En plena expansión do 5G, a rede 6G comeza a dar os seus primeiros pasos. Presente e futuro no que traballan no Laboratorio de redes de comunicación 5G & 6G do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo, que forma parte da Rede CIGUS que integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia. No horizonte, un triplo obxectivo: contribuír ao deseño das comunicacións do mañá, trasladar os avances ao sector produtivo e dar resposta ás necesidades e novos retos da sociedade.
Este laboratorio de atlanTTic, nace de proxectos de I+D realizados no ámbito das comunicacións 5G e cunha orientación moi práctica. Os ciclos de traballo das tecnoloxías de comunicación celular marcan que cando se está implantando unha xeración empézase, sen dilación, a explorar novas ideas e tecnoloxías que permitan ter avances relevantes para a seguinte. Estar á vangarda é a única opción e neste marco os seus investigadores comezan a dar os primeiros pasos nas redes 6G, inda que tardarán varios anos en estar no mercado.
“O proxecto máis relevante que temos agora mesmo é a creación dunha nova rede de experimentación 5G-6G que se despregará sobre todo o campus Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo”, sinala o director do laboratorio, Felipe Gil Castiñeira. Grazas ao financiamento das convocatorias UNICO I+D 6G de 2022 e 2023, que lles permite dispor de preto de 7 millóns de euros, xa están en proceso de adquisición de novos equipos de xeración e medida e ultimando os detalles para instalar dúas redes pioneiras (unha delas na banda de ondas milimétricas) que posibiliten a realización de experimentos avanzados. “Trátase dunha despregadura complexa e innovadora que se executará nos próximos meses”, indica o investigador.

O 6G está nunha fase inicial e exploratoria e malia que se coñecen as vantaxes que terá respecto á rede de quinta xeración, “non están completamente definidas”. Como explica o investigador e profesor da E.E. de Telecomunicación da UVigo Felipe Gil, sábese que vai ter maior velocidade de comunicación, menos latencias ou que vai aproveitar os avances de intelixencia artificial para responder e adaptarse de forma instantánea ás necesidades dos usuarios. “Serán máis eficientes e van habilitar novos usos como a telepresenza inmersiva ou a conectividade ubicua (utilización dun mesmo dispositivos en calquera contorna por remoto que sexa)”, apunta este enxeñeiro de telecomunicación.
O 5G fixo que as redes celulares pasasen de ser unha tecnoloxía basicamente orientada aos teléfonos móbiles e smartphones a cubrir usos novos como ofrecer comunicacións fiables á industria, soportar comunicacións masivas da IoT (internet das cousas) ou asumir comunicacións críticas de baixa latencia no vehículo conectado. O 6G irá un paso máis aló dando mellor soporte a estes usos e “ofrecendo novos servizos aproveitando os terminais de usuario que se espera que aparezan nos próximos anos como, por exemplo, lentes de realidade aumentada de alta resolución ou asistentes virtuais”.
Hoxe en día, o Laboratorio 5G & 6G de atlanTTic ten outras investigacións en marcha, apunta Gil Castiñeira, como poden ser varios proxectos de I+D para o uso do 5G en contornas industriais e de vehículo conectado, incluíndo o uso das tecnoloxías de ondas milimétricas, ou propostas para o uso do 5G e posteriores para as comunicacións entre e con drons.
Outra liña de traballo na que avanzan con varios proxectos é a do Multiaccess Edge Computing “onde estamos a definir novas arquitecturas que simplifiquen a execución e xestión de aplicacións, mellorando as súas prestacións”, explica Felipe Gil.

Os avances e solucións deseñados polos investigadores do Laboratorio de redes de comunicación 5G & 6G teñen efectos prácticos, chegando ao sector produtivo e á cidadanía por distintas vías: a través da colaboración directa con empresas e institucións; coa transmisión de coñecementos nas aulas dos investigadores docentes e a través da creación de spin offs.
Fitos dunha traxectoria recoñecida
Con máis dunha década de existencia ás costas, este laboratorio de atlanTTic ten no seu haber varios fitos que alicerzan unha traxectoria de prestixio recoñecida a nivel internacional. Entre outros, o investigador Felipe Gil destaca: o proxecto Vexo5G coa empresa Optare e con Cellnex, pioneiro en tecnoloxías do 5G como o Network Slicing; o proxecto BestNet que utilizou redes definidas por software para optimizar as redes celulares e que resultou finalista no Lime Microsystems Estendede Hackathon de 2017 ou as propostas FastFlow5G e DYNAMO coas que realizaron probas de optimización de latencia sobre redes celulares, ambas as dúas seleccionadas en dous open call dos proxectos europeos H2020 (ORCA e Fed4Fire+).
Tamén inclúe nesta relación a participación en dúas convocatorias de red.es para realizar pilotos 5G en Galicia. Na primeira colaboraron con Telefónica facendo probas de Network Sciling e estableceron colaboracións con Cisco ou ZTE. Na segunda, con Orange e Optare traballaron man a man sobre tecnoloxías de edge computing.
Non pasou nin un ano desde que o equipamento do laboratorio serviu para colaborar con Cisco na iniciativa Deixando Pegada, na que se usaron as tecnoloxías 5G para que unha persoa con problemas de mobilidade puidese percorrer virtualmente cos seus compañeiros etapas do Camiño de Santiago. Un fito, engade Gil Castiñeira, que se suma á participación do laboratorio no proxecto Facendo 4.0, en colaboración con Stellantis, Gradiant e CTAG.