O inverno boreal comeza este domingo: a estación máis curta do hemisferio norte

O 21 de decembro, ás 16:03 horas, comezará o solsticio, nunha xornada con pouco máis de nove horas de luz solar na latitude galega

Ás 16.03 horas da tarde do domingo 21 comeza o inverno boreal, que se prolongará ata o 20 de marzo ás 15.46 horas. O inicio da nova estación coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste), o que ten como consecuencia que sexa o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas na nosa latitude e que o Sol alcance na culminación a menor altura posible.

Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata comezos de ano. “Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio, un punto que vai reproducindo as posicións medias do Sol ao longo do ano dado que a nosa estrela se despraza aparentemente con velocidade variable”, explica o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.

Publicidade

No hemisferio norte, esta estación é a de menor duración, 88,98 días, fronte aos 89,86 do outono, os 92,74 da primavera e os 93,65 do verán.

Outono menos chuvioso que os precedentes

Meteoroloxicamente, remata outro outono chuvioso en Compostela, pero con menos chuvia que os precedentes. A cantidade total de precipitación recollida no Observatorio Astronómico Ramón María Aller nestes últimos tres meses foi de 730 litros/m2. O día máis chuvioso resultou ser o 13 de novembro con 77 litros/m2, seguido do día anterior con 56,5 l/m2. Por meses, a precipitación do outono nos últimos días de setembro foi de 10,6 l/m2; en outubro, 126,3 l/m2; en novembro, 393,4 l/m2; e nestes primeiros 19 días de mes, de 210 l/m2.

Publicidade

Ademais, nas últimas décadas houbo outonos moito máis chuviosos, coma os de 2024 (770 litros/m2), 2022 (924), 2019 (980), 2023 (1000 ) ou 2000 (1506). En canto ás temperaturas, destacan os dez días de outubro con máximas por riba dos 25 graos, e deles o día 15 con 28,3ºC (máxima absoluta do outono). Seguiulle o día 1 con 28,2ºC e o 14 con 28ºC.

En xeral, apunta Docobo, “as mínimas foron suaves debido fundamentalmente á nebulosidade, cunha mínima absoluta de 1,3ºC o 22 de novembro”.

Fenómenos salientables do inverno

En torno ao 22 de decembro vai ter lugar a choiva de estrelas Úrsidas, e na noite do 3 ao 4 de xaneiro terá lugar o máximo das Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior), unha das máis activas do ano. Tamén o día 3 ás 18.00 horas pasará a Terra polo perihelio, a mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros).

Xa o 17 de febreiro haberá unha eclipse anelar de Sol, visible só dende a Antártida, e o 3 de marzo outra total de Lúa, tampouco visible na Península. “Haberá que agardar ata o 12 de agosto para poder ver dende aquí unha eclipse total de Sol e outra case total de Lúa, o 28 do mesmo mes”, advirte.

O planeta deste inverno vai ser Xúpiter, que estará visible durante toda a noite nos primeiros meses da estación e aproximadamente ata as 4.00 horas da madrugada, mentres que Saturno se poderá observar na noitiña ata finais de febreiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos