A tecnoloxía 5G marca o inicio dunha nova era dixital, na que a inmediatez abre o camiño cara innovacións que antes parecían afastadas. Neste eido levan seis anos traballando Alberto Estévez Caldas e Rubén Pérez Vaz no centro atlanTTic da Universidade de Vigo, baixo o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), combinando os seus coñecementos sobre 5G coa tecnoloxía de edge computing. A súa ambición foi levar a investigación máis aló: durante tres anos desenvolveron un produto denominado edgeContinuum, que combina ambas tecnoloxías e está dirixido a empresas de telecomunicacións, como Telefónica ou Orange, ou calquera outra que empregue servizos cloud.
O produto non é unha aplicación final nin un servizo pechado, senón unha plataforma software que permite ás empresas despregar servizos avanzados sobre nodos edge. A súa principal vantaxe é actuar como un panel de control único: dende unha mesma interface, pódense xestionar recursos tanto en cloud pública, como AWS ou Azure, e tamén en servidores locais próximos ao usuario. Pero, que é exactamente o edge computing?
As tecnoloxías de cloud computing foron durante os últimos anos substituíndo aos centros de cómputo privados utilizados tradicionalmente polas empresas. Estas solucións permiten aforrar custos, pero introducen un problema clave: a latencia. Cando se precisa unha resposta en tempo real, por exemplo, nun dron ou nun vehículo autónomo, enviar os datos a un centro de cómputo que non podemos controlar a súa ubicación pode non ser viable. Aquí entra o edge computing: en vez de procesar os datos nunha nube distante, faise nun servidor próximo ao usuario permindo respostas case instantáneas.
Co obxectivo de levar isto á práctica, durante os últimos dous anos levan traballado no proxecto grazas ao programa Ignicia da Xunta de Galicia, que busca trasladar resultados de investigación ao mercado.
A importancia do ‘edge computing‘
Segundo Alberto Estévez, o edge computing comeza a ser relevante cando os grandes proveedores da nube crean monopolio. AWS de Amazon, Google Cloud ou Microsoft Azure concentran unha gran parte dos datos das empresas a nivel global. “O problema é que estas compañías están subindo moito os seus prezos”, explica o investigador da UVigo. Isto provoca que moitas empresas, xa afogadas polos seus propios custos, teñan que asumir pagos elevados a estes xigantes.
Neste contexto entra o edge computing, que traen de novo a nube ás fábricas, permitindo latencia moi baixa e habilitando novas aplicacións. Con todo, traer servidores implica un desafío de xestión: precísase un equipo grande para controlar todo ese volume de información. Por iso, as empresas necesitan unha ferramenta que lles axude e abarate os custos.
Aquí é onde entra edgeContinuum. “Dende o mesmo sitio, podes xestionar os recursos da nube como os que tes na empresa”, explica Alberto Estévez. Deste xeito, evítase ter un equipo enorme de xestión de infraestrutura, podendo realizar as mesmas tarefas cun equipo máis pequeno.
Pero as grandes empresas tamén queren innovar para mellorar a súa rentabilidade. A tecnoloxía de edgeContinuum permite que as operadoras non só vendan conectividade, senón que tamén ofrezan servizos de cómputo próximos ao usuario (edge), ideais para aplicacións que requiren latencia mínima ou que deben permanecer nun ámbito xeográfico concreto.
En tempo real
A plataforma permite a automatización da xestión da infraestrutura e de aplicacións en tempo real. “O obxectivo é que unha empresa poida operar con total flexibilidade, sen depender dun único provedor nin dun equipo técnico especializado”, explica Alberto Estévez, investigador do centro atlanTTic da Universidade de Vigo. Isto permite utilizar sempre a mellor solución ben sexa en términos económicos ou técnicos, sen cambiar de plataforma, e xestionar todas as aplicacións de maneira integral.
Ao colocar servidores preto dos usuarios e aproveitar as capacidades da rede 5G, é posible despregar aplicacións que responden case ao instante. “Se un usuario está en Vigo, a súa aplicación debería executarse nun servidor da mesma cidade”, explica Rubén Pérez, investigador do proxecto. Para iso, emprégase a propia infraestrutura da rede 5G, que permite localizar ao usuario e activar os recursos máis próximos.
Esta combinación entre computación edge e conectividade 5G abre a porta a novos servizos que antes eran inviables. Desde sistemas de videovixilancia intelixente ata control industrial en tempo real, edgeContinuum permite que as operadoras non só ofrezan conectividade, senón tamén capacidades de cómputo distribuído.
Aplicacións prácticas
edgeContinuum está deseñado para adaptarse a múltiples sectores. Entre os máis destacados están a loxística, a industria, o transporte, a automoción e o uso de drons. Nestes ámbitos, a latencia mínima e o control local son esenciais. Por exemplo, un dron que transmite vídeo en directo e recibe instrucións de navegación precisa procesar os datos sen retardos, algo que só é posible cunha solución edge.
Ademais, a plataforma facilita a unificación de servizos. Cada proveedor cloud ou o tecnoloxía de nube privada ten a súa propia solución de xestión, o que complica a operativa para os usuarios que utilicen entornos híbridos. “Unha empresa que empregue edgeContinuum non vai ter que cambiar nin de ferramenta nin de provedor”, explica Rubén Pérez. Isto permite escalar operacións sen perder control nin eficiencia.
Deste xeito, edgeContinuum habilita as novas funcionalidades que promete o 5G coa proximidade do edge para facer posibles estas aplicacións. Actualmente, aínda non teñen a plataforma totalmente activa, pero xa están realizando pilotos reais con operadores de telecomunicacións e centros de datos, poñendo a tecnoloxía a proba en escenarios reais.
Cara a unha nova soberanía digital
O equipo detrás de edgeContinuum ten claro que esta tecnoloxía tamén pode contribuír a reforzar a soberanía dixital europea. Actualmente, a maior parte da infraestrutura cloud está en mans de tres grandes empresas estadounidenses: Amazon, Google e Microsoft. Esta dependencia representa un risco estratéxico para Europa, especialmente en contextos de tensión política ou económica.
“Ter servidores e computación propios en Europa significa maior independencia e competitividade”, sinala Rubén Pérez. edgeContinuum ofrece ás empresas europeas a posibilidade de decidir onde procesan os seus datos, como o fan e con que recursos, sen depender de terceiros.
O futuro da plataforma
O obxectivo inmediato do equipo é consolidar edgeContinuum como unha spin-off da Universidade de Vigo, levando ao mercado unha solución robusta e escalable. Na actualidade, traballan en comercializar a idea entre provedores e operadores, establecendo contactos.
As primeiras intervencións piloto con empresas tamén lles ofrecen a oportunidade de obter feedback para saber que funcionalidades son as máis demandadas. “É clave facer probas para a implementación comercial”, explican.
“O noso obxectivo é captar a atención da maior parte de clientes potenciais”, comenta Alberto Estévez, e desenvolver a plataforma ata convertela nun produto comercial plenamente operativo. edgeContinuum pon nas mans das empresas europeas o poder de decidir, innovar e competir ao máximo nivel.














