atlanTTic impulsa unha rede experimental única de referencia internacional en 5G e 6G

O centro da UVigo desprega no campus de Lagoas-Marcosende unha infraestrutura avanzada para validar comunicacións móbiles de nova xeración en contornas reais

A Universidade de Vigo activaba recentemente no campus de Lagoas-Marcosende unha nova rede experimental de comunicacións móbiles avanzadas que permitirá desenvolver e validar tecnoloxías 5G avanzado e 6G en contornas reais. Esta infraestrutura, presentada hoxe nun acto celebrado no edificio Redeiras, converte o campus nun laboratorio aberto e flexible, preparado para afrontar os desafíos da conectividade do futuro e apoiar proxectos científico-tecnolóxicos de alto impacto. 

A rede estrutúrase arredor de dous proxectos financiados polo Ministerio de Transformación Dixital a través do programa UNICO I+D 6G. Por unha banda, DEN6, un espazo definido por software, dinámico e actualizable, e por outra, mmDEN6, que estende as capacidades cara as frecuencias de ondas milimétricas para o estudo de redes ultradensas 6G. Ademais, a infraestrutura complétase con máis de 3 millóns de euros destinados á adquisición de equipamento punteiro de xeración e medida.

Publicidade

Durante a súa intervención, Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e responsable do proxecto na UVigo, sinalou que “é unha rede única experimental a nivel europeo no sentido de que conta cunha cantidade moi elevada de compoñentes, un número moi elevado de estacións base de radio, equipos de cómputo, sistemas de comunicación ópticos. É un campo de probas no que poderemos implementar unha cantidade enorme de alternativas que noutros sitios non é posible”. Gil manifestou a súa expectativa de que poida ser “un laboratorio vivo que poida avanzar nas novas tecnoloxías cara a redes de sexta xeración”.

No acto de presentación, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asegurou que esta rede experimental “temos que facer o esforzo de estar en primeira liña en todas as innovacións tecnolóxicas, especialmente naquelas que son disruptivas”. O reitor considera que esta rede “permitiranos seguir afondando no talento que temos na casa, que está en primeira liña, e isto non sempre ocorreu, pero agora temos as ferramentas e a UVigo síntese moi orgullosa deste talento”.

Publicidade

Cobertura integral e investigación en ondas milimétricas

A rede está orientada a servizos de conectividade para probas experimentais científicas en contornas reais, e permite a experimentación en escenarios específicos como industria 4.0, lecer dixital, mobilidade intelixente ou educación inmersiva. Felipe Gil resalta que “non estamos ante unha rede comercial ao uso, senón ante un banco de probas avanzado que nos permite modificar desde a capa física ata o núcleo da rede, algo que sería imposible nunha infraestrutura pechada”. Esta capacidade débese á integración de equipamento comercial de última xeración con sistemas de Radio Definida por Software (SDR) e arquitecturas baseadas en SDN/P4, que posibilitan a validación de novos protocolos, formas de onda e solucións completas de rede.

A infraestrutura cobre espazos exteriores e interiores do campus mediante 15 estacións base (gNB) distribuídas en cinco emprazamentos estratéxicos do campus: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o edificio Exeria, o de Deportes, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e CINTECX. Opera en varias bandas, incluíndo 26 GHz, o que permite investigar en ondas milimétricas e emular contornos ultradensos de moi baixa latencia.

“O despregue masivo en banda milimétrica é clave para preparar o salto cara ao 6G”, sinala Gil. “Permítenos estudar a xestión eficiente de mobilidade en redes ultradensas, a migración dinámica de aplicacións en Edge e a automatización baseada en intelixencia artificial”. Cada emprazamento conta ademais con servidores de computación Edge (MEC), o que posibilita o procesado distribuído na periferia da rede e reduce a latencia en aplicacións críticas como o control de drons ou vehículos autónomos.

Aplicacións en industria 4.0

A rede permitirá desenvolver e validar solucións en ámbitos como o vehículo conectado e autónomo, a operación de drons con procesado en Edge ou a realidade estendida (XR), así como investigar en “network slicing” dinámico, roaming entre distintos núcleos e sincronización precisa para aplicacións industriais. “Converte o campus nun banco de probas singular para validar tecnoloxías e estándares antes da súa adopción comercial”, sinalan os responsables do proxecto. A rede concíbese como un Open Lab aberto á colaboración con investigadores e empresas, que poderán acceder mediante un sistema formal de solicitude e avaliación técnica.

Unha infraestrutura estratéxica para Galicia

Contar cunha infraestrutura propia que abrangue todo o campus consolidan á UVigo e a atlanTTic como centro de referencia internacional en 5G avanzado e 6G. “O seguinte paso é evolucionar cara a un contorno plenamente 6G, intensificando a experimentación en arquitecturas cell-free, xestión autónoma ‘zero-touch’ e integración cloud-edge”, apunta Gil Castiñeira. No plano científico, tecnolóxico e económico, a iniciativa contribúe á xeración de coñecemento avanzado, á creación de emprego cualificado e á transferencia de innovación cara a sectores estratéxicos como a automoción e o aeroespacial. En conxunto, a Rede Experimental 5G & 6G converte o campus nun banco de probas real ao servizo da investigación, da empresa e da sociedade galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek

Radiografía das enfermidades raras: ciencia de fronteira, colaborativa e con pouco financiamento 

O grupo de Diana Valverde investiga dende o CINBIO a base molecular das ciliopatías, enfermidades de moi baixa prevalencia que afectan varios órganos causando cegueira, xordeira e malformacións

Un equipo de atlanTTic desenvolve un simulador virtual para mellorar a formación en colonoscopia

LoGiViT é unha ferramenta pensada para reducir custos e facilitar a aprendizaxe inicial dos residentes

A UVigo arquivou a investigación por supostas estadías falsas tras a desaparición de probas

A eliminación do rexistro de entrada no edificio onde ten a súa sede o equipo AA1 condicionou o proceso que solicitaron 13 persoas