Cal é o apelido máis común no teu concello? Consúltao neste mapa

Os sobrenomes patronímicos son os máis frecuentes en Galicia: Rodríguez, Fernández e González son os que contan con máis persoas, aínda que non predominan nas catro provincias

Rodríguez, Fernández e González son os apelidos máis habituais en Galicia. Máis de 580.000 galegos e galegas levan algún destes apelidos, independentemente da súa posición. Con todo, é máis común atopalos como segundo apelido que como primeiro. O récord lévao Rodríguez, presente no nome do 80,01% dos galegos. Se queres coñecer cal é o apelido máis frecuente no teu concello, podes facelo grazas aos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), actualizados por última vez o 1 de xaneiro de 2023.

Os apelidos patronímicos —aqueles que proceden de nomes propios— son os máis frecuentes en Galicia. Así, Rodríguez vén de Rodrigo, Fernández de Fernando e González de Gonzalo. Deste xeito, Rodríguez é o apelido máis común en 84 concellos, seguido de Fernández en 49 e González en 30.

Publicidade

Con todo, só nas provincias de Pontevedra e Ourense algún destes tres apelidos ocupa o primeiro posto. Na Coruña, o apelido máis habitual é García, con 71.756 persoas que o levan —maioritariamente como segundo apelido—, seguido de Rodríguez e Fernández. Mentres tanto, en Lugo destaca a abundancia de López, presente en 44.979 persoas, a maioría como primeiro apelido, seguido de Fernández, con 36.381.

Máis comúns, pero con menos presenza

Non todos os apelidos máis habituais de Galicia son patronímicos. Hai tamén exemplos de orixe toponímica e descritiva que destacan nalgúns concellos. Blanco, por exemplo, é o apelido máis frecuente en Zas (A Coruña), con 261 portadores, e en Xunqueira de Espadanedo (Ourense), con 132 persoas que o levan.

Publicidade

Caamaño é o máis habitual en Carnota (A Coruña), mentres que Canosa ocupa o primeiro posto en Fisterra (A Coruña). Dios é o apelido máis común na Illa de Arousa (Pontevedra), e Trillo destaca en Cee, na Costa da Morte. Tamén atopamos apelidos como Fraga en Tordoia (A Coruña), Lamas en Beariz (Ourense), Mouzo en Camariñas (A Coruña), Nogueiras en Vilar de Santos (Ourense), Noya en Trazo (A Coruña) e Otero no Grove (Pontevedra).

A variedade do primeiro posto reside só en 27 apelidos. Con todo, son unha ferramenta que permite contar a historia de Galicia. Deste xeito, nacen proxectos como a Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG) da Universidade de Santiago (USC), que ademais de investigar a difusión territorial dos sobrenomes, tamén permite preservalos.


Podes consultar a lista dos apelidos máis comúns do teu concello na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla