Vives nunha zona de risco de carrachas? Compróbao nesta aplicación

A plataforma Garrapata Alert combina ciencia cidadá e asesoramento experto para identificar especies e aconsellar no caso de picadura

Dende a primavera e durante os meses que restan ata o outono, Galicia atópase no momento de maior actividade das carrachas. Estes ectoparasitos, como informa o Sergas, están experimentando unha expansión xeográfica motivada polos movementos migratorios de humanos e animais. O aumento de casos de patoloxías que transmiten estes artrópodos, as máis coñecidas sendo a enfermidade do Lyme e a febre hemorráxica de Crimea-Congo, reclama a atención das autoridades sanitarias. Ante esta situación, o Ministerio de Sanidade pon a disposición do usuario a aplicación Garrapata Alert, unha ferramenta de ciencia cidadá para informar sobre as carrachas e alertar da súa presenza.

A plataforma reúne información práctica para a cidadanía, dende instrucións para extraer estes parásitos ata mapas de risco, guías de identificación e recursos para colaborar na súa localización e estudo. Os puntos máis destacados deste espazo son unha ferramenta interactiva na que se presenta o risco de atopar determinados tipos de carracha e a sección de achegas cidadás.

Publicidade

As zonas de risco de Galicia

A aplicación conta cun mapa interactivo que amosa as zonas favorables para diferentes tipos de carrachas. Entre as especies analizadas figuran Dermacentor, Hyalomma, Haemaphysalis, Ixodes e Rhipicephalus. No caso de Galicia, esta última é a que presenta un maior risco de encontro, cunha probabilidade media-alta en toda a comunidade e con áreas de risco elevado nas costas das provincias da Coruña e Lugo, así como en distintos puntos da provincia de Ourense.

Entre as zonas interiores con maior presenza potencial de encontros con Rhipicephalus destacan as áreas situadas entre Amoeiro e Allariz, a contorna de Monforte de Lemos e a comarca de Verín. A presentación destes datos no mapa serve a persoas que poidan atoparase nas áreas con máis vexetación desas zonas —excursionistas, traballadores no medio rural e propietarios de animais domésticos— para que poidan planificar as súas saídas ao monte coa maior precaución posible.

Publicidade

Información para a cidadanía

Garrapata Alert non só ofrece unha guía visual dos puntos máis favorables para o encontro de carrachas, senón que tamén aporta datos prácticos como que facer ante unha picadura destes artrópodos. As recomendacións do ministerio explican que se deben retirar o antes posible, preferiblemente nas primeiras 24 horas, para reducir o risco de transmisión de enfermidades.

A extracción debe realizarse cunhas pinzas de punta roma, suxeitando a carracha o máis preto posible da pel e tirando dela perpendicularmente cara ao exterior, sen xiros nin cambios de ángulo. Pola contra, desaconséllase aplicar aceites, calor ou substancias irritantes, así como esmagar ou perforar o animal, xa que estas prácticas poden favorecer a transmisión de patóxenos.

Unha vez retirada, cómpre comprobar que está completa, incluído o aparello bucal co que permanece ancorada á pel. Posteriormente, a ferida debe limparse con auga e xabón ou cunha solución antiséptica. O ministerio tamén recomenda a través da aplicación conservar o exemplar para facilitar a súa identificación. O ideal é introducilo en alcohol de 70 graos, aínda que tamén pode gardarse nun recipiente hermético se non se dispón deste produto.

Unha acción de ciencia cidadá

Os usuarios poden achegar a información á propia plataforma Garrapata Alert. É posible enviar fotografías para que un grupo de expertos determine a especie da carracha, así como para situar as zonas nas que se produciron encontros co animal.

Ademais, a través da análise do exemplar, a aplicación dá instrucións para identificar a especie que produciu a picadura: apunta que debe observarse o surco que rodea o ano do animal, determinar as características morfolóxicas do aparello bucal e identificar o patrón do seu escudo.

Garrapata Alert complétase cun amplo apartado divulgativo sobre as carrachas: explícase que son, cales son as súas partes anatómicas, os seus estadios de desenvolvemento, a súa alimentación e ciclo vital, así como os hábitats nos que adoitan aparecer. Tamén inclúe unha guía para identificar os principais xéneros e información sobre as enfermidades que poden transmitir, ademais de recomendacións para previr as picaduras e actuar tras sufrilas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A auga da túa billa está contaminada por nitratos? Compróbao neste mapa por concellos

O medio Datadista crea unha ferramenta interactiva sobre o impacto do composto químico, que xa afecta directa ou indirectamente máis dun millón e medio de persoas en España

Como de conectado está o teu concello? Descúbreo con esta ferramenta interactiva

O mapa de Strado puntúa os barrios europeos en función da súa accesibilidade a servizos da vida diaria e social

Sendegal, a nova aplicación para descubrir máis de 120 rutas de sendeirismo en Galicia

A ferramenta impulsada por Turismo da Xunta ofrece mapas interactivos, descargas sen conexión e información detallada dos percorridos

Como son os planos 3D da túa cidade? Descúbreo neste novo visor

Unha ferramenta de código aberto permite xerar maquetas urbanas descargables directamente dende o navegador