Cando o Goberno puxo en marcha o ingreso mínimo vital atopou un problema que ía máis aló da propia prestación: para calcular o seu custo era necesario estimar cantas persoas cumprirían os requisitos para recibila. A información existía, pero estaba repartida entre diferentes administracións, como a Axencia Tributaria, a Seguridade Social e o Instituto Nacional de Estatística. E aí apareceu un obstáculo difícil de salvar. “Atopámonos co muro da privacidade, da Lei de protección de datos”, explica Fernando Pérez González, investigador do proxecto PROPAGATE e membro do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións do centro atlanTTic da Universidade de Vigo. “Non podes compartir esa información porque non se deu permiso por parte das persoas que a cederon”, apunta.
Sen eses rexistros cruzados, as administracións víronse obrigadas a traballar con estimacións pero, como subliña Pérez González, o do ingreso mínimo vital é só un exemplo dun problema moito máis amplo: “Como podemos facer para que as institucións públicas realicen cálculos sobre eses datos sen que cheguen realmente a cedelos entre si?”. Un reto que tamén afecta á investigación en políticas sociais, economía e sanidade, onde moitos estudos nin sequera chegan a realizarse polas dificultades para acceder aos datos repartidos entre diferentes organismos.
A resposta que propón PROPAGATE non pasa por compartir máis datos, senón por evitar que saian da institución que os custodia. “O que a xente quere saber non son os rexistros de dúas institucións, senón o resultado dunha consulta sobre eles”, resume Alberto Pedrouzo, tamén investigador do proxecto. Segundo explica, as técnicas que están a desenvolver permiten obter ese cálculo “sen ver eses resultados intermedios”: cada organismo segue coñecendo unicamente a súa infrormación e só se obtén a conclusión da consulta autorizada.
Facer cálculos sen acceder aos datos
A tecnoloxía na que traballa PROPAGATE parte dunha idea que, a primeira vista, parece contraditoria: realizar operacións sobre información que nunca deixa de estar cifrada. Para explicalo, Pedrouzo recorre a unha metáfora sinxela: “É como se estivesen dentro dunha caixiña: ti metes un dato nunha caixa e outro dato noutra. O que permite este cifrado homomórfico é que, aínda que estean dentro dunha caixa, ti podes mesturalas”. O resultado é que se poden facer operacións, como unha suma ou un reconto, sen coñecer en ningún momento o contido das “caixas” orixinais.
Na práctica, isto significa que cada organismo mantén baixo o seu control os datos que custodia e que o único que se obtén é o resultado da consulta previamente autorizada. “A Seguridade Social si que coñece esa información túa, a Axencia Tributaria tamén, pero ningunha delas ten acceso aos datos da outra”, resume Pedrouzo. Pérez González engade que o sistema está pensado para traballar con respostas agregadas, como o número de persoas que cumpren determinados requisitos ou a renda media dun colectivo, e insiste en que “o que debería transcender é que, a pesar da súa complexidade, estas técnicas están probadas, están moi estudadas”. O equipo traballa, ademais, en reducir as necesidades de cálculo para facilitar a súa aplicación en escenarios reais.
Do laboratorio ás políticas públicas
As posibilidades desta tecnoloxía van máis aló do cálculo de prestacións sociais. Un dos exemplos nos que xa traballa o equipo é a posibilidade de calcular a renda media dunha parroquia galega combinando información do Instituto Galego de Estatística e da Axencia Tributaria sen que ningunha das dúas institucións teña que compartir os seus datos en claro. As aplicacións abranguen tamén estudos sobre políticas sociais, económicas e investigación sanitaria, en todos aqueles ámbitos nos que a información relevante está distribuída entre diferentes organismos. “Hai moitos estudos que non chegan a facerse polas trabas administrativas que existen para conseguir os datos”, lamenta Fernando Pérez.
Con todo, PROPAGATE aínda está nunha fase de desenvolvemento. Ata agora realizáronse probas con datos simulados e demostracións nos servidores da Axencia Tributaria, mentres o equipo traballa nun proxecto piloto xunto co Instituto Galego de Estatística para validar estas técnicas nun escenario máis próximo á realidade. “Quédalle aínda un camiño para desenvolverse”, recoñece Pérez González, aínda que considera que se trata da alternativa “máis viable no sentido do cumprimento da Lei de protección de datos” para este tipo de análises compartidas.
Os principais obstáculos xa non son sobre todo técnicos, senón legais e institucionais. Alberto Pedrouzo explica que se trata dun ámbito de investigación moi recente, no que aínda faltan estándares, certificacións e guías que dean confianza ás administracións para adoptar estas solucións. “Todo aquilo que non entendes xera certa desconfianza”, resume. A isto súmase a necesidade de demostrar que os sistemas son seguros a grande escala e de superar un proceso de validación que require tamén o apoio das propias institucións públicas.
Unha oportunidade para situar Galicia na vangarda
A investigación sobre criptografía aplicada á protección da privacidade avanza en diferentes países, pero os investigadores de atlanTTic aseguran que aínda non existe unha implantación consolidada deste tipo de tecnoloxías na Administración pública. “Hai moitos intentos”, explica Alberto Pedrouzo, pero a maioría permanecen en fase de piloto ou como demostracións de viabilidade. Esa ausencia de referentes converte tamén PROPAGATE nun proxecto pioneiro, co potencial de situar a investigación desenvolvida na Universidade de Vigo entre as máis avanzadas neste ámbito.
Fernando Pérez considera que España ten a oportunidade de liderar este proceso se consegue combinar o desenvolvemento tecnolóxico co apoio das institucións encargadas de validar a seguridade destas ferramentas. “Esperamos que España tome a iniciativa”, afirma. O investigador subliña que necesidades como cruzar datos entre distintas administracións ou mesmo entre diferentes países europeos serán cada vez máis frecuentes, polo que avanzar cara a sistemas que garantan a privacidade será tamén unha cuestión estratéxica.
Ao equipo aínda lle queda case un ano de traballo dentro de PROPAGATE, pero os seus responsables confían en que o proxecto non remate aí. Pérez González destaca o apoio financeiro recibido da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) e a colaboración coa Axencia Tributaria, que cualifica de pouco habitual polo interese mostrado en levar a investigación á práctica. “Gustaríanos que non morrese aquí”, recoñece. O obxectivo é conseguir novo financiamento para seguir desenvolvendo unha tecnoloxía que, se chega a implantarse, podería facer posibles análises e investigacións que hoxe nin sequera se realizan pola imposibilidade de cruzar datos entre administracións














