Un río atmosférico fará de Galicia a rexión máis chuviosa de Europa (e unha das máis do planeta)

Un corredor de borrascas atlánticas provocarán acumulados superiores aos 300 l/m2 e un episodio prolongado de inestabilidade na vindeira semana

A borrasca Joseph dá paso a un corredor de baixas presións que se irá sucedendo ao longo da próxima semana. Estas borrascas entrarán polo Atlántico cunha incidencia persistente sobre Galicia, o que a converterá na rexión en terra máis chuviosa de Europa e nunha das máis chuviosas do mundo nos próximos dez días, segundo as previsións de GLOFAS ECMWF. Concretamente, existe unha alta probabilidade de superar os 300 l/m2, con acumulados especialmente elevados no interior de Pontevedra e no leste e suroeste da Coruña. 

Ademais, a península verase afectada pola chegada de tres ou catro ríos atmosféricos xerados no Caribe e outras zonas do oeste do Atlántico tropical. Joseph alberga no seu seo a borrasca Chandra, á que se suma unha pequena depresión que se formará nas próximas horas no noroeste peninsular, segundo informa Meteored.

Publicidade

A xornada do martes estará marcada por chuvascos persistentes e abundantes, acompañados de sarabia e treboadas, especialmente no oeste e interior do territorio, onde en apenas 24 horas poderían superarse os 50 l/m2. A esta situación engadirase un descenso das temperaturas e das cotas de neve, que baixarán ata arredor dos 700 metros.

Por que non para de chover?

Segundo explican dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Galicia está baixo a influencia dunha sucesión de borrascas que se irán encadeando nos próximos días. Antes da chegada da fronte fría, entra un sector cálido con aire moi húmido procedente do suroeste, responsable das chuvias intensas.

Publicidade

No caso do pasado luns, cando a chuvia foi continua, a borrasca foi estacionaria, polo que estivo afectando á mesma zona durante horas. Aínda que o centro da borrasca se desprazaba lixeiramente, seguían pasando bandas de precipitación unha tras outra.

Un técnico da AEMET explica que “estamos nun corredor aberto de borrascas que irán pasando de maneira sucesiva ao longo dos próximos sete días”. Con todo, entre unha borrasca e outra poderían producirse breves períodos de tregua.

Pontevedra e A Coruña

O luns 26 de xaneiro, os rexistros extremos de MeteoGalicia situaron en Pontevedra e A Coruña as estacións con maiores acumulados de precipitación da comunidade. Forcarei encabezou a listaxe con 155,8 l/m2, seguida de Paramos (132,4 l/m2), Cuntis (123,3 l/m2), Vigo (120 l/m2) e Ponteareas (112 l/m2).

Na que vai da xornada do martes, os maiores acumulados rexistráronse entre Ourense e Lugo, sendo Viladervós a estación máis destacada, con 26,2 l/m2. Con todo, segundo indica Meteored, ao longo do día espera unha maior incidencia das precipitacións en Pontevedra, na contorna de Santiago de Compostela e en zonas do sur e oeste de Ourense.

Cesamento da alerta vermella

Tras dous días de vixencia, a alerta vermella por chuvias en terra xa foi desactivada. Con todo, continúa en vigor a alerta laranxa por temporal marítimo en toda a costa, con ondas de 5 a 7 metros, así como a alerta amarela por neve.

No interior de Pontevedra e A Coruña, así como no centro e sur de Lugo e Ourense, o episodio deixará acumulacións superiores aos dous centímetros por riba dos 600-700 metros. Pola súa banda, nas zonas montañosas das provincias orientais espéranse máis de 10 centímetros de neve por riba dos 800 metros.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica