Un novo tren de borrascas regará Galicia con acumulados de 300 l/m2 ata o sábado

Meteogalicia activa o aviso laranxa por ondas de ata seis metros no litoral e a alerta amarela por vento, chuvia e neve en varias zonas

A primeira semana de febreiro comeza como as anteriores: con chuvias intensas e persistentes. Un novo tren de borrascas atlánticas deixará ata o sábado importantes acumulados de precipitación. O modelo europeo, segundo indican dende o portal Meteored, estima ata 300 l/m2 nas serras do oeste de Pontevedra. De feito, a alerta laranxa volve estar activada en todo o litoral galego para este luns e martes por temporal costeiro. Tamén está acendido o aviso amarelo por chuvias en boa parte de Galicia. A tregua non parece estar próxima, dado que as previsións estiman grandes cantidades de precipitacións, cando menos, ata o luns 9 de febreiro.

A situación atmosférica está a provocar un tempo inestable non só en Galicia, senón en toda a península. Por unha banda, o anticiclón está situado ao sur das Azores, o que propicia a apertura dun corredor atlántico polo que entran as borrascas. Amais disto, a disposición dos sistemas de altas e baixas presións favorecen a chegada de masas de aire subtropicais e moi húmidas a través dun río atmosférico que conecta a península co Caribe. Isto deriva en precipitacións aínda máis intensas, sobre todo na fachada atlántica.

Publicidade

Unha semana de alertas por chuvias, vento e neve

O conxunto de factores deriva nunha previsión de inestabilidade a medio prazo, con avisos laranxas por ondas de ata seis metros en todo o litoral. Tanto para o luns como para o martes, segundo o último boletín de Meteogalicia, está activada a alerta amarela en distintos puntos de Galicia por refachos superiores aos 80 km/h, acumulacións superiores aos 40 l/m2 en tan só 12 horas e de neve nas montañas de Lugo e Ourense, así como no interior de Pontevedra.

Segundo a previsión, a situación complicarase aínda máis a partir do mércores, cando Galicia quede baixo a influencia dunha nova borrasca situada entre Azores e Portugal. As precipitacións serán máis persistentes no sur e, sobre todo, na madrugada do xoves 5. Precisamente este día entrará unha fronte fría que provocará chuvias persistentes pola mañá e máis intermitentes pola tarde, cando poidan vir acompañadas de sarabia a aparello eléctrico. A fin de semana continuará pasada por auga, con probabilidades de precipitación de ata o 90%, segundo o prognóstico a medio prazo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla