta non é, por desgraza, un caso illado, senón unha representación fiel da violencia machista que sufriron moitas mulleres durante o franquismo. Un estudo da historiadora Noelia Valiño Vázquez rescata ata 23 testemuños de agresións físicas, verbais e psicolóxicas acontecidas entre 1937 e 1973, e conservadas durante décadas no arquivo do psiquiátrico de Conxo.

A investigación ten unha peculiaridade: a inmensa maioría dos relatos analizados proceden das historias clínicas dos maridos, que foron ingresados por trastornos por consumo de alcohol. “Recollen moita información sobre o día a día, o comportamento sexual, o traballo… Incluso se lles entregaba un cuestionario aos familiares”, sinala Valiño Vázquez. En moitos casos eran as súas propias mulleres —ou ben outros familiares moi próximos— quen solicitaban o ingreso dos seus homes no psiquiátrico como estratexia de autoprotección. Durante os interrogatorios, eles non negaban as agresións físicas, verbais e psicolóxicas das que elas os acusaban, pero xustificábanas apoiándose no alcohol, nos celos e na falta de obediencia da muller, que non cumpría co rol imposto de “ama de casa”.

Publicidade

“En Conxo, en ningún momento se rexeitou o comportamento destes homes por ser maltratadores, senón por ser alcohólicos. Como non daban de comer á súa familia estaban mal vistos”, sinala a investigadora, quen tamén subliña os conflitos que xeraban coa veciñanza. “Son 23 historias clínicas, pero hai moitos máis casos”, sostén. A historiadora do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) pon de relevo o importante que son os arquivos de Conxo para afondar no ámbito doméstico; un eido ao que non é fácil acceder pola falta de testemuños escritos. A ausencia de denuncias por violencia machista tamén complica o seu estudo a través da documentación xudicial, polo que as historias clínicas son fontes documentais de gran valor.

Violencia progresiva e extrema

Os casos que recolle o estudo publicado na revista Rúbrica contemporánea son unha manifestación escrita da violencia vivida polas vítimas: “Era gradual e combinada: comezaba coa ameaza verbal e pasaba posteriormente ás agresións físicas de todo tipo“. De feito, no período comprendido entre 1950 e 1960, sete delas sufriron tentativas de homicidio por parte dos seus homes. “Foron golpeadas, insultadas e incluso apuñaladas polos seus maridos, que transformaron as súas vidas nun constante xirar de violencia e loita por sobrevivir”, recolle o artigo. Estas palabras maniféstanse no caso de Pepe, que ingresou en Conxo en 1971. Dous anos antes, apuñalara a súa muller porque, segundo el, púxolle a comida no prato como se fose “un can”. Ou Calixto, quen admite terlle dado á súa muller “unhas labazadas”.

Publicidade

A estes nomes hai que sumar a historia de Hortensia, que chegou á consulta do seu médico cun “grande hematoma na perna dereita” a causa da patada que lle deu o seu marido. Ou Consuelo, que logrou esquivar a morte de madrugada cando o seu marido a intentou asasinar: “A vida familiar foi un inferno”. O nome de Guadalupe —ficticio, como todos os demais, para garantir a protección de datos— tamén resoa con forza, porque o seu marido intentou matala empuxándoa escaleiras abaixo. Os homes de Leonor, Carmela e Flora tamén intentaron asasinalas. E Juana, segundo o testemuño dun primo do seu home, era unha “pobre muller” á que os veciños tiveron que socorrer para que non a matara o marido tras volver de Alemaña.

Sen responsabilidade penal

“Non recibiron ningún tipo de castigo, ao estar totalmente asimilados por unha sociedade e un sistema penal que os consideraba desacordos matrimoniais“, recolle o artigo. O caso de Carmela dá boa mostra de que estes homes estaban exentos de responsabilidade penal. O seu marido foi encarcerado durante dous días en 1956, tras intentar asasinala. “Continuaron as súas vidas totalmente aterrorizadas, forzadas a convivir cos seus verdugos, mentres empeoraba día a día a situación familiar”, apunta o estudo. Así que, para moitas delas, a única forma de escapar desa situación era internando os seus homes no psiquiátrico. Mais era unha solución a curto prazo, dado que non adoitaban estar hospitalizados máis de ano ou ano e medio. “Cando volvían á casa sabían que as mulleres tiveran unha participación nos seus ingresos. Aí aumentaban a violencia e o consumo de alcohol. Eran pacientes moi reincidentes”, indica Valiño Vázquez.

A loita máis evidente das mulleres contra esta violencia sistemática foi intentar internar os maridos, pero tamén puxeron en marcha outras estratexias de autoprotección, como a de fuxir da casa familiar para refuxiarse con pais, fillos ou coñecidos. Ningunha destas opcións, nun momento histórico no que non existía o divorcio, era definitiva, sobre todo cando eles recibían a alta e volvían ao domicilio. Os propios psiquiatras recorrían ás mulleres dos seus pacientes para que se fixesen cargo deles, pasando por alto a violencia machista á que estaban sometidas. Así o recolle un dos arquivos do caso de Hortensia: “A esposa non colabora no tratamento, máis ben polo seu carácter e actitude demostrativa empeora a situación do enfermo, que volveu beber case todas as veces que a viu a ela”.

Unha das habitacións do psiquiátrico de Conxo. Foto: Foto: Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia

Fuxir da casa

Escapar da casa tampouco resultaba, en moitos casos, unha estratexia efectiva, pero si a única en casos límite nos que as mulleres tiñan que protexer a propia vida. Flora, que foi apuñalada en 1969, durmiu varias noites fóra da casa debido ás constantes ameazas do seu home, que insistía en que acabaría con ela. “Algo similar viviu Esmeralda, obrigada a fuxir en 1973 pola ventá cando o seu marido a perseguiu cun coitelo”, indica o estudo. Todas elas son historias dunha sistemática e extrema violencia machista, á que se sumaba unha violencia económica. Esta desprotección obrigábaas a traballar o dobre para sosterse a si mesmas e á familia.

Houbo casos nos que foron as vítimas as que acabaron desenvolvendo un trastorno de saúde mental e ingresaron no psiquiátrico. Foi o caso de Jacinta, que perdeu a vista do ollo dereito tras a malleira de Severino, pero tamén de Agripina. Ingresou en Conxo en 1972, despois de case tres décadas de matrimonio con Secundino. As dificultades cos cartos derivadas do trastorno por consumo de alcohol do marido provocaron unha precaria economía doméstica, e na dependencia dos fillos para sobrevivir. No Nadal de 1971, os seus descendentes decidiron deixar de achegar diñeiro a seus pais. A partir de aí, comezaron os trastornos de comportamento de Agripina, quen mostraba medo e vergoña cando o seu home ía visitala ao psiquiátrico.

Os celos como xustificante

O alcoholismo, por tanto, era a principal xustificación que empregaban os homes ás súas actitudes violentas, pero tamén se utilizaba o argumento dos celos. “Son algúns dos casos máis graves porque as atormentaban”, sinala Valiño Vázquez. O caso de Herminia dá boa conta da situación límite que vivían algunhas mulleres: “Hai un par de anos que se volveu celoso. Célase de todo o mundo. Di que os fillos non son del, que eu saberei quen é o pai. Repíteo a todas horas”. Herminia casara con Ignacio cando ela só tiña 14 anos. El ingresou a petición dela en Conxo en 1968, despois de golpeala e perseguila a pedradas pola rúa tan só un ano antes.

Outro dos casos máis rechamantes que recolle Valiño Vázquez no seu estudo é o de Hortensia, mencionada xa en varias ocasións. O seu home, Agustín, denunciouna en 1971 por calumnias e por ter abortado cando, en realidade, sufrira un aborto espontáneo. “Esta historia clínica permite verificar o elevado nivel de violencia que as mulleres tiveron que enfrontar durante o franquismo, pois incluso a perda do feto era interpretada como unha arma para guindar contra elas”, apunta o artigo. Este tipo de situacións, así como as anteriormente descritas, causaban un dano psicolóxico e físico que afectaba, co paso dos anos, a saúde mental destas mulleres. Porque máis alá da violencia física, o maltrato psicolóxico tamén era patente, mais “deixou moita menos pegada”.

Valiño Vázquez desempoou a historia destas mulleres e rescatou a súa memoria. Revisou miles de historias clínicas e logrou atopar 23 testemuños indubidables da violencia machista na Galicia do franquismo, pero o lamento da investigadora da USC é evidente: “Hai moitos máis casos”. Aínda con nomes ficticios, este estudo non só pon á muller no centro, senón tamén a súa dignidade. Jacinta, Hortensia, Consuelo, Guadalupe, Leonor, Carmela, Flora, Juana, Esmeralda, Agripina e Herminia poñen nome a unha realidade de violencia extrema, de agresións físicas, verbais e psicolóxicas que mermaron as súas vidas. Once historias que saen á luz nove décadas despois, en pleno 2026, cando xa foron asasinadas 25 mulleres. E si, a mans dos seus homes.


Referencia: «A mi mujer la hice una mártir» Relatos de violencia de género desde el Hospital Psiquiátrico de Conxo (Publicado en Rúbrica Contemporánea)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non estaban tolas

Rescatados 23 testemuños de violencia machista dos arquivos do psiquiátrico de Conxo

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

Localizada a foxa do Val en Narón, unha das máis grandes de Galicia

A investigación apunta a inhumación dun mínimo de 51 persoas entre 1936 e 1938 no cemiterio, e a maioría eran mariños, oficiais e suboficiais da Armada

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria