A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

A febre hemorráxica de Crimea-Congo é unha enfermidade grave cuxa taxa de letalidade pode acadar o 40%. A doenza, para a que non existe vacina, transmítese a través da picadura de carrachas do xénero Hyalomma. En 2022, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) detectou os primeiros exemplares da especie Hyalomma marginatum nos concellos ourensáns de Viana do Bolo e A Mezquita e, en só dous anos, o número de individuos capturados non só aumentou exponencialmente, senón que conquistou novas zonas do territorio galego: “Detectouse un notable espallamento cara ao norte e ao oeste”. Así o indica o último informe de ReGaViVec, con datos recollidos en 2024, que xa cifra en 27 os concellos nos que se atopou a especie.

O último documento recoñece que se intensificou a detección de Hyalomma marginatum e se ampliou o número de zonas visitadas polo equipo COPAR do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), que se encarga da elaboración do informe. E, de feito, o número de exemplares atopados duplicouse nun só ano. Esta medida deriva tras os resultados obtidos en 2023, cando se confirmou que o virus de Crimea-Congo xa circulaba por Galicia, malia que o risco para as persoas era baixo. Descubriuse a través dunha proba na que 13 animais de granxa deron positivo no virus dado que, malia que non contraen a enfermidade, si desenvolven anticorpos.

Publicidade

No que respecta aos casos en humanos, un documento elaborado polo Instituto de Saúde Carlos III de Madrid contabiliza en España 19 pacientes dende 2016, dos que seis faleceron —todos homes de entre 51 e 80 anos—. En Galicia aínda non se rexistraron casos en humanos, pero no informe ReGaViVec de 2024 xa se detectaron picaduras de Hyalomma marginatum en persoas: “Destaca o aumento de achados da especie […], un total de 17 espécimes soamente en humanos, por 23 en animais”. De novo, volvéronse facer as análises serolóxicas para determinar a circulación do virus en animais, e das 459 mostras analizadas, 14 delas resultaron positivas, o que confirma que a febre hemorráxica de Crimea-Congo está en Galicia.

Distribución en Galicia

A distribución de Hyalomma marginatum no país, en función dos exemplares recollidos polo grupo COPAR, concéntrase nas provincias de Lugo e Ourense. Dos 27 concellos nos que se detectou a carracha que transmite Crimea-Congo, 20 son ourensáns e sete lucenses e, tal e como indican dende o informe, hai unha expansión cara ao norte e ao oeste, tal e como se pode comprobar no mapa. Cada ano aumentan o número de individuos capturados e, mentres en 2022 só se identificaron en dous concellos; en 2023 o número ascendeu a 13; e en 2024 sumáronse outros 12 municipios.

Publicidade

https://datawrapper.dwcdn.net/kCPW8/1/

Ademais das carrachas capturadas, para a elaboración do informe é imprescindible a colaboración de centros de saúde, veterinarios, equinos e incluso particulares, que envían exemplares ao grupo da USC para a análise de mostras. Das positivas, cinco detectáronse en concellos ourensáns de Vilamartín de Valdeorras, O Bolo e Paderne de Allariz. Outras seis, nos municipios lucenses de Navia de Suarna, O Valadouro e Vilalba —estes dous últimos non figuran entre as localidades nas que se atoparon exemplares de Hyalomma marginatum, nin tampouco o ourensán de Paderne de Allariz—. Finalmente, en A Coruña e Pontevedra houbo dous e un positivo, respectivamente, nos concellos de Teo, Brión e Cerdedo-Cotobate. Nestas dúas provincias, o grupo COPAR aínda non identificou a carracha que transmite Crimea-Congo e todos os animais positivos foron equinos ou gando vacún.

Como chegou?

As vacas, os cabalos e animais salvaxes como o xabaril, o cervo e a lebre funcionan como hospedadores de Hyalomma marginatum, que probablemente chegou á península ibérica a través dos fluxos migratorios das aves, das que tamén se alimentan e que lles permiten percorrer grandes distancias. Amais disto, hai outros factores que sinalan dende o grupo COPAR para explicar o incremento de exemplares nos últimos anos: “O aumento de temperatura, e cambios nos patróns de precipitación asociados a cambios no clima que se veñen rexistrando en Galicia permiten o desenvolvemento do ciclo de Hyalomma marginatum“. A actividade desta carracha concéntrase especialmente nas estacións de primavera e verán.

“Trátase dunha carracha que soporta un amplo abano de temperaturas e humidades”, sinalan no informe, dende o que advirten que a técnica do manteo —moi empregada para a captura doutras especies— non é moi efectiva para a recolección de exemplares de Hyalomma marginatum, debido a que é cazadora e persegue ás presas. Nas fases inmaturas, prefiren alimentarse de aves e lagomorfos, como coellos e lebres; mentres que os individuos adultos adoitan escoller grandes animais como cabalos e vacas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente

A árnica mostra unha elevada diferenciación na península ibérica fronte ás poboacións europeas

Un equipo da USC revela as singularidades da planta medicinal e advirte da súa delicada situación polo seu uso continuado en farmacia e cosmética

Un investigador galego explora novas vías para frear futuras pandemias

O científico da USC José Manuel Miranda López participou nun estudo que obtivo resultados moi prometedores, sobre todo para o SARS-CoV-2