Tres proxectos da Universidade de Santiago (USC) acaban de ser seleccionados na quinta convocatoria de Ignicia Proba de Concepto. O programa impulsado pola Xunta de Galicia investirá 1,5 millóns de euros nestas tres iniciativas. As profesoras Clara Álvarez e María José Alonso, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e María Giménez dende o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) liderarán as investigacións.
O programa apoia aqueles proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar, e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou case reais.
Novas terapias en cancro
O proxecto siRNA como terapia para Carcinomas Anaplásicos e Indiferenciados está dirixido por Clara Álvarez Villamarín. A investigadora do CiMUS e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) ten por obxectivo o desenvolvemento, durante dous anos, dunha innovadora terapia (PIAS2b-RNAi) para o tratamento do carcinoma anaplásico de tiroides, un tipo de cancro raro, altamente agresivo e para o que, hoxe en día, non existe tratamento.
Esta nova abordaxe ofrece vantaxes significativas sobre as terapias existentes ao constatar eficacia anticancerosa en investigacións con células de pacientes de carcinomas de tiroides anaplásicos e outros carcinomas indiferenciados de pulmón, gástrico e de páncreas; e ao mesmo tempo non se observan efectos tóxicos en células normais ou benignas tamén doadas por pacientes.
Os tratamentos estándar actuais, como a cirurxía, a radioterapia e a quimioterapia, en combinación, ofrecen un beneficio limitado ou nulo na supervivencia e, a miúdo, só son aplicables á enfermidade en estadio temperán. Para o ATC metastásico, as opcións terapéuticas son escasas e os resultados continúan a ser desalentadores.
“A nosa innovación aborda esta deficiencia crítica ao proporcionar unha terapia de interferencia de ARN específica para cada isoforma, que induce selectivamente a catástrofe mitótica (morte celular) en carcinoma anaplásico de tiroides (ATC) e carcinoma indiferenciado, en cultivos celulares de excedentes doados polos e polas pacientes, e en ensaios preclínicos en modelos animais”, sinala Clara Álvarez.
Este novo mecanismo diríxese á proteína mitótica esencial PIAS2 beta, aproveitando unha vulnerabilidade exclusiva destes cancros agresivos. “A nosa investigación producía pequenas cantidades do composto siRNA no laboratorio, pero isto non é un fármaco”, engade. O proxecto Ignicia permitirá a optimización do siRNA para convertelo nun produto terapéutico que poida ser revisado e rexistrado na Axencia Europea do Medicamento (EMA) para que, posteriormente, se poidan desenvolver ensaios clínicos en pacientes.
Nanotecnoloxía na vangarda
O proxecto Nano-ARN – Plataforma nanotecnolóxica para a transfección de células primarias e terapias autoinmunes baseadas en ARN está dirixido por María José Alonso desde o CiMUS e desenvolverá unha plataforma nanotecnolóxica innovadora. Esta tecnoloxía responde a unha necesidade crítica non cuberta polos reactivos comerciais actuais, permitindo transfeccións con alta eficiencia e baixa toxicidade, esenciais para o desenvolvemento de terapias celulares como as CAR-T, e abrindo novas posibilidades en tratamentos in vivo.
O proxecto sitúase na vangarda das terapias ARN e celulares achegando o gran potencial da nanotecnoloxía para superar barreiras celulares e acceder a células que na actualidade son difíciles de transfectar. A plataforma Nano-ARN ofrece vantaxes clave respecto ás nanopartículas lipídicas (LNPs, sistema de referencia para a entrega de ARN): ata 150 veces máis eficiencia en células T, toxicidade mínima, estabilidade en almacenamento e fluídos biolóxicos, e fabricación máis sinxela e compatible con contornas GMP (Good Manufacturing Practices).
“O proxecto xa conta con evidencia sólida in vitro e in vivo, incluíndo administración eficaz por vía intravenosa, intranasal, intratraqueal e intracerebral”, explica María José Alonso. O proxecto conta con colaboracións clínicas e industriais (Empresa Pública de Servizos Sanitarios GALARIA, Certest, Eli Lilly) e a súa comercialización prevese a través dunha nova spin-off que liderará o desenvolvemento de produto, a produción a escala e as alianzas estratéxicas.
Baterías eficientes e sostibles
A despregadura de enerxías renovables e a modernización das redes eléctricas están a incrementar de forma notable a demanda de sistemas de almacenamento fiables, duradeiros e sostibles. Con todo, as tecnoloxías dominantes presentan aínda importantes limitacións en termos de custo, dispoñibilidade de materiais e vida útil. Neste contexto, as baterías de zinc-bromo emerxen como unha alternativa atractiva para aplicacións industriais e de rede, sempre que se superen algúns retos técnicos asociados ao seu funcionamento e eficiencia.
O proxecto ZinCAGE, liderado por María Giménez, aborda este desafío a través do desenvolvemento dun electrólito acuoso supramolecular patentado que permite estabilizar unha especie activa redox, un composto clave para o proceso de carga e descarga da batería. Este avance evita o uso de axentes complexantes custosos e contribúe a mellorar parámetros clave como a estabilidade electroquímica, a resistencia á corrosión e a supresión de dendritas, un dos principais factores de degradación neste tipo de baterías.
A partir desta formulación, o equipo traballará no deseño e validación de prototipos de baterías de zinc-bromo tanto en configuracións con electrólito en circulación como en sistemas máis compactos de electrólito estático, co obxectivo de facilitar o seu escalado e futura transferencia tecnolóxica.













