Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O concepto asociado á palabra piropo existe dende tempos inmemoriables. Historicamente, definiuse como unha práctica predominantemente masculina, xa que eran os homes quen eloxiaban publicamente a aparencia física das mulleres. Para a investigadora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago (ILG) Estela Fidalgo Garra, o piropo é unha práctica ligada á intención de achegamento afectivo-sexual cara á persoa destinataria. Con todo, a súa investigación, considerada unha primeira exploración do fenómeno, céntrase no papel central do humor na produción do piropo galego.

“Non hai consenso: nin os dicionarios, nin a bibliografía, nin o uso social coinciden na definición”, explica a investigadora. Así, o espectro abrangue dende o afago e as referencias á beleza física ata a intención de “ligar” ou mesmo a práctica machista. O estudo inscríbese no ámbito da pragmática, disciplina que analiza non só o contido literal das mensaxes, senón tamén a maneira en que se formulan. “A pesar de que o piropo se concibe como algo inherentemente cortés, a min parecíame, en ocasións, descortés e incomodábame”, sinala Fidalgo Garra. Precisamente por tratarse dunha práctica socialmente cuestionada, diferénciase doutros comentarios con trazos positivos, como os cumprimentos, os eloxios ou as gabanzas.

Publicidade

Tradicionalmente, os piropos producíanse sobre todo no espazo público —especialmente na rúa—, reforzando así os roles de xénero tradicionais. “Hoxe é reducionista definir o piropo nesas coordenadas sociais: pode darse entre persoas coñecidas, en contextos privados, virtuais e fóra do cisheteronormativo”, apunta Fidalgo Garra.

Humor como elemento central

“O humor, na práctica do piropo, leva moito tempo funcionando como ferramenta de sedución”, sinala Estela Fidalgo. A través do enxeño e da risa xérase complicidade entre dúas persoas a partir dun momento compartido, especialmente nos inicios das relacións. Nas estratexias pseudoencubertas, o humor aparece en forma de metáforas e xogos de palabras. Con todo, a investigadora do ILG explica que se trata dunha “ferramenta ambivalente”. Por unha banda, o humor fai que determinados comentarios resulten máis asumibles socialmente e permite diluír a responsabilidade e os posibles efectos negativos: algo que dito de maneira directa podería percibirse como agresivo preséntase como unha broma. Por outra, tamén pode favorecer a proximidade entre dúas persoas.

Publicidade

No contexto galego, a retranca maniféstase a través de referencias culturais propias, como imaxes vinculadas ao rural ou referentes compartidos capaces de xerar complicidade. “Unha das miñas hipóteses é que esta forma de relacionarnos ten características propias da nosa cultura, non só no que se refire á práctica do piropo, senón tamén polas normas de cortesía que nos regulan”, sostén Estela Fidalgo. Aínda así, segundo explica, as dimensións do piropo continúan sendo un ámbito moi pouco investigado. “Tendemos a pensar que culturas próximas á nosa, como a portuguesa ou a española, funcionan igual, pero pode haber diferenzas na maneira de xestionar o humor, a confianza ou a distancia social”, apunta.

Tipos de piropo

Unha das estratexias máis habituais na creación dun piropo é a metáfora. Pode ir dende expresións como “Estás feito un bollicao!” ata “Os bombóns ao sol derrétense?”. A calor adoita ser unha alusión recorrente neste tipo de comentarios: “Xa tiña calor, pero agora vou derreter”, vinculando a beleza da persoa cunha reacción física intensa. Noutros casos, as referencias conectan co mundo da arte, como en frases do tipo “Non sabía que estaba nun museo, porque menuda obra de arte”.

O uso da comparación tamén é frecuente. Exemplos como “Nunca che confundiron con Sofía Loren?” ou “Vaste presentar para o casting de Baywatch?” recorren a iconas da cultura popular para construír o comentario humorístico. Mesmo aparecen referencias a lugares de Galicia, como no piropo “Esas curvas son mellores cás da Ponte Vilariño!”, que achega familiaridade e retranca á interacción.

Ademais das interxeccións —“Caramba!”, “Carai!”, “Ufff!” ou “Fiu fiuu!”—, tamén destaca o humor autorreferencial. Frases como “Parece que son un home afortunado”, poñendo o foco na persoa emisora, ou “Ao teu lado quedo fatal!”, empregan estratexias de autodesvalorización que buscan suavizar a posible ameaza ou incomodidade do comentario.

Roles de xénero

A metodoloxía da investigación baseouse nun cuestionario realizado a cen persoas galegas heterosexuais: 25 mulleres e 25 homes de entre 18 e 30 anos, e outras 25 mulleres e 25 homes maiores de 40 anos. Esta división responde ás diferentes etapas vitais. “A práctica do piropo asóciase, polo xeral, a un momento vital no que coñeces máis persoas e se produce o espertar sexual”, explica a investigadora. Co paso dos anos e a chegada á adultez, engade, a estabilidade emocional modifica tamén as dinámicas relacionais. O límite dos 40 anos estableceuse a partir de datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan en 38,08 anos a idade media de matrimonio en Galicia.

“As xeracións maiores teñen unha idea do piropo asociada ao enxeño e á retórica”, sinala Fidalgo Garra, aínda que esa percepción convive coa conciencia do seu potencial invasivo. Pola contra, a xente máis nova tende a empregar menos este tipo de estratexias humorísticas e opta por formas máis directas de comunicación. “Somos unha sociedade máis consciente das relacións igualitarias”, apunta. Con todo, a investigadora tamén advirte do posible nesgo nos cuestionarios, xa que as persoas participantes poden responder condicionadas polo que consideran politicamente correcto, aínda que este tipo de ferramentas son habituais nos estudos de pragmática e non adoitan diferir moito do que acontece na realidade.

Segundo Fidalgo Garra, os roles de xénero están cada vez máis diluídos. Se tradicionalmente eran os homes quen contaban coa lexitimidade social para emitir piropos, hoxe as mulleres tamén ocupan ese espazo. “Máis que diferenzas entre quen os di e quen non, o relevante é o tipo de estratexia empregada”, indica. Neste sentido, o estudo conclúe que as mulleres presentan unha tendencia a utilizar estratexias pseudoencubertas, especialmente entre as maiores de 40 anos, pero non máis que os homes. Esta persistencia do humor nos grupos de máis idade podería responder, segundo a investigación, á continuidade do patrón tradicional na práctica do piropo.

Xogo máis ca ferramenta para ligar

“Non está desaparecendo o piropo, estase transformando”, sinala Fidalgo. Cambian as formas de expresar a atracción, os espazos nos que se produce a interacción e tamén as estratexias comunicativas. Entre a xente máis nova, por exemplo, percíbese unha “maior preocupación polo consentimento e a reciprocidade”. Segundo a investigadora da USC, hoxe o piropo prototípico funciona máis como un xogo humorístico ca como unha ferramenta eficaz para ligar.

Fórmulas recorrentes, como as metáforas relacionadas coa comida ou estruturas do tipo “Quen fora…”, son interpretadas por Estela Fidalgo como unha forma de “reciclaxe cultural”—por exemplo, frases como “A de coidado co sol que os bombóns derrétense está moi vista xa?”—. Sobreviven así como parte dun repertorio selectivo moi recoñecible. Porén, estas fórmulas xa non adoitan empregarse cunha intención clara de seducción, senón máis ben para crear complicidade a través do humor. O feito de recorrer a comentarios vistos como antigos ou obsoletos convértese, precisamente, nun recurso para provocar a risa e xerar un momento compartido.

O salto ás redes sociais

Ante a escasa bibliografía existente arredor do piropo, a investigadora do ILG quere continuar esta liña de investigación, poñendo o foco especialmente nas redes sociais como espazos virtuais nos que se transforman as condicións da interacción. “Existe unha distancia que fai que modifiquemos a percepción da ameaza”, explica. Neste sentido, considera que non se percibe do mesmo xeito que unha persoa apareza todos os días debaixo da casa doutra para chamarlle “guapa” a que reaccione constantemente ás súas historias de Instagram. “Ambas situacións poden resultar incómodas e invasivas, pero nas redes sociais están moito máis normalizadas; aínda queda moito por estudar”, conclúe Estela Fidalgo Garra.


Referencia: O papel (des) cortés do humor na produción do piropo galego (Publicado en Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas