Esta semana os termómetros non superarán os 15ºC en Galicia. Porén, o tempo non só condiciona como nos vestimos ou que planes facemos, senón que tamén pode ter un impacto directo na saúde. Un exemplo é a pouco coñecida alerxia ao frío, ou urticaria por frío, unha afección na que a persoa experimenta unha reacción alérxica ante as baixas temperaturas. O seu principal síntoma é a aparición de urticaria, con lesións habonosas en diferentes partes do corpo, semellantes ás provocadas polo contacto con ortigas.
“A reacción pode chegar a ser xeneralizada, especialmente cando a exposición ao frío é moi intensa”, explica Joaquín Martín Lázaro, alergólogo do Hospital da Coruña e presidente da Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SGAIC). Trátase dunha alerxia sen causa coñecida na maioría dos casos, aínda que en ocasións pode estar asociada a enfermidades autoinmunes, como a tiroidite, ou a outras patoloxías, como a alerxia alimentaria ao glute.
Segundo o especialista, a temperatura que desencadea os síntomas varía de persoa a persoa. Mentres que a maioría da poboación non presenta ningún síntoma a 13ºC, quen sofre alerxia ao frío pode comezar a notar picazón na pel a esa mesma temperatura. Os síntomas poden aparecer pola exposición ao clima —con vento frío ou chuvia moi fría en zonas descubertas, onde xorden as ronchas—, pero tamén en situacións cotiás como lavar as mans con auga fría ou bañarse no mar. Neste caso, a intensidade da reacción dependerá da zona do corpo que se mollou.
Como sei se teño alerxia ao frío?
Hai tres formas de confirmar o diagnóstico de alerxia ao frío que se fan tras revisar o historial médico e facer un exame físico. A máis curiosa é a proba do cubo de xeo: colócase unha peza conxelada na pel do paciente durante uns minutos; se desenvolve ronchas ou inchazón na área, indica unha reacción positiva. Tamén está a de exposición controlada onde, baixo supervisión médica, o paciente pode ser exposto a temperaturas frías nunha contorna controlada para observar as reaccións. No caso da alerxia ao frío, a análise de sangue é a proba menos común. Nalgúns casos realízase para descartar outras condicións que podan imitar a alerxia ao frío.
Así, o tratamento máis eficaz contra esta patoloxía é a prevención. O alergólogo recomenda evitar a exposición ao frío. Cando isto non é suficiente, existen opcións famacolóxicas para controlar os síntomas, como os antihistamínicos. Nos casos máis graves ou persistentes, tamén se probaron tratamentos biolóxicos: estes fármacos son medicamentos máis avanzados que actúan de forma específica sobre determinados mecanismos do sistema inmunitario responsables da reacción alérxica. Un exemplo é o omalizumab.
Os riscos
“O risco máis importante é que se produza unha reacción xeneralizada nun momento crítico”, advirte Martín Lázaro. Isto pode ocorrer, por exemplo, tras unha inmersión completa na auga do mar. Nesta situación, o sangue desprázase cara á pel, prodúcese unha baixada brusca da tensión e a persoa pode chegar a perder o coñecemento. Se o desmaio ten lugar na praia, o perigo é menor; con todo, se sucede dentro da auga, o risco aumenta considerablemente, xa que a persoa pode afogarse.
Nadal en Galicia
O Nadal chegará acompañado dun descenso notable das temperaturas en boa parte de Galicia a partir do xoves 25 de decembro. Os termómetros comezarán a baixar, segundo a previsión climatolóxica de MeteoGalicia, deixando un ambiente plenamente invernal.
Lugo será unha das cidades máis afectadas polo frío, con mínimas que chegarán aos 0ºC e incluso temperaturas baixo cero. Ourense seguirá unha tendencia semellante, con valores mínimos arredor dos 2ºC. Nas cidades do eixo atlántico, o frío tamén se deixará notar: A Coruña, Santiago e Pontevedra rexistrarán mínimas de 4ºC, mentres que en Ferrol os termómetros poderán baixar ata os 3ºC. Vigo manterase como a cidade con temperaturas máis estables, aínda que tamén experimentará un descenso, con mínimas en torno aos 5ºC.












