Ingrid golpea Galicia con forza: neve, ventos a 160 km/h e máis de 700 raios

Pontevedra e A Coruña están en alerta vermella por temporal marítimo, onde xa se rexistraron ondas de 16 metros en Cabo Silleiro

Galicia atópase entre as 32 provincias que están este venres baixo aviso meteorolóxico. A comunidade amenceu baixo a influencia da borrasca Ingrid, situada ao sur de Irlanda e que está a deixar neve a 600 metros e ventos de ata 160 km/h. Así, o vento en Punta Candieira (Cedeira) acadou os 163,5 km/h ás 5:30 horas e en Penedo do Galo (Viveiro), os 154,4 km/h ás 6:00 horas. Galicia tamén tivo outros grandes protagonistas: a comunidade chega a máis de 700 raios nas últimas 24 horas.

MeteoGalicia e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) declaran o aviso vermello por temporal marítimo na costa da Coruña e Pontevedra a causa de ondas superiores aos 8 metros e refachos de vento de máis de 100 km/h. Con todo, en Cabo Silleiro (Pontevedra) xa se rexistraron ondas de ata 16 metros. As alertas non cesan no interior: nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense haberá acumulacións de neve de máis de 5 centímetros por riba dos 600 metros. Nas montañas, a situación será máis crítica, con máis de 20 centímetros ao longo do día. Mentres, no interior da Coruña a incidencia será menor, con acumulacións de 2 centímetros.

Publicidade

Este temporal levou á Xunta a cancelar as clases en 160 concellos: todos os da provincia de Ourense, e parte de Lugo e Pontevedra. Así, durante a xornada, non haberá clases nin en centros educativos nin escolas infantís, e tampouco funcionará o transporte escolar. Pero os efectos tamén chegan ás estradas: máis de 130 incidencias que van dende caídas de árbores que dificultan a circulación ata saídas da vía de vehículos pola neve. Ata o momento, Vigo é o concello máis afectado con 13 incidencias.

Máis de 700 raios

Segundo sinalan dende MeteoGalicia, a comunidade experimentou un total de 703 raios. A franxa das 6:00 ás 7:00 horas foi a máis acusada, con 208 raios concentrados entre as Rías Baixas e a Costa da Morte. Polo de agora, as provincias de Lugo e Ourense líbranse deste facto de Ingrid, que deixa relampos sobre todo na costa.

Publicidade

Temperaturas baixo cero

Riós (Ourense) e Alto do Faro, en Chantada, espertaron cos termómetros en negativo. Con -0,4°C ás 8:50 e 7:20 horas, respectivamente, atópanse na zona de influencia por neve. Outros valores negativos atópanse en Lugo: na Serra Vacaloura (Portomarín), en Folgoso do Courel e na Fonsagrada.

Galicia experimentou un total de 703 raios. Foto: MeteoGalicia
Galicia experimentou un total de 703 raios. Foto: MeteoGalicia

Alertas na estrada

Dende o seu perfil de X, a Dirección Xeral de Tráfico aconsella evitar desprazamentos durante a fin de semana no noroeste peninsular. Así, dan unha cifra: máis de 15 vías de alta capacidade poderán verse afectadas polo borrasca Ingrid, ademais de estradas locais e comarcais. Entre as transitables con precaución atópase a AG-53, en Pontevedra, situada á altura do concello de Dozón. Dende a súa páxina web, as cámaras de tráfico amosan estradas tinguidas de branco.

Dende a Xunta de Galicia tamén advirten da necesidade de informarse da situación meteorolóxica e do estado das estradas no caso de ter que viaxar, así como dos puntos de descanso ou refuxio. Antes de saír, débese asegurar o adecuado funcionamento do vehículo, de que o depósito está cheo, levar cadeas e a batería do móbil cargada.

Como evitar que o frío nos custe a saúde

A Consellería de Sanidade, a causa do descenso das temperaturas, lanza unha serie de recomendacións para reducir o seu impacto negativo no organismo, especialmente na poboación máis vulnerable. A roupa de abrigo cómoda, transpirable e en varias capas lixeiras é imprescindible, cunha atención especial a cabeza, pescozo, mans e pés. No caso de chuvia e vento, que é como está a impactar Ingrid en Galicia, é importante usar calzado impermeable e antiescorregadizo, manterse seco e respirar polo nariz para reducir a sensación de frío.

Para reter a calor, recomendan beber líquidos quentes, evitar o alcol e usar estufas con seguridade, ventilando os espazos e apagándoas pola noite. Debe prestarse atención ás persoas máis vulnerables e contactar cos servizos sanitarios en caso de necesidade.

1 comentario

  1. Asturias mandou un Es-alert, e mentres aquí, Rueda de Vil soñando en darlle licenzas gratis a cazadores e bonos pa bolsitos e zapatitos. incomPPetentes!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica